Guía de procedementos e servizos

MR616C

Axudas para a reposición de explotacións forestais afectadas polos incendios forestais

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 01/09/2025 00:00 - 30/10/2025 23:59

Consellería do Medio Rural

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Amplíase ata o 30 de outubro de 2025 o prazo de presentación de solicitudes.

Sobre o procedemento

Concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á reparación dos danos producidos polos incendios, así como á reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados nas explotacións forestais.

1. Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias de terreos forestais, con exclusión das administracións ou entidades do sector público. No caso de danos causados á maquinaria e equipamento nos labores de extinción, as persoas beneficiarias serán as persoas físicas ou xurídicas propietarias deles, con exclusión das administracións ou entidades do sector público.

2. Poderán ser beneficiarias as agrupacións forestais de xestión conxunta, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, e as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC).

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña

Rúa Vicente Ferrer, nº 2

15071  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981184554

Email: mediorural.co@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo

Ronda da Muralla, nº 70

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294465

Email: xefeterritorial.cmr.lugo@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense

Rúa Florentino López Cuevillas, nº 4-6 Baixo

32071  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386455

Email: mediorural.ourense@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra

Rúa Fernández Ladreda, nº 43-2º

36071  Pontevedra  (Pontevedra)

Teléfono: 986805409

Email: xefaturaterritorial.mrpo@xunta.gal

Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

01/09/2025 00:00 - 30/10/2025 23:59

Segundo o Decreto 79/2025, do 29 de setembro, polo que se modifica o Decreto 76/2025, do 29 de agosto de 2025, ampliase o prazo de presentación de solicitudes ata o 30/10/2025. 

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Requisitos para todas as persoas beneficiarias.

De conformidade co establecido no artigo 3.3 do Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025, e tendo en conta a natureza destas axudas, que se conceden por razón da existencia dunha emerxencia excepcional e por razóns de interese público, social e humanitario, exceptúanse as persoas beneficiarias das axudas do cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 10 e 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,  https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria, as persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude de axuda, presentarase a seguinte documentación:

a) Nas liñas I-F, III-F e IV-F, para todo tipo de titulares de terreos, excepto comunidades de montes veciñais en man común, documentación xustificativa da posesión dos terreos por propiedade ou por contrato de arrendamento. Na liña II-F, documentación xustificativa da propiedade da maquinaria e equipamento (permiso de circulación) e comprobarase a súa inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola, se for o caso.

b) Cando se trate dun pro indiviso, de varas, fabeo, de vocerío, de voces, abertais, cooperativa agrícola ou comunidade de bens, deberase presentar o anexo II (Acordo de compromisos e obrigas) debidamente cuberto.

c) Acordo do órgano competente polo cal se aprobou a solicitude desta axuda.

d) Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, deberase acreditar a representación con que se actúa.

e) Referencias Sixpac das parcelas afectadas polos incendios (anexo III).

f) Póliza de seguros. Porén, a presentación desta póliza non será obrigatoria cando a persoa solicitante efectúa a declaración responsable de que os bens danados para os cales solicita as axudas non están asegurados, están asegurados na súa totalidade ou están asegurados parcialmente, prevista no anexo I-F.

g) Memoria xustificativa dos danos polos cales se solicita a axuda, na cal deberá constar, en todo caso, a previsión de gastos e/ou investimentos para os cales se solicita axuda de forma desagregada para os anos 2025 e 2026. Ademais, constará na memoria xustificativa  a seguinte documentación para as liñas que se especifican a continuación:

i. Para a liña I-F:

– Pista forestal, captacións de auga, cerramentos, bebedoiros, comedeiros: plano de situación e acoutado do trazado ou da localización dos investimentos polo cal se solicita a axuda; reportaxe fotográfica en que se comproben de forma fidedigna os danos nos investimentos; resumo dos danos causados e orzamento no cal se desagreguen detallada e cuantificadamente as melloras necesarias para reparar eses danos. No caso de pista forestal, presentarase un informe do concello respecto da non titularidade municipal da pista forestal e, no caso de captación de augas, certificación expedida polo órgano competente ou entidade da titularidade da dita captación. Quedarán excluídas as axudas ás captacións de auga instaladas de xeito superficial e sen sinalizar (sen respectar a lexislación vixente ao respecto), e queda vinculada á instalación a unha profundidade mínima de 70 cm e á instalación dos fitos precisos para sinalizala, así como á legalización do acto de disposición correspondente no caso de atravesar montes veciñais.

ii. Para a liña II-F:

– Maquinaria e equipamentos de uso forestal: informe oficial (distrito forestal, oficina agraria comarcal, Garda Civil, concello) en que se indique que a maquinaria e os equipamentos foron danados como consecuencia dun incendio forestal; resumo dos danos causados e orzamento no cal se desagreguen detallada e cuantificadamente as melloras necesarias para reparar eses danos.

iii. Para a liña III-F:

– Gastos da extracción ou eliminación da madeira amoreada queimada, recollida e estelado da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial: plano de situación e acoutado da superficie queimada; resumo dos danos causados e orzamento no cal se desagreguen detallada e cuantificadamente os metros cúbicos de madeira amoreada afectada polo incendio ou madeira comercial para sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial, e a superficie de corta, recollida e estelado da madeira queimada.

iv. Para a liña IV-F:

– Plantacións substitutorias (reposición de forestacións executadas a partir do 1 de xaneiro de 2020): plano de situación e acoutado do trazado ou da localización dos investimentos polo cal se solicita a axuda; reportaxe fotográfica en que se comproben de forma fidedigna os danos nos investimentos; resumo dos danos causados e orzamento no cal se desagreguen detallada e cuantificadamente as melloras necesarias para reparar eses danos.

h) Certificado para entidades xurídicas: certificado do acordo que autoriza o/a representante da entidade para presentar a solicitude da axuda.

2. Ademais, nas liñas I-F e III-F e IV-F, na memoria xustificativa farase constar se a superficie en que figuran as actuacións se atopa dentro da Rede Natura 2000. Para garantir que as actuacións toman adecuadamente en consideración os obxectivos de conservación destes lugares, e de conformidade coas directivas 92/43/CEE e 2009/147/CE, solicitaráselle de forma interna informe á autoridade competente en conservación da natureza. E, neste senso, a aprobación da axuda estará condicionada ao contido do informe da autoridade competente nesa materia e os traballos non poderán comezar ata o seu pronunciamento, e deberán ser levados a cabo nas condicións que determine. O prazo de execución dos traballos que se estableza na resolución terá en conta este aspecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriorment pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da persoa xurídica solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e

achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Decreto 76/2025, do 29 de agosto de 2025, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025 (DOG nº 166 do 30 de agosto de 2025).

    • Orde do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 166 do 30 de agosto de 2025).

    • Extracto da Orde do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 166 do 30 de agosto de 2025).

    • Decreto 79/2025, do 29 de setembro, polo que se modifica o Decreto 76/2025, do 29 de agosto de 2025, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025 (DOG nº 188 do 30 de setembro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR601A

Permisos para a realización de queimas.

Aberto todo o ano

MR604C

Comunicación final de aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada.

Aberto todo o ano

MR604D

Declaración responsable para aproveitamentos de cortizas en montes ou terreos forestais de xestión privada que conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR604E

Autorización para aproveitamentos de cortizas en montes ou terreos forestais de xestión privada que non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano