Guía de procedementos e servizos

PE610A

Axudas para accións formativas que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 13/08/2024 00:00 - 12/09/2024 23:59

Consellería do Mar

Sobre o procedemento

Regular a convocatoria para o ano 2024, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para accións formativas, financiadas polo FEMPA, que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro.

Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais de reparación de redes e as súas federacións, así como as demais asociacións de profesionais xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro e teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Subdirección Xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais

Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-pesqueiras

Rúa dos irmandiños, s/n, Salgueiriños

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546141

Email: cma.dxdesenvolvemento@xunta.gal

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

13/08/2024 00:00 - 12/09/2024 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

- Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que se atopen nalgún dos supostos establecidos nos puntos 1, letras a) e b), e 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) As sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As incursas nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

- As entidades poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un/unha representante ou apoderado/a único/a da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigacións que, como beneficiaria, corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento do/da apoderado/a, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

- No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todas as entidades beneficiarias integradas nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometeron a realizar, ou solidariamente, cando non fose posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada unha delas.

- A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte da solicitude unha declaración responsable en que a persoa representante da entidade fai constar os seguintes aspectos:

a) Se solicitou ou se lle concedeu algunha outra axuda para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

E que a entidade que representa:

a) Respecta a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea.

b) Ten en conta e promove a igualdade entre mulleres e homes.

c) Evita calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual.

d) Ten en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.

e) Cumpre os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia.

g) Non se atopa en ningún dos supostos establecidos nos números 1, letras a) e b), e 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, é dicir:

1º. Ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, ou o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC.

2º. Ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008, ou dalgún buque con pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no artigo 33 do citado regulamento.

3º. Ter cometido fraude, tal e como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371, no contexto do FEMP ou do FEMPA, e así o determinase a autoridade competente.

h) Non foi sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

i) No caso das confrarías de pescadores e as súas federacións, cumpre as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 e as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

j) Non é unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C246/01).

k) Non iniciou a actuación ou o investimento antes da data de presentación da solicitude.

l) A condición de ser ou non ser poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

m) Que, en aplicación do artigo 13.3 bis da Lei 38/2003, xeral de subvencións, os gastos das operacións comerciais están sendo aboados nos prazos previstos na normativa sectorial que lle é de aplicación ou, na súa falta, no establecido na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade.

n) Cumpre coa normativa comunitaria, nacional e autonómica vixente, en particular, en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade e en materia ambiental.

A presentación da solicitude de subvención polas persoas interesadas ou representantes comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible. No caso da declaración de cumprimento do artigo 11 do Regulamento FEMPA, a autorización terá validez nos cinco (5) anos posteriores á concesión da axuda.

2. As solicitudes virán asinadas polo/a representante legal da entidade solicitante, e se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo/a representante ou apoderado/a único/a da agrupación.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade: certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude e citarase a disposición que recolle a competencia. Ademais, se o/a solicitante non é unha confraría de pescadores, copia dos seus estatutos.

b) Anexo II: orzamento do proxecto, no cal se detallarán as accións propostas.

c) Documentación xustificativa dos custos incluídos no anexo II (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.). Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 118 para os contratos menores da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, acreditarase a petición de tres (3) ofertas e a xustificación da seleccionada, de ser o caso, de acordo co artigo 7.7.

d) Modelo A: memoria do proxecto formativo, dispoñible na páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/gl/formacion/formacion-portos), que xustifique a necesidade da acción ou accións formativas solicitadas e que permita a valoración da viabilidade do proxecto. Cada acción formativa incluída no proxecto formativo entenderase como unha unidade susceptible de producir efectos independentes.

e) Modelo B: documento de valoración do proxecto formativo, dispoñible na páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/gl/formacion/formacion-portos), que recolla os criterios de selección horizontais e específicos do artigo 23. Indicarase razoadamente o cumprimento de cada un dos criterios; de non especificarse, entenderase que non se cumpren.

f) Certificación ou «informe de procedementos acordados», emitida/o por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, para subvencións de importe superior a 30.000,00 euros que, de acordo coa normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, co fin de comprobar o requisito establecido no artigo 5.n) desta orde.

g) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, ademais achegarase:

1º. Un acordo de nomeamento do/da representante ou apoderado/a único/a para os efectos da subvención, asinado polos/as representantes de todas as entidades solicitantes.

2º. A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos/das solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un/unha deles/as.

3º. Anexo III: declaración responsable das fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) e de non estar incursa en prohibición para obter a condición de entidade beneficiaria de subvencións.

Deberá incluírse a documentación das alíneas a), f) e g)-3º por cada unha das entidades membro da agrupación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas interesadas se opoñan á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante da entidade.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Concesións de subvencións e axudas.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

No caso de solicitudes conxuntas, esta consulta realizarase para cada membro integrante da agrupación.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos I e III e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electrónicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 23 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (DOG nº 155 do 12 de agosto de 2024).

    • Extracto da Orde do 23 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (DOG nº 155 do 12 de agosto de 2024).

    • Orde do 30 de outubro de 2024 pola que se amplía o gasto máximo autorizado da Orde do 23 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (DOG nº 214 do 6 de novembro de 2024).

    • Extracto da Orde do 30 de outubro de 2024 pola que se amplía o gasto máximo autorizado da Orde do 23 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (DOG nº 214 do 6 de novembro de 2024).

    • Resolución do 16 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 23 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (DOG nº 227 do 25 de novembro de 2024).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PE113E

Axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 30/01/2025 00:00 - 15/12/2025 23:59

PE155B

Axudas autonómicas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP)

Tramitar en liña

Prazo aberto: 04/07/2025 00:00 - 18/08/2025 23:59

PE155D

Axudas destinadas á creación e consolidación de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros

Tramitar en liña

Prazo aberto: 10/07/2025 00:00 - 11/08/2025 23:59

PE301A

Recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano