Guía de procedementos e servizos

MT976C

Premios EMAS de sostibilidade empresarial de Galicia

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais, Entidades locais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 21/07/2026 00:00 - 01/09/2026 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Sobre o procedemento

A concesión dos Premios EMAS de sostibilidade empresarial de Galicia 2026.

A finalidade destes premios é recoñecer e poñer en valor as organizacións rexistradas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no Sistema Comunitario de Xestión e Auditoría Medioambientais (EMAS) que destaquen polo seu compromiso coa mellora ambiental continua, a transparencia e a aplicación de boas prácticas de sostibilidade en Galicia.

Estes premios teñen carácter honorífico e carecen de dotación económica.

Poderán participar, mediante a presentación de candidaturas, as entidades públicas ou privadas que na data de publicación da convocatoria estean inscritas no rexistro galego de centros adheridos ao Sistema comunitario de xestión e auditoría medioambientais (EMAS), cunha antigüidade mínima ininterrompida de tres anos no dito rexistro e que se atopen ao día na presentación das correspondentes declaracións ambientais.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade

Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981 541 046

Email: emas.medioambiente@xunta.gal

Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

12/06/2026 00:00 - 13/07/2026 23:59

21/07/2026 00:00 - 01/09/2026 23:59

Segundo a Orde do 14 de xullo de 2026  ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes dende o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia  ata o 1 de setembro de 2026.



O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.


Non poderán participar nesta convocatoria aquelas entidades contra as que teñan recaído, nos últimos tres anos, resolucións sancionadoras firmes por infraccións graves ou moi graves de carácter ambiental, así como sentenzas xudiciais firmes por delitos contra o ambiente.

Solicitudes

As solicitudes presentaranse exclusivamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, segundo o anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. Coa candidatura deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Cuestionario de autoavaliación segundo os criterios de valoración do artigo 4, de acordo co modelo dispoñible na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Este arquivo deberá estar asinado dixitalmente pola persoa representante da entidade solicitante.

b) No caso de solicitar a participación na categoría Premio EMAS Galicia á traxectoria medioambiental:

– Memoria descritiva da traxectoria ambiental EMAS da organización, cunha extensión máxima de 15 páxinas, na que se xustifique a candidatura mediante unha exposición clara e documentada da permanencia ininterrompida da organización en EMAS durante 20 ou máis anos, a evolución do seu desempeño ambiental e a integración da sostibilidade no seu modelo de xestión.

A memoria deberá incluír, polo menos, os seguintes contidos:

a) Identificación da organización, actividade, centros ou instalacións incluídos, número de rexistro EMAS, data inicial de inscrición e alcance do rexistro.

b) Descrición da traxectoria EMAS da organización, incluíndo os principais fitos, renovacións, ampliacións de alcance ou melloras do sistema de xestión ambiental durante o período considerado.

c) Evolución dos principais indicadores ambientais, con especial referencia, se for o caso, a consumos de enerxía, auga e materias primas, emisións, residuos, verteduras, eficiencia de procesos ou outros indicadores significativos da actividade.

d) Descrición das actuacións ambientais máis relevantes implantadas ao longo da traxectoria, indicando a súa finalidade, o período de execución, os resultados obtidos e a contribución á mellora do desempeño ambiental.

e) Explicación de como se integrou a sostibilidade ambiental na xestión da organización, na toma de decisións, na planificación de investimentos, nos procesos produtivos ou de prestación de servizos e na relación con provedores, clientes ou outras partes interesadas.

f) Actuacións de formación, sensibilización e participación do persoal en materia ambiental.

g) Medidas de transparencia, de comunicación ambiental e de posta ao dispor da información ambiental, especialmente a través das declaracións ambientais EMAS.

h) Valoración global dos resultados alcanzados, carácter exemplar da traxectoria e compromisos futuros de mellora ambiental.

A memoria deberá ser suficiente para a valoración da candidatura, sen prexuízo de que poida achegarse documentación complementaria para acreditar a información incluída na memoria.

Esta memoria deberá estar asinada dixitalmente pola persoa representante da entidade solicitante.

c) No caso de solicitar a participación na categoría Premio EMAS Galicia á iniciativa máis sostible:

– Memoria descritiva da iniciativa, cunha extensión máxima de 15 páxinas, na que se describa de forma clara, sintética e documentada a actuación presentada, a súa contribución efectiva á mellora do desempeño ambiental, a prevención de impactos e o avance cara a modelos de xestión máis sostibles no marco do sistema EMAS.

A memoria deberá incluír, polo menos, os seguintes contidos:

a) A identificación da organización e da iniciativa, indicando a entidade candidata, o número de rexistro EMAS, a actividade principal, o centro, o proceso, o produto, o servizo ou o ámbito afectados, título da iniciativa, período de execución, estado actual de implantación e axentes internos ou externos participantes.

b) O resumo executivo da iniciativa, no que se expoñan brevemente a necesidade ambiental que a motiva, a solución desenvolvida, os principais resultados obtidos ou previstos, o seu carácter innovador e a súa conexión co sistema EMAS.

c) Os obxectivos da iniciativa, preferentemente expresados mediante indicadores cuantitativos ou cualitativos, e a súa relación cos obxectivos ambientais, os programas de avance ou os compromisos estratéxicos da organización.

d) A descrición da actuación desenvolvida, incluíndo as fases de execución, os recursos empregados, as áreas implicadas, as colaboracións externas, as solucións adoptadas e os cambios introducidos en procesos, produtos, servizos, sistemas de xestión ou comportamentos.

e) A metodoloxía, a ferramenta ou a solución empregada para identificar e obter resultados medibles e verificables, incorporando os datos, os indicadores ou as evidencias obxectivas que permitan valorar o avance acadado, identificar os impactos significativos, establecer as prioridades e orientar as futuras actuacións ambientais.

f) O alcance da iniciativa e da implicación da cadea de valor, indicando se a actuación transcende o ámbito interno da organización e se incorpora a participación de empresas colaboradoras, provedores, clientes, usuarios ou outros grupos de interese relevantes.

g) A integración no sistema EMAS e a contribución ao avance continuo, explicando a coherencia da iniciativa cos aspectos ambientais significativos, os obxectivos ambientais, o programa ambiental, o seguimento de indicadores, a revisión do sistema e a declaración ambiental da organización.

h) A proxección estratéxica e a continuidade no tempo, indicando se a actuación forma parte dunha estratexia ambiental consolidada, as fases futuras previstas, a súa vocación de permanencia e a súa capacidade para anticiparse a retos regulatorios, sectoriais ou sociais.

i) Replicabilidade e capacidade de transferencia, identificando as aprendizaxes, as metodoloxías, as ferramentas ou as solucións que poderían ser adaptados por outras organizacións, sectores ou territorios.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no caso de que a solicitude ou a restante documentación non reúna os requisitos exixidos nestas bases, requiriráselle á persoa solicitante que a complete no prazo de 10 días coa advertencia de que, transcorrido ese prazo sen que se achegue a documentación requirida, se dará por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 2 de xuño de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras dos Premios EMAS de sostibilidade empresarial de Galicia e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 108 do 11 de xuño de 2026).

    • Orde do 14 de xullo de 2026 pola que se abre un novo prazo de presentación de solicitudes na convocatoria regulada pola Orde do 2 de xuño de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras dos Premios EMAS de sostibilidade empresarial de Galicia e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 134 do 20 de xullo de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

AU113A

Autorización de obras ou traballos no dominio público hidráulico ou zona de policía de leitos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU113C

Actuacións menores no dominio público hidráulico e zona de policía

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU114A

Autorización de verteduras de augas residuais (tramitación ordinaria).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU208A

Concesión de augas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano