Guía de procedementos e servizos

IN421J

Subvencións para proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética nas empresas do sector industrial da provincia da Coruña.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 21/05/2024 09:00 - 22/07/2024 23:59

Consellería de Economía e Industria

A concesión de subvencións a proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética en empresas do sector industrial da provincia da Coruña susceptibles de cofinanciación pola Unión Europea no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, así mesmo por medio de esta resolución procédese a súa convocatoria para a anualidade 2024.

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas que acrediten a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Provincia da Coruña, e que realicen unha actividade industrial. Para os efectos destas bases considérase actividade industrial aquelas da CNAE 2009 (regulado polo Real decreto 475/2007) que comecen pola división da 07 a 39.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Avelino Pousa Antelo, nº 5

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541500

Email: inega.info@xunta.gañ

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Prazo de presentación: PECHADO

21/05/2024 09:00 - 22/07/2024 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas. Se o remate do prazo coincide en día inhábil prorrogarase ata o seguinte día hábil.

1. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, xeral de exención por categorías.

2. Os requisitos para obter a condición de entidades beneficiarias deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes. O Inega comprobará o cumprimento da condición de peme ou non peme do solicitante, segundo a definición de peme contida no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, xeral de exención por categorías co fin de garantir o tratamento diferenciado das distintas entidades beneficiarias en función do tipo de intervención.

Entidades excluídas destas axudas.

1. Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias:

– As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– As entidades nas que concorran algunhas das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de xaneiro, xeral de subvencións.

– As empresas que non cumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento UE 651/2014.

– As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

– O sector de produtos da pesca e da acuicultura conforme o recollido no artigo 1 do Regulamento UE 651/2014, do 17 de xuño, xeral de exención por categorías.

2. Os/as solicitantes da axuda encherán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser entidades beneficiarias conforme ao artigo 5 desta Resolución.

Solicitudes.

1. As solicitudes subscribiranse por persoa que acredite a representación da entidade solicitante por calquera medio válido en dereito.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presentase a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:

a) Documentación administrativa:

i. Poder de representación da persoa que presenta a solicitude, cando sexa necesario.

ii. As tres ofertas que debe ter solicitado o solicitante da axuda, cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

As ofertas deberan respectar a moderación de custos. Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberá solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

Non poderán proceder de empresas asociadas ou vinculadas entre elas nin coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou vinculadas establecida nos puntos 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra, que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos a súa marca, modelo, así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos nos que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

iii. Documento oficial no que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos nos que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

iv. Declaración responsable do representante da empresa na que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indique as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación.

v. As empresas, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán copia da documentación acreditativa da constitución e documento público acreditativo do poder con que actúa o representante da empresa ou entidade solicitante.

vi. As empresas deben de acreditar a existencia dun centro de traballo na provincia da Coruña ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da provincia da Coruña.

vii. Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa, deberanse achegar ademais:

1. Contas anuais da empresa solicitante, e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ter sido depositadas no rexistro correspondente. As entidades sen obriga legal de depósito e rexistro de contas anuais presentarán a última declaración do imposto de sociedades ou, se é o caso, certificado de exención.

2. Declaración responsable emitida polo representante da empresa na que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

viii. Declaración responsable do representante legal do solicitante do número de postos de traballo que serán creados polo proxecto, diferenciando entre os que se manterán durante un mínimo dun ano (indicador RCR01) e os que se manterán durante un mínimo de cinco anos para grandes empresas ou 3 para pemes. No caso de pemes os datos de emprego mantido durante 3 anos só deberán indicarse se pretende acadar a puntuación correspondente por creación de emprego.

Os postos de traballo deberán expresarse en equivalente de tempo completo (ETC = total de horas efectivas traballadas/horas de xornada completa), sen que para tal efecto se poidan contabilizar os creados para a fase de construción.

Ademais, esta declaración responsable deberá especificar que número dos postos de traballo creados serán ocupados por mulleres, mozos de entre 18 e 30 anos, persoas maiores de 45 anos, persoas con discapacidade ou desempregados dos municipios de zonas de transición xusta da provincia da Coruña (Cerceda, Ordes, Carral, Tordoia, A Laracha, As Pontes, A Capela, San Sadurniño, As Somozas, Mañón, Monfero, Moeche, Cerdido, Cabanas, Ortigueira e Ferrol).

ix. Documentación acreditativa dos postos de traballo da empresa na data de solicitude da axuda: informe de persoal medio de traballadores en situación de alta, así como informe de vida laboral dun código conta de cotización expedidos pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, referidos aos doce meses anteriores á devandita data, ou, no caso de empresas constituídas durante ese período, desde a data de alta do primeiro traballador, na que figuren relacionadas todas as contas de cotización correspondentes aos diferentes centros de traballo da empresa. No caso de pemes, esta documentación só deberá presentarse se pretende acadar a puntuación que lle corresponde por creación de emprego.

x. No caso de que proceda para acceder á puntuación correspondente, acreditación por medio válido en dereito da participación de peme no proxecto.

xi. Declaración responsable asinada polo representante legal do solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda (modelo dispoñible na páxina web do Inega). Esta declaración acompañarase dunha memoria descritiva dos recursos e mecanismos financeiros dos que dispón a empresa para cubrir os custos de funcionamento e mantemento da operación para garantir a súa sustentabilidade financeira.

b) Documentación técnica:

i. Memoria técnica do proxecto segundo o modelo «Memoria técnica», asinada por técnico competente, dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

ii. Documento denominado «Ficha de consumos PAE» segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) no que se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuelóleo, gasóleo, etc.) do período anual tomado como referencia (2023 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto.

iii. Fotografías da instalación actual identificando as instalacións.

iv. Plano de situación das instalacións no establecemento, coa distribución dos equipos.

v. Características técnicas dos equipos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos da produtividade do equipo e do seu consumo e rendemento enerxético.

vi. No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables para a liña PA ou de protección ambiental non separables para a liña PAD, achegar hipótese de contraste considerada ou indicar se se opta por unha redución do 50 % da intensidade de axuda.

vii. No caso de que proceda para acceder á puntuación correspondente:

– Documento de análise de viabilidade económica.

– Declaración de impacto ambiental (ou figura ambiental equivalente).

– Autorización administrativa previa do proxecto.

– Documento da corporación local apoiando o proxecto polas súas externalidades positivas.

– Contrato PPA (Power Purchase Agreement) de abastecemento a longo prazo de enerxía renovable.

– Declaración responsable do representante da empresa, con indicación do número de horas de formación relacionadas con empregos verdes, ou dixitais, ou dirixidas ao acompañamento á inserción laboral de desempregados, que serán impartidas.

viii. Declaración responsable do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH) conforme o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

ix. Declaración responsable conforme ao modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) de que, no caso de resultar beneficiario, cumprirá co requisito de protección fronte ao cambio climático ao longo de todo o ciclo de vida nas infraestruturas cuxa vida útil exceda os cinco anos.

No caso de axudas solicitadas por grandes empresas, deberase achegar ademais a seguinte documentación:

x. Documento de análise de pegada de carbono en todo o ciclo completo do proxecto.

xi. Análise de brechas que demostren as perdas de emprego esperadas sen este investimento.

xii. Declaración responsable conforme o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) de que, no caso de resultar beneficiario, cumprirá os seguintes requisitos exixidos nas bases reguladoras:

– A minimización do volume de auga e outros recursos naturais utilizados no proceso, e a realización dun control de augas residuais resultantes deste.

– Que se as instalacións están suxeitas á avaliación ambiental integrada, se localizan dentro ou fóra da Rede Natura 2000.

– Que se se constrúen ou rehabilitan edificios ou naves industriais, se fará con criterios de eficiencia enerxética, de conformidade co establecido no anexo I (ámbito de intervención 040) do Regulamento UE 2021/1060, do 24 de xuño de 2021.

– A minimización da afección a elementos do patrimonio histórico, cultural, arqueolóxico e etnográfico. Se existise afección destes, esta avaliarase conforme a normativa de aplicación.

xiii. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se fosen presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos (10MB) na aplicación informática do Inega, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-Mi sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

g) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 6 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria para o ano 2024 de subvencións para proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética en empresas do sector industrial da provincia da Coruña, susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (DOG nº 96 do 20 de maio de 2024).

    • Extracto da Resolución do 6 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria para o ano 2024 de subvencións para proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética en empresas do sector industrial da provincia da Coruña, susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (DOG nº 96 do 20 de maio de 2024).

    • Resolución do 20 de decembro de 2024 pola que se informa do resultado da convocatoria, para o ano 2024, de subvencións para proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética en empresas do sector industrial da provincia da Coruña, susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (DOG nº 1 do 2 de xaneiro de 2025).

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas

Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00