Guía de procedementos e servizos

PE209H

Axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 14/08/2024 00:00 - 13/09/2024 23:59

Consellería do Mar

Sobre o procedemento

Regular a convocatoria para o ano 2024, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan á mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños.

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico

Servizo de Xestión de Proxectos

Rúa dos Irmandiños, s/n - Salgueiriños

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547483

Fax: 981546138

Email: cma.dxdesenvolvemento@xunta.gal

http://mar.xunta.gal

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

14/08/2024 00:00 - 13/09/2024 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, enténdese que o prazo remata o último día de mes. No caso de que o último día sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

1. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

2. As entidades poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento dun apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión unha vez notificada a concesión da axuda.

3. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todas as entidades beneficiarias integradas nela en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada unha delas.

4. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

5. Cada unha das entidades só poderá formular unha solicitude de axuda de proxectos como máximo, sexa individual ou conxunta. No caso de presentar máis, só será considerada para entrar no procedemento a primeira solicitude, segundo a orde de rexistro de entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I-Solicitude), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpre os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non foi sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

c) Que cumpre coas obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

d) Que non é unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

e) Que comunica o conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Incluirase a información sobre outras axudas de minimis cubertas polo Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, para as axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura ou por outros regulamentos de minimis, recibidas durante o exercicio fiscal correspondente e os dous exercicios fiscais anteriores, de ser o caso.

f) Que non iniciou a actuación ou o investimento antes da data de presentación da solicitude.

g) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible.

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Se a entidade solicitante non é unha confraría de pescadores ou federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberán indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

b) Memoria do proxecto que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración, conforme os criterios establecidos no artigo 18 desta orde de bases reguladoras.

A memoria do proxecto deberá conter toda a información indicada nos puntos b.1, ao b.5, deste artigo. Non serán admitidas a trámite aquelas solicitudes en que se aprecie ausencia desta información ou non sexa presentada segundo o modelo P; nestes casos emitirase resolución de inadmisión.

b.1) Descrición das accións emprendidas pola entidade solicitante nos últimos dous anos, dirixidas á mellora da xestión ou da produtividade das zonas explotadas, indicando o custo de cada unha delas e o grao de consecución dos obxectivos esperados.

b.2) Explicación das necesidades que se pretenden cubrir e obxectivos perseguidos. Deberase especificar expresamente a situación de baixada de produtividade que leva á solicitude de axuda, achegando os datos necesarios para xustificar a necesidade do proxecto.

b.3) Descrición das accións que se pretenden acometer.

b.4) Calendario de realización das accións previstas.

b.5) Plano de localización de todas as accións previstas no proxecto coas coordenadas xeográficas dos vértices, utilizando preferentemente o sistema de coordenadas xeográficas UTM (Universal Tranverse Mercator). En caso de non poder utilizar este sistema UTM, deberá indicar o sistema de referencia empregado.

Para a realización desta memoria do proxecto deberá utilizarse como modelo o modelo P: Memoria proxecto colectivo (PE209H), que pode consultarse na páxina web https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos da Consellería do Mar.

No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II, e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, facturas pro forma, etc.).

Se é o caso, tamén se deberá acreditar a solicitude de 3 ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.4 desta orde.

d) Copia de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, ou da xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes, necesarios para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción.

e) No caso das solicitudes en que se proxecte a execución de accións en zonas incluídas nun plan de explotación e xestión conxunto con outras entidades, escrito de conformidade co proxecto dos demais cotitulares do plan.

2. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude o anexo III e a documentación adicional que nel se especifica:

a) Acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

b) Distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

c) Documentación sinalada nas alíneas a.1), a.2), b.1) e b.2) do punto 1 deste artigo por cada un dos solicitantes. A documentación referida nestas alíneas b.1) e b.2) débese incluír na memoria do proxecto técnico ou anteproxecto valorado.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Concesións de subvencións e axudas.

e) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Concesións pola regra de minimis.

g) NIF da entidade solicitante (anexo I).

h) NIF da entidade declarante (anexo III).

i) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

Para solicitudes conxuntas esta consulta realizarase para cada una das entidades, se é o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo III, segundo o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos acreditativos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 29 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños (DOG nº 156 do 13 de agosto de 2024).

    • Extracto da Orde do 29 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños (DOG nº 156 do 13 de agosto de 2024).

    • Resolución do 20 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 29 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentable dos recursos mariños (DOG nº 6 do 10 de xaneiro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PE113E

Axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 30/01/2025 00:00 - 15/12/2025 23:59

PE155B

Axudas autonómicas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP)

Tramitar en liña

Prazo aberto: 04/07/2025 00:00 - 18/08/2025 23:59

PE155D

Axudas destinadas á creación e consolidación de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros

Tramitar en liña

Prazo aberto: 10/07/2025 00:00 - 11/08/2025 23:59

PE301A

Recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano