Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
IN853D - Axudas destinadas á creación e integración de novos centros de investigación empresarial no ecosistema de innovación de Galicia (Centros de Investigación Empresarial).
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas a empresas que teñan por obxecto a creación de novos centros de investigación que complementen a oferta tecnolóxica do ecosistema de I+D+i de Galicia, enmarcados nas prioridades estratéxicas da RIS3 para Galicia.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN853D), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
3. As axudas concederanse baixo a modalidade de subvención en réxime de concorrencia competitiva.
4. Só se admitirá unha solicitude por empresa. Ademais, no caso de empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial, unicamente se admitirá unha solicitude por empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial. No caso de que concorran varias empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial só se admitirá aquela solicitude presentada no rexistro en primeiro lugar e serán desestimadas as seguintes.
Actuacións subvencionables .
1. As actividades que poderán ser obxecto de subvención serán aquelas iniciativas empresariais que dean lugar á creación de novas infraestruturas de investigación en Galicia onde levar a cabo actividades de investigación básica e aplicada que non está a desenvolver actualmente na Comunidade Autónoma galega o solicitante. Estes centros realizarán actividades no ámbito da Estratexia de investigación e innovación para a especialización intelixente de Galicia (RIS3 Galicia) e desenvolverán actividades económicas.
2. Serán subvencionables os custos de investimento en activos materiais e inmateriais, así como os custos salariais de persoal investigador de nova contratación conforme se detallan no artigo 6 destas bases.
3. Para ter a consideración de subvencionable, o centro de investigación empresarial deberá cumprir os seguintes requisitos:
a) A iniciativa debe ser promovida por empresas privadas conforme a definición recollida no artigo 2 desta resolución.
b) O centro de investigación non poderá preexistir en Galicia no momento de solicitude da subvención en resposta á correspondente convocatoria. Por tanto, a solicitude de axuda terá como propósito crear un novo centro de traballo e/ou crear unha nova infraestrutura de investigación.
c) O centro de investigación deberá estar fisicamente en Galicia, os seus medios e instalacións deben estar perfectamente delimitados, identificados e diferenciados fisicamente do resto da empresa antes de que finalice o prazo de xustificación.
d) O centro de investigación deberá acoller polo menos 10 empregados (a tempo completo) dedicados exclusivamente ao desenvolvemento de actividades de investigación no centro de nova creación obxecto desta axuda. Este requisito deberase cumprir no momento do fin do prazo de execución do proxecto subvencionado, así como aos 3 anos tras a finalización do prazo de execución. As novas contratacións deberán acreditar a ausencia de vinculación empresarial co solicitante ou empresas vinculadas e asociadas a el nos 6 meses anteriores á data de contratación.
e) O orzamento mínimo das propostas será de 3.000.000,00 € e o máximo será de 20.000.000,00 €.
f) A vixencia e funcionamento do centro de investigación en Galicia en relación coas actividades obxecto de subvención deberá ser, polo menos, cinco (5) anos contados desde a data de finalización do prazo de xustificación da subvención.
g) O acceso ás infraestruturas estará aberto a varios usuarios e concederase de forma transparente e non discriminatoria. A empresa promotora do centro poderá beneficiarse do acceso preferente en condicións máis favorables, para o cal se publicarán as tarifas correspondentes. Co fin de evitar unha compensación excesiva, este acceso será proporcional á contribución da empresa aos custos de investimento e esas condicións faranse públicas.
De conformidade co anterior, o promotor do centro deberá aprobar e publicar a súa política de acceso ás infraestruturas de investigación, segundo a súa «proposta de explotación do centro», tendo en conta a posibilidade de recoller condicións de acceso preferente para a propia empresa promotora. Esta política de accesos deberá ter en conta os principios e directrices recollidas na Carta europea de acceso ás infraestruturas de investigación.
Respecto á posibilidade de que a empresa promotora poida beneficiarse do acceso preferente, a política de acceso ás infraestruturas definirá con detalle as condicións obxectivas do devandito acceso preferente, e deberanse fixar límites ao devandito acceso en función da participación da empresa nos custos de investimento. Tendo en conta que, de conformidade co recollido no artigo 26.6 do Regulamento 651/2014, a intensidade da axuda non deberá exceder o 50 % dos custos subvencionables, a proporción máxima de acceso preferente será o resultado de ponderar a contía de investimento achegado polo promotor, en función da contía total do investimento (subvencionable e non subvencionable).
h) O prezo que se cobre polo funcionamento ou utilización das infraestruturas deberá corresponder ao prezo de mercado.
i) As actividades de investigación que desenvolve o centro deben enmarcarse nos campos de especialización definidos como prioritarios na especialización intelixente de Galicia (RIS3 Galicia). O centro de investigación poderá centrarse na investigación en áreas como a eficiencia enerxética, a mellora da sustentabilidade do seu proceso ou produto, a descarbonización da súa actividade, a incorporación de aspectos da economía circular, o mellor aproveitamento dos recursos ou a dixitalización da cadea de valor, entre outros.
j) As actividades de investigación que se realicen no novo centro creado deberán constituír unha nova liña de actividade para a empresa. Esta circunstancia producirase ben porque a empresa non realizaba previamente labores de investigación, ou ben porque, aínda realizando investigación previamente, levará a cabo a dita actividade nunha rama científica-tecnolóxica nova e, por tanto, supón unha diferencial fronte ao resto de actividades levadas a cabo pola empresa no caso de que xa tivese centros de traballo en Galicia.
k) Co obxecto de garantir os principios de transparencia e non discriminación, rexistraranse os usuarios (persoas xurídicas e/ou físicas) do centro.
4. O prazo de execución virá determinado na resolución de concesión, e en calquera caso virá determinado polos seguintes límites:
• Anualidade 2022: inicio desde a solicitude da axuda e ata o 30 de setembro de 2022.
• Anualidade 2023: desde o 1 de outubro de 2022 e ata o 30 de setembro de 2023.
• Anualidade 2024: desde o 1 de outubro de 2023 e ata o 30 de setembro de 2024.
• Anualidade 2025: desde o 1 de outubro de 2024 e ata o 31 de maio de 2025.
5. Os centros subvencionados deberán cumprir o disposto respecto do efecto incentivador. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se presenta antes do inicio da actividade. Entenderase que a actividade comeza co primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou traballos correspondentes, ou outro compromiso que faga o investimento irreversible se esta data é anterior. Os traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.
Poderá ser beneficiaria calquera empresa constituída como sociedade mercantil, conforme a definición recollida no artigo 2, que desenvolva actividades de investigación no ámbito da Estratexia de investigación e innovación para a especialización intelixente de Galicia (RIS3 Galicia). Para levar a cabo as actividades subvencionables, as beneficiarias deberán ter a súa sede social ou un centro de traballo en Galicia.
1. Ás beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda, conforme o disposto no artigo 20 da presente resolución.
2. Requisitos que deben cumprir as entidades beneficiarias:
• As empresas que presenten propostas deben contar con personalidade xurídica e estar validamente constituídas.
• Recoller nos seus estatutos explicitamente a finalidade de contribuír á excelencia científica da investigación e contribuír ao desenvolvemento do Espazo Europeo de Investigación, así como a súa competitividade económica, e para logralo estará aberta á comunidade científica europea en xeral de acordo coas normas fixadas polos seus estatutos.
• Contar co domicilio social e/ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
• Non estar suxeitas a unha orde xudicial para recuperar axudas que se considerasen ilegais e incompatibles no contexto dunha decisión da Comisión Europea, ou ter dificultades no sentido das directrices da Comisión Europea sobre axudas de salvamento e reestruturación de empresas en crise.
• Deberán estar ao día nas obrigacións coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Axencia Tributaria e o Goberno de Galicia.
3. A Axencia Galega de Innovación poderá realizar as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias que así o declaren teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014 e que non son empresas en crise.
4. Non poderán adquirir a condición de beneficiarios destas axudas:
a) Os organismos de investigación indicados no punto 16 do artigo 2 desta resolución.
b) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.
c) Aquelas entidades que posúan un dereito de concesión sobre o centro ou sede onde realicen a actividade.
d) Entidades que non desempeñen actividades económicas.
e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se crease especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
f) As empresas en crise conforme a definición contida no artigo 2 desta Resolución.
g) As empresas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea en que se declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.
h) As empresas en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Área de Servizos
Rúa Airas Nunes, s/n (Conxo)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881999471/ 981957008
Fax: 981957380
Email: servizos.gain@xunta.gal
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Resolución do 17 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas á creación e integración de novos centros de investigación empresarial no ecosistema de innovación de Galicia, enmarcados nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 127 do 5 de xullo de 2022).
Extracto da Resolución do 17 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas á creación e integración de novos centros de investigación empresarial no ecosistema de innovación de Galicia, enmarcados nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 127 do 5 de xullo de 2022).
Resolución do 1 de decembro de 2022 pola que se adxudican as axudas destinadas á creación e integración de novos centros de investigación empresarial no ecosistema de innovación de Galicia, convocadas pola Resolución do 17 de xuño de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 127, do 5 de xullo) (DOG nº 235 do 13 de decembro de 2022).
Prazo de presentación: PECHADO
06/07/2022 00:00 - 05/08/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Solicitudes .
1. As solicitudes presentaranse, obrigatoriamente, por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e contrasinal Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:
a) Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
b) Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se entregan son certos e acepta as condicións e obrigacións recollidas nesta convocatoria.
c) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma.
f) Declaración responsable de que desenvolverán en Galicia as actividades para as que se solicita a axuda.
g) Declaración responsable de que o solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.
h) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal solicita a axuda.
i) Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.
j) Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
k) Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.
l) Declaración responsable de non consideración de empresa en crise. Con todo, a Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.
m) Declaración responsable de que non está incursa nun procedemento de concurso de acredores.
n) Declaración responsable de que non recibiu axudas de salvamento nin de reestruturación.
o) Declaración responsable de que, de ser o caso, se concederá unha licenza non exclusiva en condicións de mercado non discriminatorias a terceiros no Espazo Económico Europeo respecto dos desenvolvementos obtidos no plan subvencionado.
p) Declaración responsable de que a actuación non se iniciou antes da data de solicitude da axuda.
q) Declaración responsable de que as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nelas, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non gozarán de acceso preferente aos resultados que xeren.
Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas nas devanditas declaracións no momento en que se produza.
Documentación complementaria .
1. As empresas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación complementaria:
Documentación económico-administrativa:
a) Declaración responsable relativa á condición de peme (anexo III).
No caso de pemes vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberanse achegar os anexos anexo III-A, anexo III-A1, anexo III-B ou anexo III-B1, segundo corresponda.
Tamén, como documentación complementaria, deberase achegar para cada unha das empresas vinculadas ou asociadas a documentación das alíneas b) e c) deste artigo.
b) Copia da escritura de constitución da entidade e as súas modificacións posteriores.
c) Poder de representación verificado, de ser o caso.
Documentación técnica (anexo II: modelo de memoria):
a) Memoria técnica de creación do centro de investigación empresarial.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou estes documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se deban presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) NIF da entidade representante.
c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.
d) Certificado de estar ao día nas obrigacións tributarias coa AEAT.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes .
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Solicitude (Anexo I)
- Fase de solicitude
- Declaración de condición de peme - Ficha de asociación (Anexo III-A.1)
- Declaración responsable relativa á condición de peme (Anexo III)
- Declaración de condición de peme - Ficha de vinculación (Anexo III-B.1)
- Declaración de condición de peme - Empresa vinculada (Anexo III-B)
- Declaración de condición de peme - Empresa asociada (Anexo III-A)
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"