Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MR608F
Axudas para a creación e apoio das Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería do Medio Rural
A obtención de axudas para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil, que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal. Tamén serian axudas para o apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta xa creadas e inscritas no correspondente rexistro, á fin de dar o necesario soporte de carácter loxístico, operativo e integral que precisan.
1. Serán entidades beneficiarias da liña I (axudas para creación de AFXC):
a) Asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, o apoio e o asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, sempre que estean compostas por persoas titulares dos indicados dereitos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Sociedades civís e comunidades de bens.
c) Cooperativas e outras entidades de economía social.
d) Sociedades agrarias de transformación.
e) Sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital.
f) Sociedades de fomento forestal.
g) Calquera outra entidade que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.
que desexen inscribirse como unha AFXC e cuxa actividade se desenvolva en terreos forestais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Dentro da liña I, a entidade solicitante debe optar entre:
1 Liña I-bas (axudas a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta básica): a superficie da agrupación debe pertencer a un mínimo de tres propietarios diferentes e deben sumar unha superficie mínima que, segundo a tipoloxía, será:
– Masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras: 10 hectáreas.
– Masas de coníferas: 25 hectáreas.
– Outras masas ou masas mixtas: 50 hectáreas.
2 Liña I-ter (axudas a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial): deben ter cedido ao seu favor, unha vez completados os traballos para os cales se solicita a subvención, a xestión dun mínimo de 10 hectáreas de terreos forestais situadas dentro de un ou varios perímetros de xestión conxunta que pertenzan a un número mínimo de tres propietarios diferentes. Cada área (perímetro) que forma parte da agrupación non pode ter unha superficie inferior a 3 hectáreas.
2. Serán entidades beneficiarias da liña II todas aquelas agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta establecido no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, con anterioridade ao remate do prazo de solicitude desta axuda.
3. As entidades beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, as entidades beneficiarias non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Ademais, tamén deben cumprir os requisitos establecidos no artigo 122 e seguintes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e as disposicións contidas na presente orde.
4. Conforme o artigo 20 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, as comunidades de montes veciñais en man común (en adiante, CMVMC) poderán pertencer ás agrupacións forestais de xestión conxunta, preferentemente a aquelas agrupacións que dispoñan, dentro da súa superficie de actuación de xestión conxunta, de parcelas lindeiras co límite do monte veciñal. Coa finalidade de procurar unha explotación máis eficiente e sustentable do monte, as comunidades de montes veciñais en man común terán plena capacidade xurídica para a realización de actos ou negocios xurídicos para pertencer ás agrupacións de xestión conxunta.
As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal con anterioridade ao remate do prazo de solicitude da axuda.
5. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
6. Non poderán ser persoas beneficiarias as entidades adxudicatarias de axudas da liña III concedidas no marco da Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR608D, MR608E e MR608F).
7. Os requisitos para a obtención da axuda e as condicións tidas en conta nos criterios de baremación indicados no artigo 8, deberanse cumprir na data de finalización do prazo de solicitude.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña
Servizo de Montes de Coruña
Rúa Vicente Ferrer, nº 2
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 981184501
Fax: 981184651
Email: servizo.montes.coruna@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo
Servizo de Montes de Lugo
Ronda da Muralla, nº 70
27003 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294528
Fax: 982294452
Email: montes.lugo@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense
Servizo de Montes de Ourense
Rúa Florentino López Cuevillas, nº 4-6 baixo
32003 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386457
Fax: 988386566
Email: montes.medio-rural.ourense@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra
Servizo de Montes de Pontevedra
Avda. María Victoria Moreno nº 43 - 2º
36003 Pontevedra (Pontevedra)
Teléfono: 986805429
Fax: 986805485
Email: servizo.montes.pontevedra@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
09/04/2025 00:00 - 13/06/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será 45 días hábiles para a liña I e 30 días hábiles para a liña II, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A entidade interesada deberá presentar unha solicitude, dirixida ao Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural da provincia onde teña a sede, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I (solicitude), que irá xunto cos documentos que se especifican no artigo 10 desta orde, xunto cos anexos que fosen necesarios.
3. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:
a) De todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
b) De que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) De que cumpre coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, de que a entidade non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) De que a entidade cumpre os requisitos establecidos no artigo 122 e seguintes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e as disposicións contidas na presente orde.
e) De que se compromete a manter a actividade da agrupación forestal de xestión conxunta, desde a data de inscrición no rexistro de agrupación forestais de xestión conxunta, un mínimo de 10 anos para as AFXC-territoriais creadas (liña I-ter), 3 anos para as AFXC-básicas creadas (liña I-bas) e 10 anos para as AFXC que figuran xa inscritas na data de solicitude (liña II); e a cumprir os requirimentos establecidos no artigo 122 e seguintes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
f) Que a entidade non está inmersa nun proceso de concurso de acredores nin se encontra en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
g) Compromiso de cumprimento do principio DNSH (non causar prexuízo significativo):
i. Declaración responsable do cumprimento do compromiso de etiquetaxe verde e dixital prevista no PRTR, con base no Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. As actuacións contempladas nesta liña de axudas teñen asignado un campo de intervención á transición ecolóxica cuxo código é o 050 –protección da natureza e a biodiversidade, patrimonio e recursos naturais, infraestruturas verdes e azuis– cunha contribución do 40 % aos obxectivos climáticos e do 100 % aos obxectivos ambientais.
ii. Declaración responsable do cumprimento do compromiso do principio horizontal de «non causar prexuízo significativo» (Do no significant harm, DNSH) que define o artigo 2.6 do Regulamento (UE) núm. 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, respecto dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 5 da Orde HFP/1030/2021 e definidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 (Regulamento de taxonomía da UE):
a) Mitigación ao cambio climático.
b) Adaptación ao cambio climático.
c) Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.
d)Transición cara a unha economía circular.
e) Prevención e control da contaminación.
f) Protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.
h) Declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para o compoñente 4 (C04) para dar cumprimento ao establecido no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e no artigo 8.1 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e segundo o modelo b do anexo IV da citada orde.
i) Declaración de compromiso de cumprimento dos principios transversais en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para o compoñente 4 (C04) para dar cumprimento ao establecido no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e ao artigo 8.1 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e segundo o modelo c do anexo IV da citada orde.
4. Coa finalidade de dar cumprimento ao mandato establecido na alínea d) do artigo 22.2 do Regulamento (UE) núm. 2021/2041, e conforme o establecido no artigo 8.1 da Orde HFP 1030/2021 na solicitude farase constar o NIF e a razón social da entidade solicitante ademais das declaracións indicadas no punto anterior. Tamén se comprobará automaticamente, salvo que se indique a oposición a consulta, o domicilio fiscal da entidade solicitante e, se for o caso, da persoa cesionaria. Por último a entidade solicitante deberá entregar a documentación complementaria indicada no artigo 10.1 a.6).
5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas pero non implica ningún dereito para a peticionaria mentres non exista resolución favorable á petición.
Documentación complementaria.
1. A entidade solicitante deberá achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a.1) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación coa que actúa a persoa que asina a solicitude.
a.2) Acreditación do obxecto social e personalidade xurídica da entidade solicitante.
a.3) Unha memoria descritiva-económica das actuacións subvencionables polas que pide axuda segundo a liña I ou liña II, asinada dixitalmente por unha persoa titulada en Enxeñaría de Montes ou Enxeñería Técnica Forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal, que conterá como mínimo:
a) Descrición da situación de partida.
b) Obxectivos a acadar.
c) Actuacións solicitadas ao abeiro do disposto no artigo 3 e no anexo IV (actuacións e importes máximos dos investimentos) xustificadas consonte os obxectivos declarados no punto anterior.
d) Valoración económica das actuacións solicitadas calculada segundo os importes (sen IVE) ou coas fórmulas que se relacionan no anexo IV (actuacións e importes máximos dos investimentos).
e) Resultados e melloras previstas trala execución das actuacións.
a.4) Os orzamentos ou facturas pro forma do importe do gasto subvencionable asinadas electronicamente e cos seguintes requisitos:
– Non poderán proceder de persoas físicas ou xurídicas vinculadas entre elas nin co solicitante.
– Deberán incluír, como mínimo, o NIF ou CIF, nome e enderezo da empresa ou persoa oferente, o nome ou razón social do solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados e o seu importe unitario (desglose de todas as actuacións polas que se solicita axuda por custos unitarios de unidades de obra).
No caso de que o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 15.000 euros, IVE excluído, a entidade solicitante deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, nas que figurarán detalladas as actuacións a realizar (desglose de todas as actuacións polas que se solicita axuda por custos unitarios de unidades de obra).
A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e cando a elección non recaia na proposta económica máis favorable deberá xustificarse expresamente nunha memoria. Ademais, non se admitirán as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas nin coa entidade solicitante da axuda.
Estas ofertas deberán estar asinadas e incluír, como mínimo, o CIF ou NIF, nome e enderezo da empresa ou persoa ofertante, o nome ou razón social da solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados e o seu importe unitario.
Por outra banda non poderá haber vinculación entre a persoa solicitante da axuda e calquera dos ofertantes e, en referencia ao artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso poderá concertar a beneficiaria a execución das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas coa dita beneficiaria. A estes efectos consideraranse persoas ou entidades vinculadas aquelas que se atopen nalgúns dos casos establecidos no artigo 18 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades.
a.5) Documentación acreditativa dos criterios de baremación segundo o establecido no artigo 8, salvo para o criterio i) e ii) das AFXC inscritas (liña II) que o comprobará o órgano instrutor. A información achegarase nun único arquivo en formato .pdf e co nome «baremo_acronimodaentidadesolicitante.pdf».
a.6) No caso de que a persoa solicitante desenvolva actividade económica deberá presentar a inscrición no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal da Administración Tributaria. No caso contrario deberá presentar unha declaración responsable en que manifeste que non se atopa en esa situación.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se deben presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante e, se for o caso, da entidade cedente.
b) DNI/NIE da persoa representante da entidade solicitante e, se for o caso, da entidade cedente.
c) DNI/NIE da persoa cesionaria (se for o caso).
d) NIF da entidade cesionaria (se for o caso).
e) DNI/NIE da persoa representante da entidade cesionaria (se for o caso).
f) Domicilio fiscal da entidade solicitante e, se for o caso, da persoa cesionaria.
g) Estar ao día no pagamento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social a entidade solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.
h) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria a entidade solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.
i) Estar ao día no pagamento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia a entidade solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.
j) Estar inhabilitada a entidade solicitante para obter subvencións públicas.
k) Ter recibido a entidade solicitante axudas pola regra de minimis.
l) Concesións de subvencións e axudas á entidade solicitante.
m) Inscrición no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que a entidade interesada deba realizar tras a presentación da solicitude de axuda deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Solicitude de pago (Anexo II)
- Comunicación de cesión dos dereitos de cobramento (Anexo III)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 20 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 68 do 8 de abril de 2025).
-
Extracto da Orde do 20 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 68 do 8 de abril de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Permisos para a realización de queimas.
Aberto todo o ano
Comunicación final de aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada.
Aberto todo o ano
Declaración responsable para aproveitamentos de cortizas en montes ou terreos forestais de xestión privada que conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración.
Aberto todo o ano
Autorización para aproveitamentos de cortizas en montes ou terreos forestais de xestión privada que non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración.
Aberto todo o ano