Guía de procedementos e servizos

PR461A

Inscrición no proceso selectivo unitario auxiliar da Policía Local.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 03/03/2025 00:00 - 14/03/2025 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

A provisión, mediante contrato laboral temporal, dos postos de auxiliares de policía local dos concellos que se detallan no anexo II e a creación da listaxe de colaboración para a súa contratación.

Persoas aspirantes a Policía Local.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Secretaría Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Servizo de Coordinación, Planificación e Selección

Rúa da Cultura, s/n

36680  Estrada, A  (Pontevedra)

Teléfono: 886206127

Email: seleccion.agasp@xunta.gal

https://agasp.xunta.gal/es

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

Prazo de presentación: PECHADO

03/03/2025 00:00 - 14/03/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As persoas interesadas en participar neste proceso deberán acreditar que cumpren os seguintes requisitos dentro do prazo fixado nesta convocatoria para a presentación de solicitudes, e deberán mantelos durante o procedemento de selección, contratación e/ou permanencia na listaxe de reserva:

a) Cumprir os dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

b) Ter a nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea, así como tamén as persoas estranxeiras con residencia legal en España, nos termos previstos no artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril.

c) Ter superada a educación secundaria obrigatoria, título de graduado escolar ou equivalente, correspondente ao grupo C, subgrupo C2, do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.

d) Non ser despedido/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a que pertencía.

e) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.

  • Inscrición nos procesos selectivos para a selección dos membros dos corpos da policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local derivada da cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos ( 30.03.04)

Pode realizar o pago destas taxas na sede electrónica como un dos pasos da tramitación en liña.

1. Forma de presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal, que é o anexo I desta orde.

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Idioma da primeira proba.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame» se o texto da primeira proba deberá entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.

3. Taxas.

3.1. Aboamento das taxas.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso, deberase aboar dentro do prazo de presentación de solicitudes, en concepto de dereito de inscrición, o importe de 26,99 euros e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes.

O pagamento da taxa poderá facerse:

a) Electronicamente: con cargo a unha tarxeta de crédito ou débito e, no caso de que se teña certificado dixital, poderase tamén facer con cargo a unha conta bancaria do titular. No momento de facer o pagamento obterase un xustificante (modelo 730).

b) Presencialmente: neste caso deberase imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle deberá selar o xustificante coa data do pagamento.

Os códigos para cubrir as taxas son os seguintes:

Consellería: Presidencia, Xustiza e Deportes. Código 04.

Delegación: Servizos Centrais. Código 13.

Servizo: Academia Galega de Seguridade Pública. Código 19.

Taxa denominación: inscrición nos procesos selectivos para auxiliares de policía local. Código 30.03.04.

A falta de pagamento da taxa correspondente ou, a falta de xustificación desta, no prazo, determinará a exclusión no proceso da persoa aspirante, non sendo posible a súa corrección fóra do prazo de presentación de solicitudes.

A presentación do xustificante do aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación, no tempo e na forma, da solicitude de participación no proceso.

Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.

3.2. Exención e bonificación no aboamento da taxa.

a) Estarán exentos do pagamento desta taxa por dereito de inscrición:

• Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

• Persoas membro de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

b) Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa ás:

• Persoas membro de familias numerosas de categoría xeral.

• Persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

• Vítimas do terrorismo, tal e como se describe no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a documentación que se especifica no punto 3.4 desta orde.

4. Documentación que hai que presentar para participar no proceso selectivo.

4.1. Documentos:

a) Solicitude (anexo I) debidamente cuberta e asinada.

b) Xustificante do pagamento da taxa co código 30.03.04: modelo 730 ou 739, dependendo de se o pagamento foi electrónico ou presencial, dentro do prazo establecido.

c) Certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial, ou carné familiar en que conste o devandito carácter, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, xa que nese caso se poderá consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.

d) Tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedido polo órgano competente na materia, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, xa que nese caso se poderá consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.

e) Resolución administrativa pola que se recoñeza a condición de vítima de terrorismo, de ser o caso.

f) En caso de ser demandante de emprego: a) certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego, e b) antigüidade como demandante de emprego.

g) Certificado do Celga 3 ou equivalente, sempre que non sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, xa que nese caso se poderá consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.

h) Documentación acreditativa da representación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

4.2. Presentación. Os documentos relacionados no punto anterior presentaranse preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentala presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4.3. Responsabilidade. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

4.4. Presentación separada. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código do procedemento (PR461A) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4.5. Tamaño máximo e formatos admitidos. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Título oficial non universitario exixido (graduado en ESO ou equivalente).

d) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.

e) Certificado do Celga 3 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Titulo de familia numerosa expedido pola Administración autonómica.

b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia.

c) Situación de desemprego.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

6. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao comezo do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 85 do 3 de maio de 2007).

    • Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada (DOG nº 22 do 2 de febreiro de 2009).

    • Corrección de erros.-Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada (DOG nº 31 do 13 de febreiro de 2009)

    • Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (DOG nº 222 do 22 de novembro de 2017).

    • Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2023).

    • Orde de do 25 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo unitario para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de postos de auxiliares de policía local (DOG nº 41 do 28 de febreiro de 2025).

Outros procedementos relacionados

IN690A

Habilitación - Modificación de entidades de certificación de conformidade municipal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR204D

Queixa ou denuncia de asistencia xurídica gratuíta.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR467A

Medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia e outras condecoracións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano