Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
IN519B - Axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva
Obxecto
1. Estas bases teñen por obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolveren a súa actividade económica.
2. Os proxectos que se subvencionan ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2021.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Actuacións e gastos subvencionables
1. Constitúen o obxecto destas axudas as seguintes tipoloxías de actuacións:
a) Plantas de depuración de augas (a.1); os proxectos poderán incluír ou ter como obxecto os colectores con vertedura á depuradora municipal (a.2).
b) Xestión de residuos dentro do parque empresarial.
c) Infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao parque empresarial.
d) Instalación de sistemas de seguridade e vixilancia dentro do parque empresarial.
e) Instalacións comúns de equipamentos e sistemas de protección destinados á loita contraincendios dentro do parque empresarial, incluídos no anexo I do Real decreto 513/2017, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios.
f) Instalación de sistemas contra o roubo de cable dentro do parque empresarial.
2. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2021 ata a data de xustificación do investimento.
3. Non se valorarán para efectos de investimento os gastos que se realicen en pagamento de taxas, licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda. Así mesmo, non serán subvencionables gastos en materia de iluminación pública (agás actuacións en materia de canalización incluídas no trazado da infraestrutura viaria proposta en proxectos da tipoloxía 3.1.c), xardinaría e mobiliario urbano.
4. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.
5. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 19.h) da presente orde.
6. Para seren subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación.
7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.
8. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.
A quen vai dirixido?
Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos, dentro do seu ámbito territorial, de acordo co obxecto desta orde, para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento no seu termo municipal ou nos termos municipais limítrofes. As solicitudes poderanse presentar individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar), para os efectos do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Obrigas dos beneficiarios
O beneficiario da subvención queda obrigado a:
a) Executar o proxecto que fundamente a concesión da subvención.
b) Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión e o goce da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos tal como recolle o artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 24 da presente orde.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
f) Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe ao destino que se dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.
g) Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.
h) Colocar un cartel informativo no lugar de execución da actuación subvencionada, conforme o modelo indicado no anexo IV, que deberá permanecer instalado durante todo o período de execución do proxecto. Unha vez finalizada a execución da actuación subvencionada, o cartel substituirase por unha placa explicativa permanente, conforme ao modelo indicado no anexo V. A devandita placa debe ser dun material resistente (aluminio, metacrilato ou similar) e cun tamaño mínimo A4.
Requisitos
1. Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.
A onde acudir
Xunta de Galicia
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación
Secretaría Xeral de Industria
Subdirección Xeral de Administración Industrial
R/ Avelino Pousa Antelo, 5 (San Lázaro)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957188/ 981545572
Fax: 981957192
Desde el resto del Estado: 902 12 00 12
Órgano responsable
Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais
Normativa
Ámbito Autonómico
Orde do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN519B) (DOG nº 4 do 8 de xaneiro de 2021).
Extracto da Orde do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN519B) (DOG nº 4 do 8 de xaneiro de 2021).
Orde do 29 de xuño de 2021 pola que se amplía o crédito da Orde do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 127 do 6 de xullo de 2021).
Resolución do 13 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 141 do 26 de xullo de 2021).
Orde do 29 de xullo de 2021 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 153 do 11 de agosto de 2021).
Resolución do 6 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se modifica o anexo da Resolución do 13 de xullo de 2021 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 205 do 25 de outubro de 2021).
Prazo
Prazo de presentación: PECHADO
09/01/2021 00:00 - 08/02/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Documentación para a presentación
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Solicitude
1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.
Para o caso de agrupacións de concellos, o concello solicitante poderá ser calquera dos que forme parte da agrupación.
2. Admitiranse a trámite, como máximo, dúas solicitudes por concello. No caso de que un concello presente máis de dúas solicitudes, a orde de prelación será a de presentación no rexistro de entrada.
Cada solicitude presentada terá como obxecto a realización dunha única actuación das relacionadas no artigo 3.1 destas bases, nun único parque empresarial. En consecuencia, tipoloxías distintas de actuación serán obxecto de solicitudes diferentes.
Só se admitirá unha solicitude dentro de cada tipoloxía de actuación por concello e parque empresarial. No caso de que un concello presente para unha mesma tipoloxía e parque empresarial máis dunha solicitude, unicamente sería admisible a trámite, de ser o caso, a presentada en primeiro lugar no rexistro de entrada.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
2.1. Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.
2.2. Acordo do pleno do concello, ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda. No caso de agrupacións de concellos o acordo, que se xuntará por concello participante, incluirá a vontade de acometer a actuación en conxunto cos outros concellos.
2.3. Memoria técnica xustificativa asinada da actuación que se vai desenvolver. Dentro desta memoria desenvolverase un capítulo específico en relación coa xustificación dos datos necesarios para a avaliación da solicitude segundo o artigo 13 das bases, onde se plasmarán as hipóteses de partida e se fará un cálculo detallado dos valores propostos, se for o caso. No caso de discrepancias entre os datos desta memoria e os que se reflictan na solicitude normalizada, tomaranse como válidos os da memoria xustificativa.
Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por un técnico competente.
2.4. Orzamento desagregado e asinado dos gastos. No caso de agrupacións de concellos no orzamento figurará que concello asume cada partida proposta.
Con independencia do documento técnico achegado en aplicación do número 2.3 do presente artigo, o orzamento deberá estar desagregado a nivel de partidas e indicarase para cada unha delas medición, prezo unitario e importe.
2.5. Planos asinados da actuación a escala axeitada, incluíndo un plano onde se representen os límites do parque empresarial e o conxunto das actuacións.
2.6. No caso de agrupación de concellos, os concellos participantes distintos do concello solicitante, declaración expresa do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).
2.7. No caso de agrupación de concellos, os concellos participantes distintos do concello solicitante, declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).
2.8. Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.
2.9. De ser o caso, certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia en que se acredite a proposta de habilitación do concello como «Concello Emprendedor-Concello Doing Business» ou diploma no que se acredita como «Concello Emprendedor-Concello Doing Business», expedidos con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Cando se trate de agrupacións de concellos, deberá facerse constar expresamente na solicitude os compromisos asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Os compromisos de gasto asumidos por cada membro da agrupación non poderán ser inferiores ao 20 % do investimento subvencionable nos casos en que a agrupación teña ata catro membros e ao 10 % nos casos en que a agrupación teña máis de catro membros. O pagamento da subvención realizarase individualmente a cada membro da agrupación en función do compromiso de gasto asumido por cada un deles. O dito compromiso deberá acreditarse mediante o xustificante de pagamento correspondente, que deberá achegarse xunto coa xustificación da subvención.
En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación, e designar o órgano de contratación. Tales termos deberán reflectirse nun convenio entre os concellos, que deberá presentarse xunto coa xustificación da subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións.
7. Nas solicitudes presentadas por unha agrupación de concellos, a actuación deberá ser conxunta e non supoñer actuacións independentes en cada entidade local, polo que deberá existir continuidade na infraestrutura proposta, é dicir, a actuación que se vai subvencionar ten que desenvolverse no territorio de todos os concellos membros da agrupación, servir ao polígono afectado e non supoñer actuacións illadas dentro de cada concello. Non serán subvencionables, na actuación proposta, aqueles gastos que non cumpran o anterior.
8. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade local solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Como podo?
+Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan. Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico de cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .hexhash, .inp, .jpg, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .tgd, .kmz, .kml e .gpx
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Resolución
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Como podo?
+Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"