Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR486A
Subvencións a concellos para infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais (código de procedemento PR486A), que se indican a seguir:
a) Obras de instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública.
b) Obras de pavimentación de camiños públicos municipais
c) Obras de construción, mellora e ampliación de parques infantís, cubrición de parques infantís ou construción de novos parques infantís cubertos.
d) Obras de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais, obras de adaptación para garantir que resulten accesibles, e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público, mellora da accesibilidade e da seguridade nos espazos ou instalacións deportivas e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.
Gastos subvencionables e requisitos dos proxectos.
1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, como consecuencia da realización dos proxectos de investimento indicados no artigo 1, acordes cos requisitos e criterios indicados neste artigo.
2. Serán gastos subvencionables aqueles que reúnan os seguintes requisitos:
a) Serán subvencionables a execución de obras e a adquisición de equipamentos que sexan imputables ao capítulo VI do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.
b) Para os efectos desta orde, terán a consideración de edificio ou dependencia destinada á prestación dos servizos municipais aqueles relacionados co exercicio de calquera das competencias referidas no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local ou cos servizos incluídos no artigo 26.1 da mesma lei.
c) Os equipamentos subvencionables son a adquisición de mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático, equipamento audiovisual e o equipamento necesario para o desenvolvemento das actividades deportivas.
d) Son subvencionables os custos directamente relacionados cos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectura e enxeñaría. O importe total destes custos xerais non poderá superar o máximo do 12 % do investimento subvencionable.
e) Os proxectos serán completos e de fase única, susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.
3. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables:
a) A adquisición de terreos.
b) Os gastos correntes en bens e servizos necesarios para o exercicio das actividades das entidades locais.
c) Os investimentos de carácter inmaterial non incluídos no número 2 deste artigo.
d) A adquisición de elementos decorativos ou ornamentais.
e) Os proxectos relacionados coa implantación de enerxías renovables ou coa prevención e extinción de incendios forestais, e os proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de prazas, paseos e rúas.
f) As obras de reparación e de mantemento, como rozas e limpezas de gabias ou reparación de fochas en vías públicas; os proxectos de redes de luz pública que consistan unicamente na substitución de lámpadas ou luminarias; ou aqueles destinados á colocación, substitución ou reparación de elementos e pezas illadas en mobiliario ou equipamentos públicos.
g) Os investimentos que substitúan outros financiados anteriormente ao abeiro desta liña de subvencións (PR486A), dos cales aínda non pasasen cinco anos desde a data de certificación do gasto.
Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:
a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2019, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.
b) Ter remitido as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2019 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
No caso das agrupacións ou asociacións de concellos, deberán cumprir ambos os requisitos todos os concellos agrupados ou asociados, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención supoñerá a inadmisión desta.
Obrigas dos beneficiarios.
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:
1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.
2. Xustificar ante o órgano concedente, nos prazos e na forma establecidas nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real.
3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade das actuacións que integran o proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións das características do proxecto subvencionado que o órgano competente poida autorizar consonte as prescricións da normativa de aplicación.
4. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar.
5. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo dos cinco anos posteriores ao seu outorgamento e proceder ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre antes de transcorridos cinco anos do seu remate unha modificación importante que afecte a natureza do investimento ou o seu réxime de propiedade.
O incumprimento da obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame dos bens, será causa de reintegro nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e os bens quedarán afectados ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor.
6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
7. Comunicar ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
8. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.
9. Todas as entidades beneficiarias estarán obrigadas a cumprir as obrigas de información e publicidade establecidas nestas bases reguladoras, que incluirán en todo caso:
– Colocación dun cartel publicitario, durante a execución do proxecto subvencionado.
– Instalación dunha placa explicativa permanente ao remate do proxecto.
As entidades locais que reciban subvención para un proxecto que inclúa actuacións en varios lugares deberán colocar, en todos os lugares en que as actuacións se desenvolvan, os respectivos carteis informativos durante a execución e as placas explicativas permanentes, segundo o modelo que se incorpora como anexo VI a esta orde.
10. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
11. Proceder ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, seguindo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:
a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 60 % do orzamento dalgunha das actuacións subvencionables. Exceptúanse as reducións no custo final do proxecto respecto do orzamento que derivan de baixas de licitación a favor da proposición economicamente máis vantaxosa.
b) Incumprimento da obriga de xustificar a efectividade dos pagamentos derivados da execución do proxecto subvencionado, nos termos establecidos no artigo 20 desta orde.
c) En todo caso será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere o custo final xustificado do proxecto subvencionado.
d) Incumprimento da normativa vixente en materia de contratación do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das entidades locais
e) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de cinco anos. O incumprimento da obriga de destino referida producirase, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens e quedarán estes afectos ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor.
f) De conformidade co previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o incumprimento da obriga de dar a adecuada publicidade do cofinanciamento das actuacións nos termos establecidos nos artigos 15.10 e 17.3.d) desta orde.
g) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita Lei de subvencións de Galicia ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.
Nas solicitudes de agrupacións ou asociacións de concellos, responderán de forma solidaria todos os concellos integrantes da agrupación ou asociación.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Administración Local
Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais
Praza de Europa, 5-A, 4º - Polígono de Fontiñas
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546220
Fax: 981546569
Prazo de presentación: PECHADO
21/01/2021 00:00 - 22/02/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Cada concello poderá presentar ata dúas solicitudes, sempre que unha delas sexa individual e a outra sexa unha solicitude conxunta, de agrupacións ou asociacións de concellos. En todo caso, ambas as solicitudes deberán ser para actuacións diferentes.
A inclusión dun concello nunha solicitude de xestión compartida dunha asociación ou agrupación de concellos exclúe a posibilidade de participar con outros concellos noutra solicitude e só é compatible coa presentación dunha solicitude individual de concellos.
Cando o órgano tramitador observe que un concello participa en máis dunha solicitude individual de concellos e/ou en máis dunha solicitude de agrupacións ou asociacións de concellos, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.
De non se ter recibido a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes en que o concello participe.
b) Cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que en cada proxecto se poderá incluír máis dunha actuación. Malia o anterior, nas solicitudes para investimentos presentadas por agrupacións ou asociacións de concellos, cada proxecto deberá corresponderse cunha única actuación e constituirá causa expresa de inadmisión a presentación de solicitudes conxuntas para a realización dun proxecto de investimento que inclúa máis dunha actuación.
Para os efectos desta orde, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións, susceptibles de definición individualizada, para as cales se solicita subvención.
Cada actuación virá definida no documento que corresponda segundo a súa tipoloxía:
a. Equipamento: memoria detallada e valorada.
b. Obras: proxecto/s ou anteproxecto/s.
O orzamento total da solicitude e, xa que logo, do proxecto, é o resultado da suma dos orzamentos parciais das actuacións que o integran, incluído o imposto sobre o valor engadido.
c) Que a entidade solicitante teña a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou predios en que se pretende realizar as actuacións.
Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II ou pola secretaría do concello representante no modelo do anexo III, segundo proceda. Neste último caso, a certificación emitirase con base na emitida pola secretaría do concello en que se localicen os terreos ou predios en que se vaia desenvolver cada unha das actuacións que integran o proxecto.
Para os efectos desta orde entenderase que existe plena dispoñibilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención non están pendentes de ningunha autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, ben por dispoñer dela ou por non ser preceptiva.
d) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde con base no proxecto, anteproxecto ou memoria detallada ou valorada, segundo o caso, e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.
Este acordo deberá estar adoptado antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II ou pola secretaría do concello representante no modelo do anexo III. Neste último caso emitirase a certificación con base nos acordos adoptados, antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, por cada un dos concellos que integran a asociación ou agrupación, e incluirá a designación dun/dunha alcalde/alcaldesa como persoa representante única que actuará como coordinadora e interlocutora ante a Dirección Xeral de Administración Local e será quen reciba e xustifique a subvención.
e) Sen prexuízo doutros supostos en que proceda a inadmisión da solicitude, para as solicitudes formuladas por agrupacións ou asociacións de concellos establécese expresamente a inadmisión daquelas solicitudes en que non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para a cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.
2. Os concellos que desexen formular unha solicitude conxunta deberán regular a agrupación ou asociación mediante un convenio de colaboración que achegarán xunto coa solicitude e que terá o contido mínimo obrigatorio que se establece no artigo 7.6 desta orde.
3. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.
Forma de presentación de solicitudes.
1. Os concellos, individualmente, asociados ou agrupados que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se establece no artigo 6 ou no artigo 7 desta orde, segundo proceda.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria á solicitude individual.
Os concellos interesados deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:
1. Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante do concello solicitante, incluída no anexo I desta orde, na cal se fai constar:
a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.
Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.
c) Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.
2. Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo II, na cal se faga constar:
a) O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.
No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.
b) A remisión das contas do concello ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2019, á cal fai referencia o artigo 3.1.b) desta orde.
No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión.
c) A plena dispoñibilidade do concello sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que o concello, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa ten a dispoñibilidade sobre eles, nos termos establecidos no segundo parágrafo do artigo 3.2.c) desta orde.
d) Dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) do orzamento liquidado da entidade do ano 2019, para o cálculo do esforzo fiscal do concello.
3. Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local.
4. Ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, nas solicitudes de subvención para obras, deberá achegarse proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar, asinado electronicamente polo técnico ou pola técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:
– Memoria explicativa.
– Orzamento detallado, desagregado a nivel de partida, con indicación das unidades e prezos de cada unha. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global.
– Planos a escala e detalle suficientes para describir as actuacións.
– Planos do Sixpac indicando as coordenadas UTM de cada unha das actuacións que integran a solicitude.
No caso de parques infantís, será obrigatoria a súa adaptación á normativa europea para este tipo de instalacións.
5. Nas solicitudes de subvención para equipamento, ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, deberá achegarse unha memoria detallada e valorada do equipamento para o cal se solicita subvención, asinada electronicamente pola persoa representante do concello solicitante, que conterá a descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado.
Documentación complementaria á solicitude conxunta.
As agrupacións ou asociacións de concellos interesados deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:
1. Declaración responsable asinada electronicamente polo alcalde ou pola alcaldesa representante da asociación ou agrupación de concellos, incluída no anexo I, na cal se fai constar, con base nas declaracións responsables emitidas polos alcaldes e/ou alcaldesas de cada un dos concellos asociados ou agrupados participantes na solicitude:
a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
b) Que ningún dos concellos integrantes da solicitude está incurso nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.
Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.
c) Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.
As declaracións orixinais emitidas polos concellos integrantes da asociación ou agrupación deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.
2. Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello representante no modelo do anexo III, na cal se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados ou agrupados e/ou nas certificacións emitidas polas persoas secretarias dos concellos participantes na solicitude:
a) Que todos os concellos integrantes acordaron solicitar subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, mediante a fórmula de xestión compartida e que aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.
No referido acordo, que deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, constará expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde.
b) O nomeamento do alcalde ou da alcaldesa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación ou asociación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a, perceptor/a e xustificador/a da axuda.
c) O compromiso solidario de execución e de aplicación solidaria da subvención.
d) Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do exercicio orzamentario 2019 ao Consello de Contas, segundo exixe o artigo 3.1.b) desta orde. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que a data de sinatura do certificado implicará que a data de remisión das respectivas contas ao Consello de Contas se efectuou en todo caso nunha data anterior á emisión do certificado.
e) A plena dispoñibilidade dos concellos sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que os concellos, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa teñen a dispoñibilidade sobre eles, nos termos establecidos no segundo parágrafo do artigo 3.2.c) desta orde.
f) Certificación referida aos dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) dos orzamentos liquidados dos concellos do ano 2019, para o cálculo do esforzo fiscal da entidade solicitante.
g) Certificación referida ao importe total dos capítulos de gasto de capital (V a IX) dos orzamentos vixentes dos concellos participantes na solicitude.
Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta de referencia expresa ao contido determinado en calquera das letras desta alínea 2, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas ou asociadas, determinará a inadmisión da solicitude conxunta.
Os acordos orixinais emitidos polos concellos integrantes da asociación ou agrupación, así como as certificacións emitidas polas persoas secretarias destes concellos, entre as cales se atopará, en todo caso, a certificación de plena dispoñibilidade dos terreos emitida pola persoa secretaria do concello en que se van desenvolver as actuacións, deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.
3. Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade solicitante.
Esta memoria xustificativa conterá unha memoria de aforro de custos, na cal se fará constar en cadro comparativo a diferenza dos custos da execución compartida respecto da execución individual por cada concello participante. Neste cadro comparativo consignarase o importe do orzamento da actuación conxunta e os importes en euros que representen o cálculo do custo que a execución individual da actuación produciría para cada un dos concellos.
4. Ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, nas solicitudes de subvención para obras deberá achegarase proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar, asinado electronicamente polo técnico ou pola técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:
– Memoria explicativa.
– Orzamento detallado, desagregado a nivel de partida, con indicación das unidades e prezos de cada unha. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global.
– Planos a escala e detalle suficientes para describir as actuacións.
– Planos do Sixpac indicando as coordenadas UTM da actuación.
No caso de parques infantís, será obrigatoria a súa adaptación á normativa europea para este tipo de instalacións.
5. Nas solicitudes de subvención para equipamento, ademais da documentación indicada nos puntos anteriores deberá achegarse unha memoria detallada e valorada do equipamento para o cal se solicita subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da agrupación ou asociación solicitante, que conterá a descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado.
6. Convenio de colaboración que regule a asociación ou agrupación de concellos, co seguinte contido mínimo obrigatorio:
a) Concellos que subscriben o convenio e capacidade xurídica con que actúa cada unha das partes.
b) Obxecto do convenio, obxectivos e actuacións que acorden desenvolver para o cumprimento da actuación subvencionada, de ser o caso.
c) Designación de alcalde ou alcaldesa como representante único que actuará como coordinador/a e interlocutor/a ante a Dirección Xeral de Administración Local e será quen reciba e xustifique a subvención.
d) Os compromisos de execución asumidos por cada membro da asociación ou agrupación de concellos que incluirán unha referencia expresa ás porcentaxes e/ou importes de financiamento do proxecto que achegará cada un dos concellos participantes.
e) En ningún caso a participación de cada un dos concellos poderá ser inferior ao 25 % do orzamento total do proxecto. En agrupacións ou asociacións de catro ou máis concellos, as porcentaxes de participación deberán ser a partes iguais.
f) O compromiso solidario de execución e de aplicación solidaria da subvención.
g) O compromiso de non disolver a agrupación ou asociación mentres non transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 65 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Forma de presentación da documentación complementaria para a tramitación do procedemento.
1. A documentación complementaria deberá presentarase electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da informacion orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (DOG nº 12 do 20 de xaneiro de 2021).
-
Extracto da Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (DOG nº 12 do 20 de xaneiro de 2021).
-
Orde do 21 de outubro de 2021 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (Diario Oficial de Galicia número 12, do 20 de xaneiro) (DOG nº 207 do 27 de outubro de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración de concello emprendedor.
Aberto todo o ano
Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.
Aberto todo o ano
Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.
Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59
Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.
Aberto todo o ano