Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN422P
Axudas extraordinarias á industria da automoción - Liña B.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Apoiar á industria da automoción galega na transición á mobilidade sustentable, subvencionando as seguintes tipoloxías de proxectos:
Axuda a proxectos de aforro e eficiencia enerxética.
Axuda a proxectos de enerxías renovables.
As empresas industriais do sector de automoción galegas ou cun centro de traballo en Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Rúa de Avelino Pousa Antelo, nº 5
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541500
Prazo de presentación: PECHADO
08/07/2024 09:00 - 02/09/2024 14:00
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 9.00 horas do día 8 de xullo de 2024 e rematará ás 14.00 horas do 31 de outubro de 2024 para a liña A e ás 14.00 horas do 2 de setembro de 2024 para a liña B, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas industriais do sector de automoción galegas ou cun centro de traballo en Galicia.
Consideraranse industrias de automoción aquelas cuxa actividade se desenvolva no CNAE 29, en calquera das súas subepígrafes e tamén aquelas empresas que, non estando dadas de alta en actividades do CNAE 29 senón en actividades industriais xenéricas, estean asociadas á Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:
a) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
c) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 €, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Esta circunstancia acreditarase no momento da solicitude mediante declaración responsable do solicitante, sen prexuízo de que as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada deberán acreditar, antes do 16 de decembro de 2024, o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.
d) As empresas que no momento da resolución da axuda non se atopen ao día nas débedas coas distintas administracións: AEAT, Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública.
e) Para a liña B, as que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).
3. As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de seren beneficiarias conforme co artigo 4.
Solicitudes.
1. Formulario previo: dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da entidade solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Cada empresa, por cada centro de traballo, só poderá presentar unha solicitude de axuda á liña A e ata dúas, unha para cada tipoloxía, da liña B; previstas no artigo 1 destas bases.
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.
No devandito formulario realizaranse as seguintes declaracións:
a) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obrigación de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obrigación de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (RD 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido da Lei de sociedades de capital.
b) Relación doutras axudas públicas ou privadas recibidas e/ou solicitadas para os mesmos conceptos para os que se solicita esta subvención.
c) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
d) Que cumpren os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 €, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Específico para solicitudes a liña B:
e) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión Europea.
f) Que a entidade solicitante non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.
2. Solicitude: a solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I para a liña A e II para a liña B), que se obterán de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda; transcorrido este, consideraranse desistidos da súa petición, logo da resolución de arquivamento.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma
@firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento deberá estar asinado electronicamente por cada un dos autorizantes.
Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.
As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, xunto coa documentación complementaria indicada nas disposicións específicas de cada liña:
a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
b) Ofertas: agás para os gastos e investimentos realizados antes da solicitude, previstos na liña A, as tres ofertas que deba ter solicitado a persoa beneficiaria en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, de acordo cos seguintes requirimentos:
Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables proxectados supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases ou de 40.000 € no caso de obra civil), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou fornezan.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación complementaria obrigatoriamente por vía electrónica. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
4. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Os órganos competentes do Igape ou do Inega segundo o caso, poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación, ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 6.1.a) destas bases.
f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Consulta de concesións pola regra de minimis, no caso da liña A (anexo I).
h) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.
i) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).
j) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
k) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
l) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Documentación complementaria - Liña B.
a) Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) segundo a tipoloxía do proxecto.
b) Características técnicas dos equipamentos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos de produtividade do equipamento, potencia nominal e rendemento enerxético.
c) Fotografías do lugar previsto para a instalación do novo equipamento. No caso de substitución de equipamentos existentes, deberanse achegar tamén fotografías destes.
d) Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación/parcela onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc.). Croquis ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.
e) No caso de que proceda, oferta dun provedor ou documento xustificativo que avale a hipótese de contraste, conforme o recollido no artigo 38.3 do Regulamento (UE) 651/2014. A hipótese de contraste corresponderá a un investimento cunha capacidade de produción e un ciclo de vida comparables que cumpra normas da Unión que xa estean en vigor. A hipótese de contraste será crible á luz dos requisitos legais, das condicións do mercado e dos incentivos xerados polo réxime de comercio de dereitos de emisión da UE.
f) No caso de proxectos que requiran autorización administrativa previa ou de construción da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, deberá achegarse copia da autorización na fase de solicitude de axuda.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 1 de xullo de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas extraordinarias á industria da automoción en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva (liña A, código de procedemento IG300I, e liña B, código de procedemento IN422P) (DOG nº 127 do 2 de xullo de 2024).
-
Extracto da Resolución do 1 de xullo de 2024 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba as bases reguladoras das axudas extraordinarias á industria da automoción en Galicia (liña B), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IN422P) (DOG nº 127 do 2 de xullo de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano