Guía de procedementos e servizos

MT811C

Axudas para fomentar a adopción de animais domésticos de compañía.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 13/06/2024 00:00 - 30/09/2024 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas a fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da comunidade autónoma de Galicia, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2024.

1. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas que acrediten a adopción dun animal doméstico de compañía abandonado que proveña dalgún dos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, ademais de cumprirse con respecto ao animal obxecto de adopción os requisitos establecidos no artigo 24.2 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

2. Entenderase, para os efectos desta orde, que un animal foi adoptado por unha persoa cando, rematado proceso de identificación e inscrición no Regiac regulado na Lei 4/2017, do 3 de outubro, e Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos e de adestradores caninos, conste como persoa titular do animal no citado rexistro. Non serán consideradas como válidas as adopcións para as que non se rematou o proceso de inscrición no Regiac por causas imputables á persoa adoptante.

3. Ademais do anterior, deberán cumprirse os requisitos establecidos no artigo 24.3 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas

Servizo de Conservación da Biodiversidade

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541715/ 981546096/ 981547213

Email: animaisdomesticos.conservacion@xunta.gal

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Prazo de presentación: PECHADO

13/06/2024 00:00 - 30/09/2024 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2024.

1. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas que teñan sancións firmes pendentes de pagamento en vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, na Lei 4/2017, do 3 de outubro, ou na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

3. As persoas beneficiarias destas axudas deberán comprometerse a non realizar a transmisión do animal a outra persoa distinta durante toda a vida do animal, agás nos supostos de falecemento da persoa titular do animal adoptado, imposibilidade para continuar coa súa atención e coidado por motivos de enfermidade, incapacidade sobrevida ou de vulnerabilidade económica debidamente xustificados mediante certificado de defunción, informe médico ou dos servizos sociais.

4. No suposto de que o animal adoptado teña a consideración de animal potencialmente perigoso consonte o establecido no artigo 16 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, a persoa beneficiaria deberá contar coa licenza municipal para a tenza e custodia deste tipo de animais, de conformidade co recollido no artigo 17 da antedita lei.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

3. A solicitude da axuda, segundo o anexo I desta orde (código de procedemento MT811C), inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración da conta bancaria para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración responsable de non ter sancións firmes pendentes de pagamento en vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 50/1999, do 23 de decembro, na Lei 4/2017, do 3 de outubro ou na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

e) Declaración de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nin en ningunha das situacións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

f) Compromiso de non realizar a transmisión do animal a outra persoa distinta da persoa beneficiaria durante toda a vida do animal, agás nos supostos falecemento do titular do animal adoptado, imposibilidade para continuar coa súa atención e coidado por motivos de enfermidade, incapacidade sobrevida ou de vulnerabilidade económica debidamente xustificados mediante informe médico ou dos servizos sociais.

4. A solicitude para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunhas das circunstancias previstas na alínea d), do número 2, do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación complementaria:

a) Acreditación da persoa representante que asine a solicitude, por calquera medio válido en dereito, cando proceda.

b) Certificado do persoal facultativo veterinario, segundo o modelo do anexo II, que preste os seus servizos para o centro de recollida autorizado en que se atopa o animal e en que se recollan os seguintes aspectos:

i) Centro de recollida autorizado onde se realiza a adopción.

ii) Que o animal foi declarado apto para a adopción.

iii) Procedementos e tratamentos obrigatorios realizados e completados, segundo proceda:

• Identificación do animal segundo o artigo 12 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

• Esterilización cirúrxica.

• Tratamentos profilácticos: desparasitación e vacinación.

No caso de que non fose realizado algún dos citados procedementos e tratamentos obrigatorios, segundo o artigo 24.2.c) da Lei 4/2017, do 3 de outubro, deberá indicarse o motivo.

c) Copia da factura ou documentos de valor probatorio equivalente en que se detallen os custos derivados dos tratamentos profilácticos fornecidos (desparasitación e vacinación), da identificación e da esterilización, segundo proceda, emitida a nome da persoa adoptante. O citado documento virá acompañado da xustificación do pagamento efectivo dos gastos en que se incorreu, a través da copia da transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Non obstante, para estes efectos, e consonte o disposto no artigo 42.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de importes inferiores a 1.000 €, a documentación acreditativa do gasto e do pagamento poderá consistir no correspondente xustificante de recepción do provedor.

d) No suposto dos animais considerados como potencialmente perigosos, copia da licenza municipal expedida a nome da persoa adoptante.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase, preferiblemente, por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificado de estar ao día no cumprimento da obrigas coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Inscrición do animal adoptado no Regiac.

g) Non ter sancións firmes pendentes de pagamento en vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, na Lei 4/2017, do 3 de outubro, ou na Lei 7/2023, do 28 de marzo.

h) Non estar inhabilitado para a tenza de animais.

i) Concesións de subvencións e axudas.

j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 15 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 113 do 12 de xuño de 2024).

    • Extracto da Orde do 15 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 113 do 12 de xuño de 2024).

Outros procedementos relacionados

AU113A

Autorización de obras ou traballos no dominio público hidráulico ou zona de policía de leitos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU113C

Actuacións menores no dominio público hidráulico e zona de policía

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU114A

Autorización de verteduras de augas residuais (tramitación ordinaria).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU208A

Concesión de augas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano