Guía de procedementos e servizos

PE209R

Axudas a proxectos colectivos para equipamentos destinados á restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 26/09/2026 00:00 - 26/10/2026 23:59

Consellería do Mar

Que é e para que serve

Establecer o réxime das axudas a proxectos colectivos, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para equipamentos destinados á restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables.

Quen pode solicitalo

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as seguintes entidades, sempre que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Confrarías de pescadores.

b) Organizacións de produtores pesqueiros.

c) Entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector pesqueiro.

d) Entidades sen ánimo de lucro integradas exclusivamente polas sinaladas na letra a).

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) As sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As incursas nas circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) As que se atopen nalgún dos supostos establecidos nos apartados 1, letras a) e b), e 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021.

d) As que non cumpran coas obrigas establecidas nos artigos 55 e 58, ou coas obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas na sección 3ª do capítulo IX, do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do propio decreto.

3. As entidades sinaladas no punto primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades (proxecto conxunto). Neste último caso deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos lle corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que lle corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse unha entidade representante ou apoderada única da agrupación –que será unha das entidades que a constitúen– con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de entidade representante ou apoderada única, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todas as entidades beneficiarias integradas nela en relación coas actividades subvencionadas que se comprometeron a realizar, ou ben solidariamente cando non sexa posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada unha delas.

5. A agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8.3, parágrafo segundo, da propia lei.

Cando se pode solicitar

Prazo de presentación: PECHADO

26/09/2026 00:00 - 26/10/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG). Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo día cardinal do día da publicación, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, enténdese que o prazo expira o último día de mes. No caso de que o último día sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.


Como se tramita

Esta solicitude débese presentar por internet a través da sede electrónica. 

Tramitar en liña

A solicitude débela presentar electronicamente a través do botón “Tramitar en liña” dispoñible nesta páxina. 

Para presentar a solicitude en liña: 

  • Pulsa o botón «Tramitar en liña» desta páxina.
  • Identifícate electronicamente.
  • Firma a solicitude cun sistema de sinatura electrónica admitido.

Podes consultar os sistemas de identificación e firma admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón. 

Que documentación hai que presentar

A documentación que debes presentar depende do tipo de solicitude que realices.

A Administración poderá comprobar automaticamente algúns datos necesarios para a tramitación.

Se non pode comprobalos, indicarémosche que documentos debes achegar.

Nalgúns casos, terás que completar e presentar formularios adicionais, chamados anexos.

Podes descargalos desde a ligazón que aparece xunto ao nome de cada formulario.

Documentación

 Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente requiriráselle que o emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fora realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar canda a solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo cal se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Esta certificación non será necesaria se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos da entidade e así se indica na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Se a entidade solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o que se presentou.

b) Memoria do proxecto técnico ou anteproxecto valorado ao que se van a destinar os equipamentos e a súa necesidade, que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración conforme os criterios establecidos no artigo 18 desta orde.

Esta memoria deberá conter, polo menos:

b.1) Descrición das accións emprendidas pola entidade solicitante nos últimos dous anos dirixidas á mellora da xestión ou da produtividade das zonas explotadas, indicando o custo de cada unha delas e o grao de consecución dos obxectivos esperados.

b.2) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e dos obxectivos perseguidos.

b.3) Descrición das accións que se pretende acometer.

b.4) Información relativa aos indicadores de resultados conforme o previsto no artigo 47.1 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004.

b.5) Datos complementarios necesarios para a valoración do proxecto.

Para a elaboración desta memoria do proxecto deberá utilizarse como modelo o «Modelo A: Memoria do proxecto PE209R», que se pode consultar na páxina web da Consellería do Mar https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos/fempa

c) Orzamento detallado de cada unha das adquisicións, no cal o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

Se for o caso, tamén se deberá acreditar a petición de tres ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.4 desta orde.

2. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, os interesados deberán achegar coa solicitude o anexo III («Declaración de financiamento do proxecto e declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións e comprobación de datos») e a documentación adicional que nel se especifica:

a) Acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

b) Distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

c) Documentación sinalada nas alíneas a.1), a.2), b.1) e b.2) do punto 1 deste artigo por cada un dos solicitantes. A documentación referida nas alíneas b.1) e b.2) débese incluír na memoria do proxecto técnico ou anteproxecto valorado.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle que o emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que realizara a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) NIF da entidade solicitante (anexo I).

h) NIF da entidade declarante (anexo III).

i) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

No caso de solicitudes conxuntas, esta consulta realizarase para cada una das entidades.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo III, segundo o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos acreditativos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Anexos

Que vai pasar despois de que o presente

Canto tempo ten a Administración para resolver a solicitude?

Dous meses

Que ocorre se non recibes resposta?

Se pasa o prazo establecido para resolver e non recibes unha resposta expresa, a túa solicitude considérase desestimada por silencio administrativo.

Isto significa que a solicitude non se considera aprobada.

A Administración segue estando obrigada a resolver a túa solicitude aínda que transcorra este prazo.

A resolución pode ser:

  • Estimatoria (cando aprobamos a túa solicitude).
  • Desestimatoria (cando non aprobamos a túa solicitude).

Se non aprobamos a túa solicitude, podes presentar un recurso para pedir que revisemos a decisión.

Como podes consultar ou realizar trámites despois de presentar a solicitude?

Unha vez que presentes a solicitude e se inicie o expediente (conxunto de documentos e actuacións relacionados coa túa solicitude), podes realizar trámites electrónicos a través da Carpeta cidadá (espazo privado onde podes consultar as túas xestións coa Administración) na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Desde a Carpeta cidadá podes:

  • Consultar o estado do teu expediente.
  • Acceder á documentación.
  • Realizar os trámites que estean dispoñibles.


Se non estás obrigado a relacionarte electronicamente coa Administración, tamén podes realizar estes trámites de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro (oficinas onde podes presentar documentos e recibir axuda para os teus trámites). 

Podes consultar a localización destas oficinas en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se desexas garantir a túa atención nunha hora determinada, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Onde obter máis información

Podes obter máis información chamando ao teléfono 012 ou ao 981 900 643, servizo de información da Xunta de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico

Servizo de Xestión de Proxectos

Rúa dos Irmandiños, s/n. Salgueiriños - 15781 Santiago

15705  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981 547 483

Órgano responsable

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
Normativa
    Ámbito Autonómico
    • Orde do 15 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para equipamentos destinados á restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sostibles (DOG nº 183 do 25 de setembro de 2026). Ligazón á normativa

    • Extracto da Orde do 15 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para equipamentos destinados á restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sostibles (DOG nº 183 do 25 de setembro de 2026). Ligazón á normativa

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PE301A

Recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE301B

Retirada do recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE401B

Permiso de explotación a pé.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE401D

Permiso de explotación para o marisqueo a pé con utilización dunha embarcación auxiliar.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano