Guía de procedementos e servizos

MT975Y

Axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos, así como a actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 27/02/2026 12:00 - 27/03/2026 20:00

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Sobre o procedemento

Concesión de axudas para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos (Programa Galicia Refuxio Climático) así como a actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade (Programa PIMA Adapta Refuxios Climáticos).

Os concellos de Galicia, de forma individual.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático

Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático

Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881999658

Email: sxccol.medioambiente@xunta.gal

www.xunta.gal

Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

27/02/2026 12:00 - 27/03/2026 20:00

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, que contará a partir das 12.00 horas do 7º día hábil seguinte ao da publicación desta o no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo rematará ás 20.00 horas do derradeiro día establecido para a achega das solicitudes.

1. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Cada concello poderá presentar solicitudes para un máximo de 3 proxectos, conforme o disposto no artigo seguinte.

b) O concello debe ter a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou predios en que se pretende realizar as actuacións.

Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II.

c) De seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais que resulten preceptivas, tanto das entidades locais como por parte doutros organismos ou administracións públicas. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito, acreditarase na fase de xustificación.

d) Que exista acordo do concello polo cal se decide solicitar a subvención para as obras ou actuacións concretas que se pretenden executar ao abeiro desta orde con base no proxecto ou memoria valorada presentado, e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

2. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, coa excepción do requisito previsto na letra c) do punto anterior, constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

3. Para poderen ser beneficiarias destas axudas as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2 letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se a dita incidencia (presentación presencial da solicitude) fose detectada unha vez rematado o prazo fixado nas bases reguladoras para a presentación das solicitudes, o órgano competente para a instrución do procedemento ditará directamente resolución desestimatoria por atoparse esta presentación fóra de prazo.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, validamente presentadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste no mesmo a solicitude, e toda a documentación complementaria exixida na presente orde.

Manterán a condición de validamente presentadas aquelas solicitudes respecto das cales a Administración requira unha mera aclaración en relación coa documentación presentada, sempre que, inicialmente, se achegase toda a exixida nas bases reguladoras.

Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste artigo, poderán seguirse rexistrando solicitudes para a súa incorporación, por rigorosa orde de entrada e de acordo cos criterios fixados no parágrafo anterior, nunha lista de reserva para os efectos previstos no artigo 23.

Toda vez que os proxectos da liña 1 teñen unha partida orzamentaria diferente dos da liña 2, o esgotamento do orzamento na primeira liña non interromperá a concesión de axudas na segunda se esta aínda dispón de crédito. Da mesma maneira, a extinción do orzamento dispoñible para a liña 2 non limita a concesión de axudas para os proxectos da liña 1 mentres estes dispoñan de fondos na súa propia partida orzamentaria.

O órgano concedente anunciará o esgotamento do crédito no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O esgotamento do crédito, nunha das partidas orzamentarias, comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes vinculadas a dita partida que se instrúan con posterioridade do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta orde.

4. A presentación da solicitude leva consigo a aceptación por parte de quen as formule, dos termos desta convocatoria.

5. Do mesmo xeito, a presentación da solicitude implica a sinatura da declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante do concello solicitante, incluída no anexo I desta orde, na cal se fai constar:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

c) Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

f) Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan nas bases reguladoras.

g) Que as actuacións para as cales se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban iniciadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas axudas.

h) Que no caso de que sexa preceptivo, se compromete, de non contar con elas, a solicitar as autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como doutros organismos ou administracións públicas que resulten preceptivas para a execución da actuación prevista.

7. Para a resolución de dúbidas sobre esta convocatoria a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pon á disposición dos interesados o seguinte enderezo de correo electrónico: axudascambioclimatico.medioambiente@xunta.gal

Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:

a) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo II, na cal se faga constar:

1º. O acordo do concello polo cal se decide solicitar a subvención para o proxecto concreto que se pretende executar ao abeiro desta orde e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela, ao cal fai referencia o artigo 2.2.d).

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

2º. Que se cumpriu coa obriga e remisión das contas do concello ao Consello de Contas de Galicia, á cal fai referencia o artigo 2.4.

3º. A plena dispoñibilidade do concello sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que o concello, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa ten a dispoñibilidade sobre eles, nos termos establecidos no segundo parágrafo do artigo 2.2.b).

4º. Dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) do orzamento liquidado da entidade, do ano que corresponda, para o cálculo do esforzo fiscal do concello.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras, equipamentos ou, no caso de actuacións incluídas na liña 2, estudos técnicos, para os cales se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local. Esta memoria non poderá ter un tamaño superior ás 10 páxinas.

c) Ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, nas solicitudes de subvención para obras, deberá achegarse un documento co nivel de proxecto ou memoria valorada da obra que se vai realizar, asinado electronicamente polo técnico ou pola técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:

1º. Memoria explicativa que defina co detalle suficiente as características e alcance das actuacións obxecto da subvención. A memoria non poderá superar as 10 páxinas.

2º. Medicións e orzamento das actuacións, que inclúa unha relación valorada das diferentes partidas de obra, ordenadas por capítulos, coas medicións das unidades para executar e os prezos unitarios. Incluirase tamén un resumo do orzamento de execución material por capítulos, con aplicación das porcentaxes de gastos xerais, beneficio industrial e impostos que proceda en cada caso. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global (partidas alzadas ou similares).

3º. Referencia catastral e planos de situación/coordenadas que permita xeolocalizar con exactitude as actuacións obxecto das axudas.

4º. Planos a escala e detalle suficientes para definir adecuadamente as actuacións.

5º. Reportaxe fotográfica do ben e da súa contorna onde se aprecia o estado actual que presenta.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, segundo o indicado no artigo 7 para a presentación das solicitudes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial (gravado nun soporte físico tipo CD, DVD ou dispositivo extraíble) dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. NIF da entidade solicitante.

2. DNI/NIE da persoa representante.

3. Certificado de estar ao día no pagamento das abrigas tributarias coa AEAT.

4. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

5. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

6. Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

7. Consulta de concesións ampliado.

8. Consulta de axudas do Estado.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

 Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG nº 214 do 5 de novembro de 1999).

    • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121 do 25 de xuño de 2007).

    • Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).

    • Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas (DOG nº 201 do 20 de outubro de 2011).

    • Orde do 3 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da segunda convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos (Programa Galicia Refuxio Climático) así como a actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade (Programa PIMA Adapta Refuxios Climáticos), e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (DOG nº 32 do 18 de febreiro de 2026).

    • Extracto da Orde do 3 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da segunda convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos (Programa Galicia Refuxio Climático) así como a actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade (Programa PIMA Adapta Refuxios Climáticos), e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (DOG nº 32 do 18 de febreiro de 2026).

    • Resolución do 5 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 3 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da segunda convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos (programa Galicia Refuxio Climático), así como a actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade (programa PIMA Adapta Refuxios Climáticos), e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (DOG nº 89 do 15 de maio de 2026).

    • Resolución do 29 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se dá publicidade do esgotamento do crédito da liña 1 da Orde do 3 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da segunda convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos (programa Galicia Refuxio Climático) así como a actuacións de identificación e de adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade (programa PIMA Adapta Refuxios Climáticos), e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (DOG nº 104 do 05 de xuño de 2026).

  • Ámbito Estatal
    • Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións (BOE nº 276 de 18 de novembro de 2003).

    • Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións (BOE nº 176 do 25 de xullo de 2006).

    • Lei 39/2015, de Procedemento Común das Administracións Públicas (BOE nº 236 de 2 de outubro de 2015).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IF206B

Informe de usos especiais da estrada

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF505A

Acceso, modificación e baixa, ás instalacións portuarias controladas por barreiras físicas e para uso de puntos de fornecemento de auga e electricidade.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN229A

Declaración de concello emprendedor.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT200A

Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano