Guía de procedementos e servizos

MR331A

Accións de cooperación para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 14/02/2020 00:00 - 13/03/2020 23:59

Consellería do Medio Rural

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para a realización de accións de cooperación para a implantación de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal, e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2020. O seu código de procedemento é MR331A.

As iniciativas de innovación traduciranse na implantación de proxectos piloto ou no desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agrícola, alimentario e forestal e agroalimentario.

O desenvolvemento poderá entenderse tanto na incorporación de novidades como na aplicación de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías xa existentes en condicións onde tradicionalmente non se utilizaron previamente. Non obstante, non se poderán financiar proxectos xa realizados en territorios e condicións similares. En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica ou fundamental.

1. Poderán acceder á condición de beneficiarias das subvencións obxecto da presente resolución:

a) Persoas físicas ou xurídicas e organizacións ou entidades directamente vinculadas á produción primaria en agricultura, gandaría e/ou silvicultura.

b) Persoas físicas ou xurídicas primeiras transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

Non poderán acceder á condición de beneficiarios das subvencións obxecto da presente resolución os centros de investigación e experimentación e os centros tecnolóxicos.

2. Na realización da actividade subvencionada poderán participar, ademais dos beneficiarios regulados no punto 1, os axentes cooperantes, e poderá adquirir tal condición as seguintes entidades:

a) Persoas físicas ou xurídicas e organizacións ou entidades (ambas as dúas sen ánimo de lucro) dedicadas á produción primaria en agricultura, gandaría e/ou silvicultura, así como á transformación do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación.

c) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.

d) Entidades asesoras na conservación ou no uso sustentables dos recursos naturais.

e) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.

O orzamento das actividades de ningún dos axentes cooperantes poderá ser inferior ao 10 % do orzamento total da proposta de cooperación, excepto no caso de produtores primarios que acrediten a súa participación activa no proxecto.

3. Na acción de cooperación deberán intervir como mínimo dous axentes e, cando menos un deles deberá ser un dos indicados no punto 1 deste artigo e o outro, un dos axentes cooperantes a que se fai referencia no punto 2 deste mesmo artigo.

Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

1. Reintegrar as cantidades percibidas coa subvención, xunto cos xuros de demora calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas cos fondos do Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) n° 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

3. Proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) 1305/2013, do 17 de decembro de 2013.

4. Os beneficiarios deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á acción de cooperación subvencionada.

5. Todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan ao abeiro desta resolución deberán levarse a cabo de acordo co anexo II do Regulamento 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013, do 17 de decembro de 2013, e co disposto na Estratexia de información e publicidade do PDR 2014_2020 de Galicia. O beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

a) O emblema da Unión.

b) Unha referencia á axuda do Feader.

Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, da seguinte forma:

a) Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea.

b) No caso de operacións non comprendidas no punto a) (obras de infraestruturas ou construción que se beneficien dunha axuda pública total de importe superior a 500.000 euros), atenderase ás seguintes obrigas:

As operacións que reciban unha axuda pública total superior a 10.000 euros, en función da operación financiada, colocarán, polo menos, un panel coa información sobre a operación (de tamaño mínimo A3), onde se destaque a axuda financeira recibida pola Unión, nun lugar visible para o público.

Cando a operación no marco dun PDR dea lugar a un investimento que reciba unha axuda pública total superior a 50.0000 euros, o beneficiario colocará unha placa explicativa coa información sobre o proxecto, en que se destacará a axuda financeira da Unión Europea (anexo 2 desta resolución).

Os carteis, paneis ou placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e os elementos descritos anteriormente. Esta información ocupará, como mínimo, o 25 % do cartel, da placa ou da páxina web.

6. O órgano xestor poderá organizar actividades de divulgación relacionadas coas accións financiadas. Os beneficiarios estarán obrigados a participar nelas.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)

Área de Formación, Innovación e Investigación

Avenida do Camiño Francés, 10

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546662

Fax: 981546651

Email: transferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)

Prazo de presentación: PECHADO

14/02/2020 00:00 - 13/03/2020 23:59

Un mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. As entidades beneficiarias da acción de cooperación deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

b) Certificar que están ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitadas para a obtención de subvención ou axuda pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.

d) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Unha mesma entidade non poderá ser beneficiaria de máis de dúas axudas nesta convocatoria. No caso das entidades que teñan máis de dúas solicitudes que superen a fase de avaliación, só serán admitidas aquelas dúas solicitudes que acadasen a maior puntuación nesta fase.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas teñan que realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A través da Carpeta do cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán relacionarse coa Administración competente e realizar os trámites necesarios para a tramitación do procedemento, consultar o seu estado de tramitación e coñecer os actos de trámite realizados con indicación do seu contido, así como a data en que foron ditados.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria cega do proxecto en que se fará, segundo as epígrafes do anexo II, a descrición do proxecto, diagnose da situación, necesidade detectada, obxectivos, resultados esperados, impacto sobre os usuarios potenciais da innovación e relevancia na súa contribución ao obxectivo da Asociación Europea da Innovación (en diante AEI). Ademais, sinalaranse as áreas prioritarias de actuación en que se encadra a iniciativa de cooperación. Nesta memoria non se poderá pór ningún nome propio ou dato identificativo do persoal nin das entidades participantes; o feito de non cumprir esta condición será causa de inadmisión da solicitude (anexo II).

b) Relación do persoal participante no proxecto estimación das horas de dedicación ao proxecto (anexo III).

c) Certificación do responsable de persoal de cada entidade participante que indique a tradución do curriculum vitae dos integrantes do equipo, traducido ao recollido no punto 2 do artigo 16 (anexo III).

d) Curriculum vitae de todos os membros de cada entidade participante na acción de cooperación que recolla os criterios do punto 2 do artigo 16 desta resolución (anexo IV/anexo V, segundo proceda).

e) Memoria científico-técnica para todas as actividades das entidades participantes na acción de cooperación (anexo VI), en que conste:

1º. Un resumo do proxecto en que se xustifique en que consiste a innovación que se vai desenvolver.

2º. Unha introdución en que se presente a situación actual do tema en que se vai traballar na iniciativa de cooperación e a xustificación da execución da acción e o proxecto que se propón.

3º. Obxectivos do proxecto, que incluirá argumentos que avalen a innovación (claros e específicos).

4º. Metodoloxía usada no proxecto que avale a consecución dos obxectivos propostos.

5º. Plan de traballo trasladado a un diagrama de GANTT en que se inclúa as actividades que vaia realizar cada unha das partes que colaboran e o seu desenvolvemento temporal.

6º. Plan de divulgación dos resultados detallando e especificando individualmente o alcance da publicación autonómica, nacional ou internacional. Os beneficiarios comprometeranse á divulgación dos resultados, polo menos a través da internet, dos proxectos piloto e/ou desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, respectando a súa confidencialidade para salvagardar os intereses dos participantes.

7º. Referencias bibliográficas utilizadas na redacción do proxecto.

8º. Beneficios que poidan derivar do proxecto cara ao sector implicado, desde o punto de vista da súa repercusión económica, social e tecnolóxica.

9º. Orzamentos do custo total do proxecto e o correspondente a cada un dos axentes cooperantes que colaboran nel, especificando a contía subvencionable de cada parte, con detalle dos diferentes conceptos de gasto especificados no artigo 5 desta resolución. No caso de incluír no orzamento material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o sistema que se empregará para a moderación dos custos propostos polas entidades na solicitude da axuda será a comparación de ofertas diferentes. Para tal fin, os solicitantes das axudas deberán achegar coa solicitude tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, os solicitantes achegarán unha memoria xustificativa.

f) Xustificación detallada do custo da participación no proxecto de cada unha das entidades beneficiarias participantes no proxecto (anexo VII).

g) Contrato, convenio, acordo de colaboración ou carta de intencións asinado polos representantes legais dos participantes na acción de cooperación. No caso daqueles solicitantes que resulten beneficiarios das axudas, se o que xuntaron á solicitude foi unha carta de intencións, coa aceptación da axuda deberán remitir o contrato, convenio ou acordo de colaboración asinado polos representantes legais das partes.

h) De ser o caso, declaración responsable sobre a exención de declaración de IVE. En caso de non presentar esta declaración entenderase que o IVE é recuperable e, polo tanto, non subvencionable.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Non obstante o disposto no número 1 deste artigo, a presentación da seguinte documentación considerarase mínima imprescindible para a tramitación das solicitudes:

a) Solicitude da axuda cos datos de identificación do proxecto e das entidades participantes (anexo I).

b) Memoria cega do proxecto en que se fará, segundo as epígrafes do anexo II, a descrición do proxecto, diagnose da situación, necesidade detectada, obxectivos, resultados esperados, impacto sobre os usuarios potenciais da innovación e relevancia deste. Ademais, sinalaranse as áreas prioritarias de actuación en que se encadra a iniciativa de cooperación. Nesta memoria non se poderá pór ningún nome propio ou dato identificativo do persoal nin das entidades participantes; o feito de non cumprir esta condición será causa de inadmisión da solicitude (anexo II).

c) Memoria científico-técnica con todos os seus puntos cubertos, na cal se describan todas as actividades das entidades participantes na acción de cooperación (anexo VI).

Non serán admitidas aquelas solicitudes que non presenten a antedita documentación debidamente cuberta e asinada. Nestes casos emitirase resolución de inadmisión.

6. No suposto de que a solicitude, no referente á documentación non incluída no punto 5 deste artigo, non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar o día seguinte ao de acceso ao requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, e arquivaranse as actuacións despois da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 21 e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante cando se trate dun empresario individual.

b) NIF, se se trata dunha persoa xurídica.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante AEAT).

d) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR331A) (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2020).

    • Extracto da Resolución do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR331A) (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2020).

    • Resolución do 23 de setembro de 2020 pola que se modifica a Resolución do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 197 do 29 de setembro de 2020).

    • Resolución do 23 de setembro de 2021 pola que se dá publicidade das subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 194 do 7 de outubro de 2021).

Outros procedementos relacionados

MR330C

Inscrición de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía en materia agraria.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR330D

Autorización para impartición de actividades de formación contínua e transferencia de tecnoloxía agraria.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR347A

Incrición no rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR348A

Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano