Guía de procedementos e servizos

IN848G

Axudas para Vinnovate Galicia.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 20/09/2024 00:00 - 30/10/2024 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

Axudas para financiar a participación galega nos proxectos colaborativos interrexionais no marco da primeira convocatoria do mecanismo VInnovate da Vanguard Initiative.

1. Poderán ser entidades beneficiarias das axudas desta resolución os organismos de investigación e empresas, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, que realicen proxectos de desenvolvemento experimental en colaboración. As empresas poderán ser pequenas, medianas ou grandes, segundo as definicións contidas no anexo II. As entidades beneficiarias non poden estar vinculadas entre si e deberán contar cun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia.

Os organismos de investigación que, ademais de actividades non económicas, realicen tamén actividades económicas, deberán consignar por separado o financiamento, os custos e os ingresos respectivos. No caso en que non sexa posible distinguir ambas as actividades, o organismo terá a consideración de empresa para os efectos destas axudas e as súas intensidades máximas.

2. Ao abeiro desta resolución consideraranse organismos de investigación:

– Os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia.

– As universidades do Sistema universitario galego.

– Os centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas.

– As fundacións de investigación sanitaria de Galicia.

– Outros organismos de investigación de Galicia que teñan definida nos seus estatutos a I+D como actividade principal.

3. Non poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para verificar que non se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) número 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión Europea, para considerar unha empresa en crise.

Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias as empresas que incumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei xeral de subvencións. En particular, non poderán obter a condición de entidade beneficiaria aquelas empresas que incumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

De conformidade co disposto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, xeral de subvencións, no caso de subvencións de importe superior a 30.000 euros, non poderán ser beneficiarias as entidades, distintas ás entidades de dereito público, con ánimo de lucro suxeitas á Lei 3/2004, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, que incumpran os prazos de pagamento previstos na citada lei.

4. Todas as entidades que forman parte da participación galega do consorcio e que obteñan axuda terán a consideración de entidades beneficiarias e deberán cumprir as súas obrigas como tales. Tanto na solicitude como na resolución de concesión deberán constar, de xeito expreso, os compromisos de execución asumidos por cada membro do consorcio galego, así como o importe da subvención que se vai aplicar por cada un deles. A concesión da axuda será efectuada a cada unha das entidades galegas participantes.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Rúa Airas Nunes, s/n

15702  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957303

Email: gain@xunta.gal

Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

20/09/2024 00:00 - 30/10/2024 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comenzará o 20 de setembro e rematará o 30 de outubro, debendo cumprirse o prazo mínimo de un mes.

Solicitudes.

1. Cada consorcio interrexional presentará o formulario de adecuación da proposta ao Secretariado de VInnovate a través do mail vinnovate@s3vanguardinitiative.eu, que será enviado polo coordinador do proxecto interrexional, segundo se indica no artigo 6.

Unha vez o proxecto interrexional conte coa conformidade do Secretariado de VInnovate, todos os solicitantes galegos presentarán o anexo I (solicitude), xunto co resto de anexos indicados nesta convocatoria para a fase de solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Pola súa natureza de proxecto colaborativo, cada membro da parte galega do consorcio, agás o líder, presentará a súa solicitude expresando claramente o título do proxecto e a información que figura no anexo I. Esta presentación dará lugar a un número de rexistro que deberá facilitarlle á entidade galega líder. Posteriormente, a entidade líder da parte galega do consorcio presentará a súa solicitude. Para os efectos da presentación da solicitude de proxecto, só se terá en conta a data de presentación da solicitude da empresa líder da parte galega do consorcio, e será esta a súa responsabilidade, polo que se considerarán inadmitidas as solicitudes que non teñan a presentación do líder da parte galega do consorcio.

3. Os datos de contacto das solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións.

4. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia www.sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

6. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables relativas á cada unha das entidades galegas do consorcio:

a) Declaración responsable do solicitante de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade ou proxecto ou para as mesmas partidas de gasto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable de que os datos contidos na solicitude e na documentación complementaria son certos, e que acepta as condicións e as obrigas recollidas nesta resolución.

c) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (en diante, Lei 38/2003).

d) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas na devandita declaración no momento en que se produza.

e) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

f) Declaración responsable de non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

g) Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no plan de traballo do proxecto para o que se solicita a axuda.

h) Declaración responsable de que a solicitude de axuda é anterior ao comezo do proxecto galego para o que se solicita (efecto incentivador).

i) Declaración responsable de que o solicitante sabe que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014, sobre empresas vinculadas.

k) Declaración responsable de que, no caso de dispoñer dun plan de igualdade implantado no centro, deberá mantelo durante o período de execución do proxecto.

l) Declaración responsable de dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda. A Axencia Galega de Innovación verificará o cumprimento desta obriga a través do plan financeiro que deberán presentar as entidades beneficiarias na solicitude da axuda.

m) Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

n) Declaración responsable de que se conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento da axuda (artigo 82 RDC).

o) Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como o deber de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

p) Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

q) Declaración responsable do cumprimento dos principios horizontais recollidos no artigo 9 do RDC en materia de igualdade, accesibilidade e dereitos fundamentais.

r) Declaración responsable do cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo» (DNSH) e compromiso da entidade beneficiaria de prever e realizar as accións oportunas para asegurar que os subcontratistas cumpran con este principio.

s) Compromiso por escrito de conceder os dereitos e accesos necesarios para garantir que a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais e autonómicas exerzan as súas competencias.

t) Declaración responsable de non ser considerada como empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión.

u) No caso de organismos de investigación que desenvolvan actividades de tipo económico e non económico, declaración responsable de que dispón dunha contabilidade que permite distinguir os custos e o financiamento da súa actividade económica e non económica.

v) No caso de organismos de investigación, declaración responsable de que as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva sobre eles (accionistas ou membro), non gozarán dun acceso preferente aos resultados que se xeren.

w) No caso de organismos de investigación que non sexan declarados empresas para os efectos destas axudas, declaración de que a axuda recibida será dedicada única e exclusivamente á actividade non económica da entidade ou que a súa actividade económica total é puramente accesoria, segundo as condicións incluídas no artigo 1.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento administrativo.

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Documentación xurídico-administrativa.

1º. Contrato/s de subcontratación subscrito con organismo/s e/ou empresa/s debidamente asinados por ambas as partes nos supostos en que o importe da subcontratación supere os 60.000 euros e que o dito importe exceda o 20 % da axuda concedida.

2º. Anexo de comprobación de datos das persoas representantes mancomunadas, no caso de representación mancomunada (anexo III).

3º. Anexo de declaración de información relativa á condición de peme (anexo VII). A Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos pertinentes.

4º. Anexo de comprobación de datos do equipo investigador (anexo IV).

5º. A empresa líder da parte galega do consorcio presentará o acordo de consorcio debidamente asinado por todos os membros, incluíndo o anexo do acordo específico da parte galega asinado polas entidades galegas participantes, co contido mínimo sinalado no artigo 5 desta resolución.

6º. Memoria xustificativa do cumprimento do principio DNSH conforme o Regulamento (UE) 2020/852, do 18 de xuño, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088, segundo se detalla no anexo IX desta convocatoria.

7º. No caso das empresas, a acreditación sobre o cumprimento dos prazos de pagamento a provedores, de conformidade co previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións:

A. Para sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

B. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, certificación emitida por auditor/a rexistrado/a no Rexistro Oficial de Auditores de Contas do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

8º. Poder da persoa representante que presenta a solicitude, verificado por letrado/a da Xunta de Galicia no caso de non estar inscrito no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).

9º. A comunicación de conformidade do Secretariado de VInnovate en resposta ao formulario de adecuación da proposta interrexional (Project Fit Form).

b) Documentación técnica:

1º. Memoria técnica, en idioma galego ou castelán, segundo o índice que se inclúe como anexo VIII (en formato pdf) a presentar polo líder da parte galega do consorcio. Nesta memoria debe incluírse a información detallada sobre o persoal das entidades galegas dedicado ao proxecto: identificación do persoal propio da entidade, actividades que desenvolverá, porcentaxe de dedicación ao proxecto e motivación desta porcentaxe. Respecto do persoal de nova contratación, indicaranse o seu perfil e a duración do seu contrato. No referido aos custos de equipamento, deberá xustificarse na memoria a vida útil do equipamento e material instrumental de nova adquisición e o procedemento seguido para calcular os custos de amortización. Asemade, debe incluír tamén a coherencia do proxecto e as actividades de todos os socios cos criterios de priorización: excelencia, implementación e impacto.

De se posuír máis información sobre a participación dos outros participantes do consorcio interrexional, poderase presentar como anexo en inglés.

2º. Currículos redactados en formato libre de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto por parte de cada membro da parte galega da agrupación.

c) Plan de comunicación e difusión do proxecto galego.

As entidades beneficiarias galegas deberán realizar un plan de comunicación e difusión dos seus resultados no proxecto interrexional para compartir aqueles non suxeitos a confidencialidade co ecosistema de I+D, coa sociedade e coas administracións, e maximizar así o seu impacto. Este plan deberá presentalo o líder da parte galega do proxecto e incluirá as actividades que debe realizar cada entidade beneficiaria galega en cada unha das anualidades.

Este plan de comunicación debe describir os obxectivos previstos, as actividades de comunicación propostas, os indicadores para medir os resultados destas e o público a que van dirixidas (comunidade científica, usuarios finais, sociedade en xeral...).

As accións de comunicación deben estenderse ao longo de toda a vida do proxecto, estar estratexicamente planificadas, con obxectivos claros e medibles, e ser proporcionais á escala do proxecto galego. Cómpre xustificar por que cada medida elixida é a máis adecuada para o público obxectivo a que vai dirixida.

As actividades de comunicación e difusión poden consistir na realización ou participación en eventos, xornadas; publicación en plataformas, web e redes sociais; elaboración de folletos, carteis ou vídeos; boletíns periódicos/novas e comunicados de prensa, entre outras. Porase de manifesto o apoio da Unión Europea e da Axencia Galega de Innovación nas actuacións do proxecto galego, mencionando expresamente estes apoios e amosando os logotipos destas entidades en todos os materiais empregados.

As actividades de difusión e comunicación que impliquen formación non serán subvencionables, así como as axudas de custo e viaxes.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos da Unión Europea, todas as actividades do plan deberán respectar o disposto no artigo 50 e no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, e no documento O uso do emblema europeo no contexto dos programas da UE 2021-2027.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola 0persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De xeito excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada opóñase á súa consulta:

a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesourería Xeral da Seguridade Social e Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante da entidade solicitante. No caso de que a entidade solicitante estea representada por unha persoa xurídica, comprobarase o NIF desta.

d) DNI/NIE das persoas representantes mancomunadas. No caso de entidades representada por unha persoa xurídica, comprobarase o NIF desta.

e) DNI/NIE das persoas do equipo investigador.

f) Títulos oficiais universitarios e títulos oficiais non universitarios das persoas que forman parte do equipo investigador.

g) Consulta de vida laboral (TXSS) dos últimos 12 meses das persoas que forman parte do equipo investigador.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente: certificado do grao de discapacidade das persoas que forman parte do equipo investigador.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e nos anexos III e IV segundo corresponda, e presentar os devanditos documentos.

Cando o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será antes do 31 de marzo de 2025.

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 11 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas VInnovate Galicia para fomentar a cooperación transnacional dos axentes do Sistema galego de I+D a través de proxectos de colaboración con outros axentes europeos ao abeiro da primeira convocatoria do Mecanismo Interrexional VInnovate cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 177 do 13 de setembro de 2024).

    • Extracto da Resolución do 11 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas VInnovate Galicia para fomentar a cooperación transnacional dos axentes do Sistema galego de I+D a través de proxectos de colaboración con outros axentes europeos ao abeiro da primeira convocatoria do Mecanismo Interrexional VInnovate cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 177 do 13 de setembro de 2024).

    • Resolución do 27 de novembro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 11 setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas VInnovate Galicia para fomentar a cooperación transnacional dos axentes do Sistema galego de I+D a través de proxectos de colaboración con outros axentes europeos ao abeiro da primeira convocatoria do Mecanismo Interrexional VInnovate, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 231 do 29 de novembro de 2024).

    • Resolución do 28 de marzo de 2025 pola que se adxudican as axudas da Resolución do 11 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas VInnovate Galicia para fomentar a cooperación transnacional dos axentes do Sistema galego de I+D a través de proxectos de colaboración con outros axentes europeos, ao abeiro da primeira convocatoria do Mecanismo Interrexional VInnovate, cofinanciadas coa Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 67 do 7 de abril de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN608B

Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR560B

Inscrición no rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR485A

Inscrición no rexistro de plans de autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aberto todo o ano