Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MT401A
Concesión do distintivo "Bandeira Verde de Galicia".
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
A concesión no réxime de concorrencia non competitiva, do distintivo “Bandeira Verde de Galicia” co que premiar a aqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que destaquen polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe.
O distintivo “Bandeira Verde de Galicia” é unha iniciativa creada no ano 2020 que busca distinguir aos concellos máis dinámicos neste eido, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, a redución do consumo enerxético e moitas outras, cun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.
Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Instituto de Estudos do Territorio (IET)
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541755
Email: secretaria.iet@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
22/04/2026 00:00 - 29/05/2026 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes comezará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e durará ata o 29 de maio de 2026.
Poderán optar á concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Co fin de aplicar un criterio de proporcionalidade, atendendo ao seu encadramento no sistema de asentamentos que establecen as Directrices de ordenación do territorio, ao seu grao de urbanización segundo a última clasificación elaborada polo IGE e á súa poboación no último padrón vixente na data de publicación desta orde, distínguense tres categorías de concellos, que se detallan no anexo I.
O distintivo Bandeira Verde de Galicia outorgarase, logo da oportuna solicitude, a todos aqueles concellos que acrediten cumprir os requisitos recollidos no anexo III, de conformidade cos criterios establecidos no anexo I desta orde.
1. Para os efectos previstos no artigo 3 da orde de convocatoria, establécense un conxunto de requisitos, recollidos na táboa que figura como anexo III, agrupados nas seguintes materias:
• Urbanismo e planificación inclusiva, patrimonio e mobilidade.
• Protección, xestión e ordenación da paisaxe.
• Cambio climático e sostibilidade ambiental.
• Patrimonio natural e infraestrutura verde.
• Xestión hídrica e de residuos.
• Educación ambiental, participación cidadá e gobernanza.
2. Caracterización dos concellos de Galicia:
Categoría 1: concellos do primeiro nivel do sistema de asentamentos das Directrices de ordenación do territorio: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
Categoría 2: concellos do sistema urbano intermedio das Directrices de ordenación do territorio, así como os clasificados como ZIP segundo a última clasificación elaborada polo IGE relativa ao grao de urbanización, e os restantes concellos con poboación superior aos 10.000 habitantes segundo os últimos datos do Padrón municipal de habitantes non incluídos na primeira categoría: A Estrada, A Guarda, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, A Rúa, Ames, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Baiona, Barbadás, Betanzos, Boiro, Bueu, Burela, Cabanas, Caldas de Reis, Cambados, Cambre, Cangas de Morrazo, Carballo, Cedeira, Cee, Chantada, Corcubión, Culleredo, Fene, Foz, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Melide, Moaña, Monforte de Lemos, Mos, Mugardos, Muros, Narón, Neda, Nigrán, Noia, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, O Grove, O Porriño, O Porto do Son, Oleiros, Ordes, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Pontedeume, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Ribadumia, Ribeira, Sada, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Sarria, Silleda, Soutomaior, Teo, Tomiño, Tui, Valga, Verín, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilalba, Vilanova de Arousa, Viveiro e Xinzo de Limia.
Categoría 3: os restantes concellos de Galicia.
3. Concederase o distintivo a aqueles concellos que acrediten o seguinte número de requisitos:
• Concellos de categoría 1: un mínimo de seis requisitos, un por cada unha das materias en que se agrupan.
• Concellos de categoría 2: un mínimo de catro requisitos, de catro materias diferentes.
• Concellos de categoría 3: un mínimo de tres requisitos, de tres materias diferentes.
4. Para acreditar o cumprimento dos requisitos, tal como dispón o artigo 5.1.c) da orde de convocatoria, presentarase, debidamente cuberta, unha ficha por cada unha das condicións, accións, iniciativas ou servizos que se declare dispor ou ter desenvolvido, empregando para tal fin o formulario que figura como anexo IV.
5. En cada unha das ditas fichas, ademais da descrición da condición, acción, iniciativa ou servizo, indicarase o código numérico do/s requisito/s a que o concello considera que aquelas dan cumprimento. En cada ficha poderán indicarse un máximo de dous requisitos.
6. Non se valorarán as fichas cuxo contido sexa considerado polo órgano instrutor como coincidente ou duplicado doutra.
7. Presentarase un máximo de 16 fichas.
8. Na táboa do anexo III, que debe presentarse consonte co artigo 5.1.b) da orde de convocatoria, quedarán marcados todos os requisitos que o concello solicitante considera que cumpre, en correspondencia coas fichas presentadas.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal .
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. A presentación da solicitude comporta a aceptación, por parte de quen a formule, dos termos desta convocatoria.
Documentación complementaria.
1. Os concellos interesados deberán achegar, xunto co anexo II de solicitude, a seguinte documentación:
a) Memoria asinada pola persoa titular da Alcaldía en que se poñan de manifesto, dun xeito resumido, os aspectos máis relevantes da candidatura. A memoria será unicamente texto e terá unha extensión máxima de 500 palabras.
b) Táboa do anexo III, asinada polo/a alcalde/alcaldesa ou polo/a secretario/a do concello, en que se marcarán, entre todos os requisitos detallados, aqueles que o concello declara cumprir.
c) Fichas xustificativas do cumprimento de requisitos previstas no anexo IV asinadas polo/a alcalde/alcaldesa ou polo/a secretario/a do concello.
d) Certificación do secretario do concello ou persoa con análogas funcións, de conformidade co modelo previsto no anexo V, en que se recolla o seguinte:
1º. O acordo do órgano municipal competente para solicitar a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia.
2º. Os méritos detallados nas fichas xustificativas son certos e acreditan o cumprimento dos requisitos declarados.
3º. O concello non foi sancionado, con carácter firme, en vía administrativa ou xudicial nos últimos 2 anos en relación cos ámbitos obxecto de valoración para o outorgamento do distintivo (infraccións ambientais, en materia urbanística, contra o patrimonio, contra a protección de costas ou do dominio público hidráulico).
4º. En materia de xestión de residuos sólidos urbanos, o concello conta cun sistema propio ou conveniado que dá servizo aos seus cidadáns.
5º. O municipio conta cunha infraestrutura pública de saneamento e depuración de augas residuais, así como de abastecemento de auga, que dan servizo polo menos ao asentamento de maior poboación.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, do modo en que se expresa no artigo 4.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Ficha xustificativa do cumprimento de requisitos (Anexo IV)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Decreto 11/2009, de 8 de enero, por el que se aprueba el Reglamento de la Ley 9/2007, de 13 de junio, de subvenciones de Galicia (DOG nº 20 del 29 de enero de 2009).
-
Corrección de errores.-Decreto 11/2009, de 8 de enero, por el que se aprueba el Reglamento de la Ley 9/2007, de 13 de junio, de subvenciones de Galicia (DOG nº 61 del 30 de marzo de 2009).
-
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
-
Orde do 13 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia e se realiza a súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 73 do 21 de abril de 2026).
-
-
Ámbito Estatal
-
Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276 do 18 de novembro de 2003).
-
Corrección de erros do Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 270 do 11 de novembro de 2006).
-
Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administraciones Públicas (BOE nº 236 de 2 de outubro de 2015).
-
Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións (BOE nº 176 do 25 de xullo de 2006).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración de datos para cuantificación de perdas en redes de abastecemento.
Aberto todo o ano
Colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas hidráulicas.
Aberto todo o ano
Asunción de explotación de instalación de depuración de augas residuais urbanas.
Aberto todo o ano
Subvencións aos concellos e ás entidades locais menores destinadas ao financiamento de auditorías de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga.
Prazo aberto: 06/03/2026 09:00 - 31/07/2026 14:00