Guía de procedementos e servizos

IN519D

Subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da comunidade autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 29/05/2026 00:00 - 28/08/2026 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

1. Estas subvencións teñen por obxecto o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de fomentar a implantación e fixación de empresas.

2. Os proxectos a subvencionar ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo dos anos 2026, 2027 e 2028.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Actuacións e gastos subvencionables

1. Son actuacións subvencionables o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que dá servizo a un parque empresarial existente ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Son gastos subvencionables os establecidos no prego de condicións técnicas emitido pola empresa distribuidora para o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que dá servizo a un parque empresarial existente ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os ditos gastos deban ser asumidos polos solicitantes, conforme o establecido no artigo 25.3 do Real decreto 1048/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de distribución de enerxía eléctrica.

3. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados dende o 1 de xaneiro de 2026 ata a data de xustificación do investimento.

4. Non se valorarán para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de taxas, de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

5. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda. Por conseguinte, no caso do imposto sobre o valor engadido (IVE) considerase subvencionable cando non sexa recuperable polo solicitante.

6. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo ao que se refire o artigo 19.8 das bases reguladoras.

7. Non serán obxecto de subvención aquelas actuacións que, a xuízo do órgano instrutor, non sexan tecnicamente viables nos prazos previstos nesta orde.

8. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

9. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Concellos que realicen investimentos para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento no seu termo municipal.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

Subdirección Xeral de Administración e Seguridade Industrial

Edificio Administrativo San Caetano

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545572

Email: cei.sxai@xunta.gal ..................

Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

29/05/2026 00:00 - 28/08/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de tres (3) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II)   dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Solicitude e documentación complementaria.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

2. Só se poderá presentar unha solicitude por parque empresarial.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

b) Acordo do Pleno do concello, ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, expedido con anterioridade ao prazo de presentación de solicitudes, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda.

c) Prego de condicións técnicas dos traballos de reforzo e extensión a realizar, elaborado pola distribuidora, segundo se establece no artigo 25.3 do Real decreto 1048/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de distribución de enerxía eléctrica.

d) Orzamento dos traballos de reforzo e extensión para realizar elaborado a partir do prego de condicións técnicas indicado no punto anterior, realizado pola distribuidora ou por empresa instaladora habilitada.

e) Cronoloxía prevista para as actuacións propostas, indicando os aspectos críticos que poden condicionar a execución do proxecto por causas alleas ao concello solicitante. Na dita cronoloxía informarase á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial de todas as autorizacións necesarias para levar a cabo as actuacións propostas e o momento temporal en que se atopa o solicitante en relación con cada unha das ditas autorizacións.

f) Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

g) De ser o caso, certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia en que se acredite a proposta de habilitación do concello como Concello Emprendedor-Concello Doing Business ou diploma no que se acredita como Concello Emprendedor-Concello Doing Business, expedidos con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algún dos concellos presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Os concellos responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas polo concello, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o concello se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade local solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de axudas do Estado (BNDS).

2. No caso de que os concellos se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso do concello para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos concellos a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 13 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 98 do 28 de Maio de 2026).

    • Extracto da Orde do 13 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 98 do 28 de Maio de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN519H

Axudas de Industria Dual

Tramitar en liña

Prazo aberto: 04/06/2026 09:00 - 04/09/2026 14:00

IN308C

Subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 11/09/2025 09:00 - 13/10/2025 09:00

IN421G

Proxectos de enerxías renovables térmicas.

Prazo pechado: 26/05/2021 00:00 - 25/06/2021 23:59

IN421Y

Adhesión ao programa de axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica

Prazo pechado: 13/08/2020 00:00 - 02/09/2020 23:59