Guía de procedementos e servizos

PE610A

Axudas para accións formativas que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 02/02/2026 00:00 - 20/10/2026 23:59

Consellería do Mar

Sobre o procedemento

Regular a convocatoria para o ano 2026, para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para accións formativas, financiadas polo FEMPA, que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro.

Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais de reparación de redes e as súas federacións, así como as demais asociacións de profesionais xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro e teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Subdirección Xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais

Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-pesqueiras

Rúa dos irmandiños, s/n, Salgueiriños

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546141

Email: cma.dxdesenvolvemento@xunta.gal

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

02/02/2026 00:00 - 20/10/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará o quinto día hábil posterior ao día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería do Mar, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

b) O 20 de outubro de 2026.

- Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que se atopen nalgún dos supostos establecidos nos números 1, letras a) e b), e 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) As sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As incursas nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte da solicitude unha declaración responsable en que a persoa representante da entidade fai constar os seguintes aspectos:

a) Se solicitou ou se lle concedeu algunha outra axuda para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

E que a entidade que representa:

a) Respecta a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea.

b) Ten en conta e promove a igualdade entre mulleres e homes.

c) Evita calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual.

d) Ten en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.

e) Cumpre os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia.

g) Non se atopa en ningún dos supostos establecidos nos números 1, letras a) e b), e 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, é dicir:

1º. Ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, ou o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC.

2º. Ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40.3, do Regulamento (CE) nº 1005/2008, ou dalgún buque con pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no artigo 33 do citado regulamento.

3º. Ter cometido fraude, tal e como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371, no contexto do FEMP ou do FEMPA, e así o determinase a autoridade competente.

h) Non foi sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións, ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

i) No caso das confrarías de pescadores e as súas federacións, cumpre as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 e as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

j) Non é unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C246/01).

k) Non ten iniciada a actuación ou o investimento antes da data de presentación da solicitude.

l) A condición de ser ou non ser poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

m) Que, en aplicación do artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, xeral de subvencións, os gastos das operacións comerciais están sendo aboados nos prazos previstos na normativa sectorial que lle é de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade.

n) Cumpre coa normativa comunitaria, nacional e autonómica vixente, en particular, en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade e en materia ambiental.

A presentación da solicitude de subvención polas persoas interesadas ou representantes comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible. No caso da declaración de cumprimento do artigo 11 do Regulamento FEMPA, a autorización terá validez nos cinco (5) anos posteriores á concesión da axuda.

2. As solicitudes virán asinadas polo/a representante legal da entidade solicitante.

3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, as persoas interesadas non poderán modificar a súa petición de axuda variando o importe do investimento subvencionable, nin modificando os investimentos e conceptos da epígrafe do orzamento para os cales solicita a axuda. Non se consideran variación do importe do investimento as diferenzas ou erros materiais que se puidesen dar ao transcribir os importes dos orzamentos ou facturas pro forma.

4. O organismo intermedio de xestión, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, recollerá información sobre os titulares reais perceptores do financiamento da Unión Europea, de conformidade cos datos que figuran no anexo XVII do Regulamento (UE) nº 2021/1060, con base no establecido no artigo 62.2 do dito regulamento.

De conformidade co artigo 5, número 8, do Regulamento do Rexistro Central de Titularidades Reais, aprobado polo Real decreto 609/2023, do 11 de xullo, a información contida no rexistro será accesible, de forma gratuíta e sen restrición, unicamente para o desenvolvemento das súas misións específicas, ás autoridades e organismos nacionais que xestionen, verifiquen, paguen ou auditen fondos europeos e cuxas funcións veñan determinadas nun regulamento comunitario no cal estea establecido que a información sobre titulares reais da entidade beneficiaria dos fondos pode cumprirse empregando os datos almacenados nos rexistros a que se refire o artigo 30 da Directiva (UE) 2015/849; no caso de España, o Rexistro Central de Titularidades Reais.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade: certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude e citarase a disposición que recolle a competencia. Ademais, se o/a solicitante non é unha confraría de pescadores, copia dos seus estatutos.

b) Documentación xustificativa dos custos incluídos no anexo I (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.). Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 118 para os contratos menores da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, acreditarase a petición de tres (3) ofertas e a xustificación da seleccionada, de ser o caso, de acordo co artigo 7.7.

c) Modelo A: memoria da acción formativa solicitada, dispoñible na páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/gl/formacion/formacion-portos). Xustificarase a necesidade e viabilidade da acción formativa e o cumprimento dos criterios de selección xerais recollido no artigo 20. Cada acción formativa entenderase como unha unidade susceptible de producir efectos independentes.

d) Certificación ou «informe de procedementos acordados», emitida/o por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, para subvencións de importe superior a 30.000,00 euros que, de acordo coa normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, co fin de comprobar o requisito establecido no artigo 5.n) desta orde.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas interesadas se opoñan á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante da entidade.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Concesións de subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electrónicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (DOG nº 16 do 26 de xaneiro de 2026).

    • Extracto da Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (DOG nº 16 do 26 de xaneiro de 2026).

    • Corrección de erros. Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (DOG nº 35 do 23 de febreiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

DE500A

Remisión da declaración responsable para o inicio da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

DE500B

Remisión da documentación necesaria para o recoñecemento oficial da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR701H

Actuacións dos GDR Programa LEADER PEPAC 2023-2027.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59

MR701I

Actuacións de animación, formación e cooperación (ICE).

Tramitar en liña

Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59