Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MR323C
Axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo en Galicia
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería do Medio Rural
A concesión de axudas que teñen como finalidade:
-Contribuír á adaptación ao cambio climático e á súa mitigación, entre outras cousas reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorando a captura de carbono, así como promover a enerxía sostible.
-Promover o desenvolvemento sostible e a xestión eficiente de recursos naturais como a auga, o chan e o aire, por exemplo, reducindo a dependencia química.
Poderán acollerse a estas axudas as seguintes entidades:
a) Cooperativas agrarias titulares de explotación agraria inscritas no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia.
b) Cooperativas agrarias con socios titulares de explotacións agrarias inscritos no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias
Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981540058
Email: sxaexplotacions.mediorural@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
09/09/2025 00:00 - 08/10/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Una vez rematado o prazo de solicitude e antes da aprobación, non se admitirán cambios no referente aos investimentos ou aos criterios de prioridade.
As persoas beneficiarias que desexen acceder ás axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser unha cooperativa agraria formada por persoas titulares de explotacións agrarias.
b) Non ter a consideración de empresa en crise. Considérase que as empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, punto 18) do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.
c) Dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico.
d) Que a súa actividade principal sexa a agraria.
e) Manter os investimentos cofinanciados durante 5 anos, desde o pagamento final ao beneficiario, ou 3 anos no caso pemes.
f) Cumprir cos requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se for o caso).
b) Certificado do acordo do consello reitor para solicitar a subvención.
c) Certificado das persoas socias. Identificarase o NIF, nome, sexo e porcentaxe de participación.
d) Certificado en que consten o NIF, nome, sexo e data de elección das persoas que compoñen o seu órgano de goberno.
e) Certificado en que conste a porcentaxe que as persoas socias titulares de explotación van a facer uso do produto relacionado co investimento na súa propia explotación.
f) Balance e contas de resultados da empresa. As pemes deben achegar os do último exercicio, as non pemes os dos dous últimos exercicios.
g) No caso de investimentos en obra civil:
a. Proxecto visado (en soporte dixital) elaborado por técnico ou equipo técnico competente (polo menos deberá formar parte un enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao universitario equivalente).
b. Xustificación documental da dispoñibilidade da licenza de obras, e calquera outro permiso administrativo necesario, de acordo coa correspondente normativa sectorial.
c. No caso de novas construcións, deberase acreditar a dispoñibilidade do terreo onde se van realizar os investimentos.
h) Tres orzamentos ou ofertas de diferentes provedores por cada un dos investimentos. As ofertas presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, agás a compra de terreos e edificacións.
b. Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.
c. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.
Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, ou que puidese dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.
i) Anexo II (comprobación de datos de terceiras persoas interesadas).
j) Certificado do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica que vincule os investimentos ca produción/actividade ecolóxica, no caso de investimentos relacionados con operacións de agricultura ecolóxica.
k) No suposto de adquisición de terreos ou bens inmobles, debe achegarse certificado de taxador independente debidamente acreditado e rexistrado no correspondente rexistro oficial.
l) Memoria técnico-económica, elaborado por técnico ou equipo técnico competente (polo menos deberá formar parte un enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao universitario equivalente), que especifique a natureza dos investimentos e como estes contribuirán aos obxectivos específicos «contribuír á atenuación do cambio climático e á adaptación aos seus efectos así como á enerxía sustentable», e/ou «promover o desenvolvemento sustentable e a xestión eficiente dos recursos naturais tales como a auga, o solo e o aire, así como a súa viabilidade».
m) Acreditación do nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais:
a. As persoas xurídicas que, consonte a normativa contable, poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, certificada polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderá ser substituída pola documentación prevista la letra seguinte.
b. As persoas xurídicas que, consonte a normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada:
i. Certificado emitido por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
ii. No caso de que non sexa posible emitir o certificado a que se refire o punto anterior, «Informe de procedementos acordados», elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido.
Entenderase cumprido o requisito exixido neste punto cando o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, sexa igual ou superior á porcentaxe prevista na disposición final sexta, letra d), punto segundo, da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Domicilio fiscal.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
h) Vida laboral da empresa.
i) Imposto de actividades económicas ampliado (IAE).
j) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
k) Concesión de subvencións e axudas.
l) DNI/NIE da/das persoa/s que elabore/n a memoria técnico-económica.
m) Títulos oficiais universitarios da/das persoa/s que elabore/n a memoria técnico-económica e o proxecto técnico, de ser o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (Anexo II)
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 21 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 172 do 8 de setembro de 2025).
-
Extracto da Orde do 21 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 172 do 8 de setembro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.
Aberto todo o ano
Rexistro de sociedades agrarias de transformación.
Aberto todo o ano
Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.
Aberto todo o ano
Declaración para a realización de determinadas prácticas enolóxicas R(CE) 606/2009.
Aberto todo o ano