Guía de procedementos e servizos

PR461B

Inscrición no proceso selectivo unitario de policía local. Oposición libre.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 01/07/2024 00:00 - 29/07/2024 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Aprobar as bases xerais reguladoras e convocar o proceso selectivo de acceso por oposición libre nos corpos de Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía.

Persoas aspirantes aos Corpos da Policia Local.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Secretaría Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Servizo de Coordinación, Planificación e Selección

Rúa da Cultura, s/n

36680  Estrada, A  (Pontevedra)

Teléfono: 886206127

Email: seleccion.agasp@xunta.gal

https://agasp.xunta.gal/es

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

01/07/2024 00:00 - 29/07/2024 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial del Estado. O anuncio desta convocatoria será publicado tamén nos boletíns provinciais das catro provincias galegas.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ter feitos os dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, a idade de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión da titulación académica de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa fose separada ou inhabilitada.

f) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.

g) Ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B.

h) Compromiso por escrito de portar armas durante o servizo e, se é o caso, chegar a utilizalas nos casos e circunstancias legalmente establecidos, que presentará en forma de declaración xurada ou segundo o modelo que se exixa na convocatoria.

i) Presentación dun informe de saúde, asinado por persoal facultativo, en que se faga constar expresamente que a persoa aspirante reúne as condicións físicas e psíquicas para realizar os exercicios físicos que se especifiquen na correspondente proba da oposición, que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no dito informe. Este informe de saúde debe ser expedido dentro dos 15 días inmediatamente anteriores á data de realización da primeira proba de aptitude física.

Os requisitos enumerados, para o acceso por oposición libre, deberán acreditarse na data de presentación da solicitude, dentro do prazo fixado nesta convocatoria, e deberanse manter ata que remate o proceso.

  • Inscrición nos procesos selectivos para a selección dos membros dos corpos da policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local derivada da cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos ( 30.03.04)

Pode realizar o pago destas taxas na sede electrónica como un dos pasos da tramitación en liña.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal, que é o anexo I desta orde (código de procedemento PR461B).

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame» se o texto da primeira proba deberá entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.

Presentación electrónica. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Taxas.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso deberase aboar dentro do prazo de presentación de solicitudes, en concepto de dereito de inscrición, o importe de 33,13 euros e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes.

O pagamento da taxa poderá facerse:

a) Electronicamente: con cargo a unha tarxeta de crédito ou débito e, no caso de que se teña certificado dixital, poderase tamén facer con cargo a unha conta bancaria da persoa titular. No momento de facer o pagamento obterase un xustificante (modelo 730).

b) Presencialmente: neste caso deberase imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle deberá selar o xustificante coa data do pagamento.

Os códigos para cubrir as taxas son os seguintes:

Consellería: Presidencia, Xustiza e Deportes. Código 04.

Delegación: Servizos Centrais. Código 13

Servizo: Academia Galega de Seguridade Pública. Código 19

Taxa: Denominación: inscrición nos procesos selectivos para a selección de persoal dos corpos da Policía Local de Galicia. Código 30.03.04.

A falta de pagamento da taxa correspondente ou a falta de xustificación desta en prazo determinará a exclusión no proceso da persoa aspirante, e non será posible a súa corrección fóra do prazo de presentación de solicitudes.

A presentación do xustificante de aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso.

Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.

Exención e bonificación no aboamento da taxa.

a) Estarán exentas do pagamento desta taxa por dereito de inscrición:

• As persoas con discapacidade igual o superior ao 33 %.

• As persoas membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

b) Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa ás:

• Persoas membros de familias numerosas de categoría xeral.

• Persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

• Vítimas do terrorismo, tal e como se describe no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a documentación que se especifica no punto 3.4 desta orde.

Devolución das taxas.

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listas, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Para iso será necesario presentar un escrito en que se solicite a devolución e no cal consten o número de conta (24 díxitos), a entidade financeira e a súa localidade, ou ben un certificado expedido pola entidade financeira en que figuren eses datos. Esta documentación deberá ser dirixida ao Servizo de Coordinación, Planificación e Selección da Agasp. A presentación deste escrito sen os datos indicados ou fóra de prazo suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

Documentación complementaria.

a) Solicitude (anexo I) debidamente cuberta e asinada (código de procedemento PR461B).

b) Xustificante do pagamento da taxa con código 30.03.04: modelo 730 ou 739, dependendo de se o pagamento foi electrónico ou presencial, dentro do prazo establecido.

c) Certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o devandito carácter sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, xa que nese caso se poderá consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.

d) Tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedido polo órgano competente na materia, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

e) Resolución administrativa pola que se recoñeza a condición de vítima de terrorismo, de ser o caso.

f) No caso de ser demandante de emprego: a) certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e b) antigüidade como demandante de emprego.

g) Certificado do Celga 4 ou equivalente, sempre que non sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, xa que nese caso se poderá consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.

Presentación.

Para o proceso de acceso por oposición libre (PR461B): os documentos relacionados no punto 3.4.1.1 desta orde presentaranse preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Responsabilidade. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

Presentación separada. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código do procedemento (PR461B ou PR461D) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Tamaño máximo e formatos admitidos. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

Para tramitar estes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Título oficial non universitario exixido (bacharelato, técnico ou equivalente).

d) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.

e) Consulta dos permisos de conducir da persoa solicitante.

f) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Titulo de familia numerosa expedido pola Administración autonómica.

b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia

c) Situación de desemprego.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Para o proceso de acceso por oposición libre (PR461B): a sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao comezo do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os devanditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 85 do 3 de maio de 2007).

    • Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada (DOG nº 22 do 2 de febreiro de 2009).

    • Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (DOG nº 222 do 22 de novembro de 2017).

    • Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2023).

    • Orde do 31 de maio de 2024 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461D) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía (DOG nº 114 do 13 de xuño de 2024).

    • Corrección de erros. Orde do 31 de maio de 2024 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461D) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía (DOG nº 118 do 19 de xuño de 2024).

    • Resolución do 31 de xullo de 2024 pola que se nomea o tribunal que deberá cualificar o proceso selectivo de acceso por oposición libre nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía (código de procedemento PR461B), convocado mediante a Orde do 31 de maio de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 114, do 13 de xuño). (DOG nº 152 do 7 de agosto de 2024).

    • Resolución do 2 de agosto de 2024 pola que se declara a tramitación de urxencia no proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) e no proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461D) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía, convocado mediante a Orde do 31 de maio de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 114, do 13 de xuño).(DOG nº 154 do 9 de agosto de 2024).

    • Resolución do 2 de agosto de 2024 pola que se aproban e se fan públicas as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo de acceso, por oposición libre (código de procedemento PR461B), nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía. (DOG nº 156 do 13 de agosto de 2024).

    • Resolución do 23 de agosto de 2024 pola que se aproban e se fan públicas as relacións definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo de acceso, por oposición libre, aos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía, e se anuncian o lugar, a data e a hora do primeiro e do segundo exercicios (DOG nº 168 do 2 de setembro de 2024).

  • Ámbito Estatal
    • Resolución do 20 de xuño de 2024, da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se publica a convocatoria do proceso selectivo de acceso por oposición libre e proceso de provisión por mobilidade nos corpos de Policía Local de Galicia, Escala Básica, categoría de Policía (BOE nº 156 do 28 de xuño de 2024).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR460A

Subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 29/01/2026 00:00 - 02/03/2026 23:59

PR460D

Subvencións a entidades locais para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento en espazos e instalacións acuáticas

Tramitar en liña

Prazo aberto: 05/02/2026 00:00 - 04/03/2026 23:59

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR467A

Medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia e outras condecoracións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano