Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PE209P
Axudas para proxectos colectivos que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería do Mar
Regular a convocatoria para o ano 2025 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable.
1. Poderán ser beneficiarias das axudas as seguintes entidades, sempre que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Confrarías de pescadores e federacións destas.
b) Organizacións de produtores pesqueiros.
c) Entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector pesqueiro.
d) Entidades sen ánimo de lucro integradas exclusivamente polas sinaladas na alínea a).
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) As sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As persoas incursas nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) As que estean nalgún dos supostos establecidos no número 1, alíneas a) e b), e número 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021.
d) As que non cumpran coas obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.
3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades (proxecto conxunto). Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse unha entidade representante ou apoderada única da agrupación, que será unha das entidades que a constitúen, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de entidade representante ou apoderada única, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.
4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos/as os/as beneficiarios/as integrados/as nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometeron a realizar, ou solidariamente cando non sexa posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.
5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8.3, parágrafo segundo, desta lei.
Xunta de Galicia
Consellería do Mar
Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico
Servizo de Xestión de Proxectos
Rúa dos Irmandiños, s/n - Salgueiriños
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547483
Fax: 981546138
Email: cma.dxdesenvolvemento@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
30/04/2025 00:00 - 29/05/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes. No caso de que o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do seguinte formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal): anexo I, solicitude.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As persoas solicitantes realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:
a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
f) Que respecta a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea.
g) Que ten en conta e promove a igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación.
h) Que evita calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual.
i) Que non se atopa en ningún dos supostos establecidos no número 1, alíneas a) e b), e número 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, é dicir:
1º. Ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, ou o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC.
2º. Ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40, número 3, do Regulamento (CE) nº 1005/2008, ou dalgún buque con pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes segundo se establece no artigo 33 do citado regulamento.
3º. Ter cometido fraude, tal e como se define no artigo 3 da Directiva (UE) nº 2017/1371, no contexto do FEMP ou do Fempa, e así o determinase a autoridade competente.
j) Que, de acordo coa Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, ten ou non ten a condición de poder adxudicador.
k) No caso de que a entidade sexa unha confraría de pescadores de Galicia ou unha federación destas, que cumpre coas obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 e coas obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.
3. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante. Se son formuladas por unha agrupación de entidades, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.
4. A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible. No caso da declaración de cumprimento do artigo 11 do Regulamento Fempa, a autorización terá validez nos 5 anos posteriores á concesión da axuda.
5. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o interesado non poderá modificar a súa petición de axuda variando o importe do investimento subvencionable, nin modificando os investimentos e conceptos da epígrafe do orzamento para os cales solicita a axuda. Non se consideran variación do importe do investimento as diferenzas ou erros materiais que se poidan dar ao transcribir os importes dos orzamentos ou facturas pro forma.
6. De ser aplicable, o organismo intermedio de xestión (Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro) recollerá información sobre os titulares reais dos perceptores do financiamento da Unión Europea, de conformidade cos datos que figuran no anexo XVII do Regulamento (UE) nº 2021/1061, con base no establecido no artigo 62.2 do dito regulamento.
De conformidade co artigo 5, número 8, do Regulamento do Rexistro Central de Titularidades Reais, aprobado polo Real decreto 609/2023, do 11 de xullo, a información contida no rexistro será accesible, de forma gratuíta e sen restrición, unicamente para o desenvolvemento das súas misións específicas, ás autoridades e organismos nacionais que xestionen, verifiquen, paguen ou auditen fondos europeos, e cuxas funcións veñan determinadas nun regulamento comunitario en que se estabeza que a información sobre titulares reais do beneficiario dos fondos pode cumprirse empregando os datos almacenados nos rexistros a que se refire o artigo 30 da Directiva (UE) nº 2015/849; no caso de España, o Rexistro Central de Titularidades Reais.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Anexo II: orzamento do proxecto, en que se detallarán as accións propostas e o seu importe sen IVE.
b) Documentación xustificativa dos custos incluídos no anexo II (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).
c) No suposto establecido no artigo 7.4, acreditación da petición de tres ofertas e xustificación da seleccionada.
d) Anexo III da entidade solicitante, en que declarará a aplicación da normativa pertinente en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade.
e) Copia de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas necesarios para levar a cabo o proxecto, segundo o caso. De non dispoñer deles, xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes.
f) Memoria do proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración, conforme os criterios establecidos no artigo 18 desta orde. Esta conterá, polo menos:
f.1) Traxectoria da/das entidade/s dentro do procedemento PE209P (execución do/dos proxecto/s no período 1.7.2024-30.6.2025).
f.2) Relevancia e necesidade do proxecto para a/as entidade/s.
f.3) Concreción dos obxectivos do proxecto para a/as entidade/s.
f.4) Descrición das accións que se pretende acometer.
f.5) Calendario de realización das accións previstas.
f.6) Plano de localización de todas as accións previstas no proxecto coas coordenadas xeográficas dos vértices, utilizando preferentemente o sistema de coordenadas xeográficas UTM (Universal Transverse Mercator), datum ETRS89, zona 29T.
f.7) Información relativa aos indicadores, conforme o previsto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e no Regulamento de execución (UE) nº 2022/79 da Comisión, do 19 de xaneiro de 2022.
f.8) Datos complementarios, necesarios para a valoración do proxecto.
Para a realización desta memoria do proxecto deberá utilizarse como modelo o modelo A: memoria do proxecto, que se pode consultar na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).
No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado. En todo caso, cada anualidade deberá constituír unha fase susceptible de producir efectos independentes.
g) Certificación do órgano competente da entidade solicitante, en que se especifique o acordo polo cal se lle concede autorización para formular a solicitude ao asinante desta. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle esta competencia.
h) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo.
i) Se e a entidade solicitante non é unha confraría de pescadores ou federación delas, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.
2. No caso solicitudes para proxectos conxuntos deberá incluírse a documentación sinalada nas letras g), h) e i) do punto anterior para cada unha das entidades membro da agrupación.
Ademais, engadirase:
a) Acordo de nomeamento da entidade representante ou apoderada única da agrupación para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades que a constitúen.
b) Distribución dos compromisos que corresponda executar a cada unha das entidades membro da agrupación, así como o importe da subvención correspondente a cada unha delas.
c) Anexo/s III das restantes entidades membros da agrupación, en que declararán a aplicación da normativa pertinente en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade.
d) Anexo/s IV, en que cada unha das entidades membro da agrupación efectuará unha declaración responsable de non estar incursa en prohibición para obter a condición de beneficiaria e autorizará a comprobación de datos.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
c) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Concesións de subvencións e axudas.
e) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
f) NIF da entidade solicitante (anexo I).
g) NIF da entidade membro da agrupación (anexo IV).
h) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.
i) Antecedentes dos operadores, en relación co estipulado no artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139, desde o momento da solicitude da axuda e ata os 5 anos seguintes ao último pagamento desta.
j) Rexistro de confrarías de pescadores e das súas federacións creado pola Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo IV, segundo o caso, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos acreditativos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Declaración responsable de non estar incursa en prohibición para obter a condición de beneficiaria e autorización para a comprobación de datos (Anexo IV)
- Modelo de declaración responsable da persoa solicitante da axuda de aplicación da normativa pertinente en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade (Anexo III)
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 9 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable (DOG nº 81 do 29 de abril de 2025).
-
Extracto da Orde do 9 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable (DOG nº 81 do 29 de abril de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade.
Prazo aberto: 30/01/2025 00:00 - 15/12/2025 23:59
Recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).
Aberto todo o ano
Retirada do recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).
Aberto todo o ano
Permiso de explotación a pé.
Aberto todo o ano