Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
MR462B - Axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais.
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MR462B), e se convocan para o ano 2022 (medida Feader 8.3).
2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 22 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE do 20 de decembro, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro, e modificado mediante a Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo; pola Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo; pola Decisión de execución da Comisión, C (2019) 1707 final, do 26 de febreiro, e pola Decisión de execución da Comisión, C (2021) 4527 final, do 17 de xuño.
Ámbito de aplicación .
1. O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:
a) Dos bosques ou doutras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.
b) Dos bosques e doutras superficies forestais propiedade da Coroa.
c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.
d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.
e) Dos terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.
f) Dos montes consorciados coa Administración que non teñan solicitado o cambio de consorcio a convenio na data en que remate o prazo de solicitude da axuda.
2. No caso de montes propiedade do Estado, da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades locais, a axuda poderá ser concedida se o órgano que xestiona esas terras é un organismo privado.
3. Tamén serán elixibles as actuacións en montes que teñan subscrito un convenio coa Xunta de Galicia ou en montes que teñan solicitado o cambio de consorcio a convenio.
Actuacións obxecto de axuda .
1. Poderán ser obxecto de axuda algún dos IOXF elaborados para os montes ou terreos forestais, que conforme o artigo 8.18 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, se correspondan con algunha das seguintes categorías:
a) Como instrumento de ordenación forestal: o proxecto de ordenación (PO).
b) Como instrumentos de xestión forestal:
1º. Documento simple de xestión (DSX).
2º. Documento compartido de xestión (DCX).
3º. Documento de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos (MS). Só serán obxecto de axuda nos casos de superficie inferior ou igual ás 15 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade.
2. Neste senso, poden ser obxecto de axuda para a elaboración de IOXF, os montes que o teñan en vigor e que se atope o plan especial no ano 2021, 2022 ou 2023 no seu último ano de vixencia, sempre e cando se executaran as actuacións do plan especial, especialmente aquelas referidas aos aproveitamentos finais e posteriores accións de rexeneración, por seren estas as que transforman o monte ata un estado ordenado. De xeito excepcional, determinadas actuacións planificadas no dito plan especial puideron non ser obxecto de execución, e deben, en calquera caso, xustificalo de forma motivada por un técnico competente na materia. Serán obxecto de axuda, igualmente, aqueles IOXF nos cales o plan especial finalizou con anterioridade a 2021.
3. Igualmente, poderán ser obxecto de axuda para a elaboración de IOXF os montes que viñan de sufrir (con posterioridade á solicitude de aprobación do IOXF) incendios, desastres naturais ou catástrofes que causasen a destrución de, cando menos, o 20 % do potencial forestal obxecto de ordenación ou xestión.
4. O IVE non é subvencionable.
Poderán ser beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores dos montes ou terreos forestais e/ou dos seus aproveitamentos, que actúen mediante arrendamentos ou contratos plurianuais coa propiedade cuxo obxecto sexa inequivocamente a xestión do monte ou terreo forestal e/ou dos seus aproveitamentos.
En concreto, poderán ser beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) que cumpran o establecido no parágrafo anterior.
1. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poderen acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal como moito o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
3. As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
4. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014, da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) De tratarse dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) De tratarse dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
5. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal
Subdirección Xeral de Recursos Forestais
Servizo de Fomento Forestal
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546077
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña
Servizo de Montes de Coruña
R/ Vicente Ferrer, 2
15071 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 981184663
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo
Servizo de Montes de Lugo
Ronda da Muralla, 70
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294476
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense
Servizo de Montes de Ourense
Villaamil y Castro, s/n
32071 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386704
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra
Servizo de Montes de Pontevedra
Avda. Mª Victoria Moreno, 43 - 2º
36071 Pontevedra (Pontevedra)
Teléfono: 986805410
Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal
Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 21 do1 de febreiro de 2022).
Extracto da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 21 do1 de febreiro de 2022).
Corrección de erros. Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 43 do 3 de marzo de 2022).
Anuncio do 12 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, polo que se publica a resolución das axudas concedidas e desestimadas ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 20 do 30 de xaneiro de 2023).
Orde do 6 de marzo de 2023 pola que se modifica o prazo de xustificación das axudas previsto na Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 50 do 13 de marzo de 2023).
Orde do 25 de agosto de 2023 pola que se modifica a Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 170 do 7 de setembro de 2023).
Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013 relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Reglamento (CE) nº 1698/2005 do Consello
Prazo de presentación: PECHADO
02/02/2022 00:00 - 05/04/2022 23:59
1. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta e cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. Os investimentos non poderán iniciarse antes de solicitar a axuda no prazo de presentación de solicitudes.
3. Aqueles IOXF cuxa solicitude de aprobación fose presentada antes da entrada en vigor da presente orde de axudas non serán válidos para a xustificación do pagamento.
Solicitudes .
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, tanto para as persoas xurídicas como para as persoas físicas, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As persoas físicas ás que se fai referencia no artigo 3 poden ser autónomas ou non autónomas, estando en ambos casos obrigadas á presentación electrónica por dispoñer de capacidade suficiente para acceder aos medios electrónicos. Deberán presentar a solicitude correctamente cuberta conforme o anexo IV, xunto co resto de anexos se fose necesario. Os datos da solicitude que se citan a seguir considéranse o mínimo imprescindible para a súa tramitación, polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar á inadmisión da solicitude ou á súa revogación, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedesen. Estes datos son:
a) Datos da persoa solicitante (nome, apelidos, NIF e enderezo completo).
b) En todos os casos, correo electrónico ou teléfono móbil.
c) Datos do tipo de solicitante.
d) Tres ofertas de diferentes provedores.
No caso de que algún dos documentos do apartado d) teña erros ou precise completar algún dato, requirirase para a súa emenda, non dando lugar á inadmisión da solicitude sempre e cando estean presentadas as tres ofertas e sexan de provedores que estean dados de alta no Resfor.
3. Só se poderá subvencionar un instrumento de ordenación en cada monte.
4. Toda a información para a presentación de solicitudes está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos. Tamén se poderá acceder a través da Oficina Agraria Virtual (OAV) dispoñible no enderezo http://mediorural.xunta.gal/es/institucional/oficina_virtual/
5. A presentación da solicitude non implica ningún dereito para o peticionario mentres non exista resolución favorable á petición.
Documentación necesaria para a tramitación do procedemento .
1. Documentación que se deberá presentar xunto coa solicitude (anexo IV):
a) Documentación xeral:
1º. No caso de que actúe por medio de representante, deberá acreditar a representación por un medio válido en dereito, só no caso de non estar inscrito no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia.
2º. Acreditación da propiedade:
No caso das CMVMC, de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, e das Sofor, deberán presentar declaración responsable para acreditar a propiedade de acordo cos datos que figuren no seu correspondente rexistro.
No caso de propietarios particulares de xeito individual mediante algún dos seguintes documentos: escritura pública ou privada (na que se inclúa a relación catastral das parcelas e permita xustificar a propiedade ou outro dereito adquirido), contrato de xestión, inscrición rexistral das fincas, ou xustificante do pagamento do IBI.
Ademais, a propiedade tamén poderá acreditarse se as parcelas nas que se solicitan as actuacións da subvención figuran na base de datos da dirección xeral competente en materia de catastro a nome da persoa que solicita a axuda, ou se a persoa solicitante figura como titular dunha explotación agraria no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia así como as fincas sobre as que se solicita a axuda. Nestes dous casos a comprobación de datos farase de acordo co establecido no artigo 13.
No caso de pro indivisos, asociacións e agrupación de propietarios legalmente constituída, excepto SAT e cooperativas, mediante unha copia do documento que acredite a propiedade dos terreos (só para os efectos desta orde).
No caso de agrupacións de propietarios legalmente constituídas (SAT ou cooperativas) mediante informe do responsable do Rexistro de SAT e do responsable do Rexistro das Cooperativas de Galicia.
No caso de titulares non propietarios do terreo, copia do contrato de arrendamento ou de xestión cunha duración equivalente, polo menos, ao período de compromiso da axuda.
3º. En todos os casos o solicitante deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, nas cales figurarán detalladas as actuacións que se van realizar. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable, sen que se admitan as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas nin coa persoa solicitante da axuda, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. Estas ofertas deberán estar asinadas e incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa ofertante, o nome ou razón social da persoa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Así mesmo, as empresas e persoas individuais que sexan responsables deses orzamentos deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).
4º. As persoas solicitantes deberán presentar memoria en formato PDF ou similar, e estando dita memoria, para o caso de PO, DCX e DSX, asinada por persoal técnico competente en materia forestal.
5º. Para o caso de PO, DSX e DCX, xustificante de carga dos ficheiros da planimetría na aplicación de Xestión e Ordenación Forestal, Xorfor, en formato shapefile consonte o anexo III. Estes ficheiros deberán cargarse a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia, e o código do instrumento que se lle asigne deberá indicalo no Anexo IV da solicitude.
6º. No caso de acreditación da existencia dun IOXF en vigor, e que se atope o plan especial no ano 2021, 2022 ou 2023 no seu último ano de vixencia, informe técnico asinado por persoal técnico competente en materia forestal, onde se acrediten que as actuacións planificadas (plan especial) foron executadas ou alternativamente xustificadas as razóns, exclusivamente técnicas, que aconsellaron a súa non execución.
7º. Documentación xustificativa que acredite que a superficie obxecto de solicitude está baixo certificación forestal consonte algún dos sistemas recoñecidos internacionalmente (PEFC ou FSC), no caso de dispor da dita certificación.
b) Documentación específica:
1º. Para asociacións ou agrupacións formalmente constituídas inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia, presentarán asinado por todos e cada un dos compoñentes da agrupación o anexo V ou acordo de cesión. A asociación ou agrupación deberá estar inscrita no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia na data do remate do prazo da solicitude de axuda.
2º. Para pro indiviso, de varas, fabeo, de vocerío, de voces, abertais e comunidade de bens, presentarán asinado por todos e cada un dos seus compoñentes o anexo VI «Acordo de compromisos e obrigas» e deberán presentar a acreditación da persoa física que as representa.
c) Documentación complementaria:
1º. No caso de CMVMC: certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario co visto e prace do presidente, conforme autorizan que o presidente da CMVMC solicite axudas á consellería competente no medio rural para a execución das accións obxecto da solicitude.
2º. No caso de cooperativas agrarias: certificado do secretario conforme o anexo X.
3º. No caso doutras entidades xurídicas (asociacións, agrupacións, Sofor etc.): certificado do secretario conforme o anexo X.
4º. No caso de entidades locais: certificado do secretario municipal consonte se informou á comisión de goberno da solicitude de axuda.
2. A documentación xeral, específica e complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación xeral, específica ou complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se deben presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. Malia o indicado nos parágrafos anteriores, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente ante calquera administración pública. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar no anexo IV en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.
4. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstas nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.
5. Nos supostos de imposibilidade material de obter algún dos anteriores documentos, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na Sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).
d) DNI/NIE da persoa cesionaria (se for o caso).
e) NIF da entidade cesionaria (se for o caso).
f) DNI/NIE da persoa representante da persoa cesionaria (se for o caso).
g) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social a persoa solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.
h) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT) a persoas solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.
i) Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda a persoa solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.
j) Estar inhabilitada a persoa solicitante para obter subvencións públicas.
k) Ter recibido a persoa solicitante axudas pola regra de minimis.
l) Concesións de subvencións e axudas.
m) Consulta na dirección xeral competente en materia de catastro da titularidade das parcelas catastrais polas que se solicita a axuda (se for o caso).
n) Consulta da inscrición como titular dunha explotación agraria e das parcelas polas que solicita a axuda no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (se for o caso).
ñ) Consulta das parcelas polas que solicita a axuda no Rexistro das Sociedades Agrarias de Transformación (SAT) a nome da SAT solicitante (se for o caso).
o) Consulta das parcelas polas que solicita a axuda no Rexistro de Cooperativas de Galicia a nome da cooperativa solicitante (se for o caso).
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo IV, e anexo IX (no caso das persoas cesionarias), e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación e pagamento
- Solicitude de cobro (Anexo XI)
- Comunicación de cesión de dereitos de cobramento (Anexo IX)
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"