Guía de procedementos e servizos

MR321A

Subvencións para as organizacións profesionais agrarias e as asociacións agrarias

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 08/10/2026 00:00 - 09/11/2026 23:59

Consellería do Medio Rural

Sobre o procedemento

A concesión de axudas coa finalidade da realización de actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias legalmente constituídas e con implantación en Galicia, e dos agricultores galegos en xeral.

Poderán ser beneficiarias das axudas que se regulan nesta orde as seguintes entidades:

a) As organizacións profesionais agrarias.

b) As asociacións agrarias.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias

Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546397

Email: sxaexplotacions.mediorural@xunta.gal

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

08/10/2026 00:00 - 09/11/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.


1. As entidades beneficiarias deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.As organizacións profesionais agrarias deben cumprir o seguinte:

a) Ter máis de cinco representantes da parte produtora e non asociada a cooperativas nas eleccións para renovar os órganos de Goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario, convocadas pola Orde do 7 de novembro de 2022 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario.

b) Ser unha entidade colaboradora da política agrícola común (PAC) e ter tramitado, polo menos, o 1 % das solicitudes únicas da PAC 2026.

3. As asociacións agrarias deben cumprir o seguinte:

a) Ter ámbito de actuación provincial ou autonómico, legalmente constituídas de acordo coa Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, con código de actividade «811 Agricultura, gandaría, silvicultura, caza, pesca» consonte o Real decreto 949/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.

b) Polo menos, dúas das seguintes condicións:

i. Ter representación da parte produtora e non asociada a cooperativas nas eleccións para renovar os órganos de Goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario, convocadas pola Orde do 7 de novembro de 2022 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario.

ii. Estar inscrita no Rexistro de Entidades con Servizos de Aconsellamento ou Xestión de Galicia e ter realizado algún servizo de aconsellamento ou xestión durante o ano 2026.

iii. Ser unha entidade colaboradora da política agrícola común (PAC) e ter tramitado, polo menos, o 1 % das solicitudes únicas da PAC 2026.

iv. Ser unha entidade colaboradora da Consellería do Medio Rural para prestar servizos de formación agroforestal e ter prestado algún servizo de formación durante o ano 2026.

Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se é o caso).

b) Memoria das actuacións coas actividades realizadas e os resultados obtidos.

c) Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

i. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, coa identificación das persoas acredoras e do documento, o seu importe, a data de emisión e, se é o caso, a data de pagamento. Esta relación presentarase nun arquivo de folla de cálculo editable, para axilizar a revisión da documentación correspondente.

ii. As facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

  • a. Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento, a identificación da persoa beneficiaria que paga e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

  • b. Se o pagamento se fai mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.).

  • c. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

  • d. No caso dunha factura xustificada mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e acompañarase dunha relación de todos os documentos do pagamento e os importes acreditativos do pagamento desa factura.

  • e. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberán identificarse claramente no documento de pagamento as facturas que se imputan ao proxecto.

  • f. No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

  • g. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos verificables por terceiros na sede electrónica da entidade bancaria.

iii. Certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles.

iv. Os documentos acreditativos dos gastos de persoal realizados con medios ou recursos propios (nóminas e xustificante bancario do pagamento desas nóminas).

v. Os tres orzamentos que deba ter solicitado a persoa beneficiaria en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

d) No caso de entidades con máis dunha oficina de atención permanente ao público en Galicia, documentación que acredite a dispoñibilidade da oficina a nome da entidade (propiedade, cesión ou alugueiro) e a titularidade das subministracións e servizos a nome da entidade (electricidade, teléfono, etc.).

e) No caso das persoas solicitantes ás cales lles sexa de aplicación o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro (subvencións de importe superior a 30.000,00 €):

i. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar unha conta de perdas e ganancias abreviada, certificación asinada polo órgano de administración ou equivalente, con poder suficiente de representación, en que alegan acadar o grao de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderase substituír pola documentación prevista no punto seguinte.

ii. Persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada:

  • a. Certificación expedida por unha persoa auditora de contas inscrita no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que conteña unha desagregación da información de pagamento descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando consta que se acada o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecido na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinada neste punto, a partir da información exixida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

  • b. No caso de que non fose posible expedir o certificado a que se refire o punto anterior, «Informe de procedementos acordados», elaborado por unha persoa auditora inscrita no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, quen, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento ás persoas provedoras da empresa nunha data de referencia, conclúa sen que se detecten excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detecten, non impidan acadar o nivel de cumprimento exixido.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de xeito presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

e) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

f) Vida laboral da empresa.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

i) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuadas electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Un mes

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 30 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a realización de actividades de interese agrario, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 191 do 7 de outubro de 2026).

    • Extracto da Orde do 30 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a realización actividades de interese agrario, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 191 do 7 de outubro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR324A

Rexistro de sociedades agrarias de transformación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR347A

Incrición no rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR348A

Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR505A

Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano