Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MR562A
Axudas para a realización de certames de gando bovino selecto.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais, Entidades locais
Consellería do Medio Rural
A concresión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para a celebración de certames de gando bovino selecto na Comunidade Autónoma de Galicia.
1. Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde as entidades locais, as asociacións de persoas gandeiras, incluídas as xestoras dos libros xenealóxicos, asociacións de persoas empresarias e outras entidades sen ánimo de lucro que organicen certames de gando selecto e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Non estaren incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
c) Dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas.
d) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a celebración deste tipo de eventos.
e) Dispoñer dun regulamento interno en que se establezan as condicións mínimas de presentación, benestar animal, sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes en cada tipo de certame segundo a aptitude dos animais.
f) Contar coa autorización previa por parte dos servizos veterinarios oficiais para a celebración do evento.
g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida para a xestión do libro xenealóxico ou a realización do control de rendementos, polo menos no relativo á acreditación de que os animais participantes nos eventos estean inscritos nos libros xenealóxicos correspondentes.
h) Os animais participantes en cada certame deben proceder, polo menos, de 5 explotacións distintas pertencentes a, polo menos, 5 titulares diferentes.
i) Ademais, no caso das entidades locais, deberán cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
2. Para poder participar nos certames, os animais:
a) Procederán de explotacións galegas cualificadas sanitariamente, e cumprirán os requisitos sanitarios mínimos establecidos no regulamento interno.
b) Teñen que permanecer en explotacións galegas polo menos os 12 meses previos á participación no evento, salvo no caso dos animais mantidos nelas desde o seu nacemento.
c) Estarán inscritos nos libros xenealóxicos das razas correspondentes.
3. As entidades beneficiarias deberán facer constar na publicidade e promoción do evento que se trata de actuacións realizadas en colaboración coa Xunta de Galicia, incluíndo os símbolos de identidade corporativa.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
Subdirección Xeral de Gandaría
Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal
San Caetano, s/n
15704 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546797
Email: producionsgandeiras@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
13/01/2026 00:00 - 02/11/2026 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes será de:
a) Para os certames celebrados desde o 1 de novembro de 2025 ata á data de publicación desta orde: un mes desde o día seguinte ao da súa publicación.
b) Para os certames que se celebren despois da publicación desta orde: un mes contado desde o día seguinte ao da celebración do evento e coa data límite do 31 de outubro de 2026.
De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou celebración, segundo o caso; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Solicitudes.
O procedemento de concesión das axudas iniciarase por instancia de parte, coa presentación das solicitudes de axuda por parte das persoas interesadas, e empregando o formulario que figura no anexo I desta orde (MR562A).
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. Todas as entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) A autorización previa por parte dos servizos veterinarios oficiais para a celebración do evento.
b) Un regulamento interno en que se establezan as condicións mínimas de presentación, benestar animal, sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes. De celebrarse nun mesmo evento máis dun tipo de certame, o regulamento deberá recoller as condicións que deben cumprir os animais participantes en cada un deles.
c) De ser o caso, unha certificación da asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola para a xestión do libro xenealóxico ou a realización do control de rendementos, da colaboración no certame e na que, polo menos, se avale que os animais presentes nos eventos estean inscritos nos libros xenealóxicos correspondentes.
d) Memoria que describa as instalacións coas que conta a entidade solicitante e sinale os medios técnicos e de persoal de que dispón para a celebración dos certames, en acreditación do cumprimento dos criterios sinalados nas alíneas c) e d) do artigo 3 punto 1, desta orde. No caso de solicitarse a axuda para a celebración de varios certames, non se terá que volver presentar esta documentación.
Coa solicitude da axuda presentarase a documentación xustificativa e económica desta, tal como se indica no artigo 15.
2. As entidades solicitantes, distintas das entidades locais, ademais, deberán achegar a seguinte documentación:
a) Acreditación do acordo da xunta directiva de aprobación da realización das actuacións obxecto de subvención.
b) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.
c) Copia dos estatutos da entidade solicitante.
d) Acreditación da representatividade da entidade solicitante.
3. As entidades locais interesadas deberán achegar tamén a seguinte documentación:
a) Certificación do secretario ou secretaria da entidade local en que conste a aprobación da solicitude de subvención polo órgano competente.
b) Certificación do secretario ou secretaria da entidade local en que conste a representación que desempeña a persoa que asina a solicitude para o caso de que non se trate do representante legal.
c) Certificación do secretario ou secretaria da entidade local en que se acredite o cumprimento do criterio sinalado na alínea i) do artigo 3, punto 1, desta orde.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:
a) NIF da entidade que solicite a concesión da subvención.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).
f) Concesión de subvencións e axudas.
g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 25 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 06 do 12 de xaneiro de 2026).
-
Extracto da Orde do 25 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2026 (DOG nº06 do 12 de Xaneiro de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.
Aberto todo o ano
Subvencións para as organizacións profesionais agrarias e as asociacións agrarias
Prazo aberto: 08/10/2026 00:00 - 09/11/2026 23:59
Incrición no rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia.
Aberto todo o ano
Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.
Aberto todo o ano