Guía de procedementos e servizos

MT809D

Axudas económicas para a prevención dos danos que causan as especies silvestres.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 13/01/2021 00:00 - 15/02/2021 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, oso e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, procedendo á súa convocatoria para o ano 2021

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Actuacións subvencionables.

1. Ao abeiro desta orde, subvencionarase:

a) Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo: para a adquisición de cans para a protección e defensa do gando, de pastores eléctricos e/ou de cerrumes de malla electrificada e para a adquisición e instalación de valados fixos, cuxa adquisición se faga, en todos os casos, con posterioridade á publicación desta orde.

b) Liña para a prevención de danos ocasionados polo oso: para a adquisición de pastores eléctricos, cuxa adquisición se faga con posterioridade á publicación desta orde.

c) Liña para a prevención de danos ocasionados polo xabaril: para a adquisición de pastores eléctricos, cuxa adquisición se faga con posterioridade á publicación desta orde.

2. Non será obxecto de subvención:

a) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

b) O transporte dos materiais, a man de obra para a instalación e mantemento dos pastores eléctricos, dos cerrumes de malla electrificada e dos valados fixos e todos aqueles que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

3. En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da actuación subvencionable.

1. Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo e oso:

Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza Celta, equino e apícola que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

2. Liña para prevención de danos ocasionados polo xabaril.

Poderanse acoller a estas axudas:

a) As persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), creado mediante o Decreto 200/2012, de 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia e modificado pola disposición derradeira terceira do Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa de produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final.

b) As explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

San Lázaro,s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997212

Fax: 981957106

Email: dxcn@xunta.es

http://www.cmati.xunta.es/

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Prazo de presentación: PECHADO

13/01/2021 00:00 - 15/02/2021 23:59

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, persoas traballadoras autónomas, as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. A solicitude de axuda segundo o anexo II desta orde (procedemento MT809D), inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración de conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) No caso de solicitude de axuda para a adquisición e instalación de valados fixos, declaración responsable de ter solicitado as licenzas e autorizacións preceptivas que resulten de aplicación ou ter efectuado as comunicacións previas preceptivas segundo o réxime de autorización aplicable.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

• Se a persoa titular é unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta co acordo dos/das partícipes para solicitar a subvención. Cando se trate dunha comunidade de bens, acreditarase que o acordo foi tomado pola maioría dos seus membros e o réxime de participación de cada un deles na dita comunidade. Cando se trate dunha comunidade de montes veciñais en man común, o acordo deberá estar tomado en asemblea e acreditado mediante acta ou certificación da secretaría.

• No caso de explotacións agrarias de autoconsumo e explotacións gandeiras que soliciten a adquisición de pastores eléctricos, deberá acreditarse a titularidade da explotación a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.

• No caso de explotacións gandeiras que soliciten a adquisición e instalación de valados fixos, deberá acreditarse a dispoñibilidade sobre os terreos onde se pretendan realizar as actuacións a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.

• Nas solicitudes para a adquisición e instalación de valados fixos deberá achegarse unha memoria explicativa do proxecto ou anteproxecto, que conteña a seguinte información mínima:

– Datos da persoa solicitante: nome e apelidos/razón social e DNI/NIE.

– Datos dos terreos en que se localizarán as actuacións: coordenadas xeográficas e código Sixpac da parcela ou referencia catastral.

– Descrición das actuacións que se van executar, con indicación dos diferentes conceptos, unidades e cantidades empregadas.

– Orzamento detallado e orzamento total das actuacións que se van realizar.

• Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, deberase acreditar a representación legal con que se actúa.

No caso do representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

a) Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).

b) Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no Rexistro Electrónico de Apoderamentos da Administración pública competente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c) Consulta do NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

d) Consulta do NIF da entidade representante.

e) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

g) Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Consulta da inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, no caso de explotacións gandeiras e apícolas.

i) Consulta do censo gandeiro ou número de asentamentos da explotación referido a unha data posterior á da entrada en vigor desta orde de axudas, obtido da base de datos da aplicación informática da Consellería do Medio Rural, no caso de explotacións gandeiras.

j) Consulta da inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, no caso de explotación agrarias.

k) Consulta das referencias Sixpac das parcelas en que se aplicarán as medidas de prevención subvencionadas, unicamente no caso de explotacións agrarias dedicadas ao autoconsumo.

l) Consulta da superficie admisible declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2020, de ser o caso.

m) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

n) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

ñ) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 6 do 12 de xaneiro de 2021)

    • Extracto da Orde do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 6 do 12 de xaneiro de 2021).

    • Orde do 17 de setembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 184 do 23 de setembro de 2021).

    • Orde do 8 de outubro de 2021 pola que se publica a ampliación do crédito da Orde do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 198 do 14 de outubro de 2021).

Outros procedementos relacionados

MR101B

Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria

Aberto todo o ano

MR203A

Autorización para impartir cursos de manipulador aplicador de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR203B

Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR237C

Inicio de actividade/baixa/modificación na sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano