Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN417Y
Subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Regular a concesión de subvencións para a realización de proyectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos na resolución que regula as bases e a convocatoria.
1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias das presentes subvencións:
a) As empresas legalmente constituídas e persoas autónomas, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
Para os efectos destas bases, terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento 651/2014, segundo a cal se considerará empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, pública ou privada, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases.
Para poderen ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha empresa das incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e deberán contar, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda der lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.
As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídas na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos, regulada no capítulo III do citado real decreto.
2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contraten a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, e xuntarán unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto. Poderá dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda, segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.
3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e coas demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.
4. Os requisitos para obter a condición de beneficiarias deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Dirección Inega
Xerencia do Inega
Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 - San Lázaro
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541512
Email: inega.info@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
16/07/2024 09:00 - 16/09/2024 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e finalizará o 15 de setembro de 2024, ás 23.59 horas.
1. Non poderán ter a condición de beneficiarias:
– As persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– As persoas particulares e as comunidades de propietarios sen actividade económica.
– As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.
– As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
– As empresas do sector da pesca e da cuicultura no caso de axudas reguladas polo Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías).
– As empresas dedicadas á produción primaria no sector da pesca e acuicultura no caso de axudas reguladas polo Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
– As empresas que operan no sector de produción agrícola primaria coas actividades incluídas na sección A, en concreto, as clases desde a 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas excluídas como beneficiarias.
– A industria extractiva enerxética, a de refinación de petróleo e biocombustibles, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.
– As empresas dedicadas ás actividades recollidas na sección K do CNAE-2009 de actividades financeiras e de seguros.
2. Os/as solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non encontrarse en ningunha situación que as exclúa de serer beneficiarios/as conforme o artigo 5 desta resolución.
Solicitudes.
1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente as persoas interesadas ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Para facilitar a acreditación da representación, achégase un modelo no anexo II destas bases.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.
3. Para formular a solicitude e que esta sexa válida, ademais de cubrir o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I da solicitude) deberase achegar a través da aplicación, a seguinte documentación mínima:
– Nomeamento de representante (anexo II), cando proceda.
– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega
(www.inega.gal) en función da tipoloxía da actuación.
4. As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.
5. Os fondos solicitados e os validados polo Inega para cada liña poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía da axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles para a liña de axudas de que se trate. Polo tanto, a axuda máxima que se vai conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.
De se chegar a esgotar os fondos dispoñibles para unha liña de axudas, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera para esta liña; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos, os cales poderán ser reasignados aos expedientes que estean na listaxe de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.
6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:
a) Documentación administrativa:
i. Nomeamento de representante (anexo II) cando proceda.
ii. As tres ofertas que debe ter solicitado o solicitante da axuda cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.
Cando o investimento sen IVE da actuación non sexa superior a 15.000 €, o/a beneficiario/a deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.
Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, salvo cando a actuación sexa inferior a 15.000 €, deberá solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:
1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou a subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.
Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de «empresas asociadas» ou «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
2º. Deberán incluír, como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente; o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda; a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada, deberá conter, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe; no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo, así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables en que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.
Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.
4º. No caso de licitacións públicas, poderase presentar un certificado do interventor ou da persoa responsable do control do cumprimento da normativa de contratación neste sentido e trasladar a presentación das ofertas á fase de xustificación da actuación.
iii) As empresas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista nos puntos i) a ii) deste artigo e, ademais, deberán achegar:
1º. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.
2º. As empresas, cando non estean obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán copia da documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).
3º. As empresas ou entidades deben acreditar a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, os que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.
4º. Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:
a. Copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. O contrato deberá recoller a súa formalización con data igual ou posterior á data de presentación da solicitude de axuda da presente convocatoria, co obxecto de respectar o seu carácter incentivador.
b. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.
5º. Declaración responsable de que non se trata dunha empresa en crise e de que non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión.
6º. Declaración responsable do representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indiquen as empresas asociadas ou vinculadas, coa inclusión dos datos de participación.
7º. Para acreditar condición de pequena ou mediana empresa ou grande empresa, deberanse achegar, ademais:
a. As contas anuais da empresa solicitante, así como das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante que foron depositadas no rexistro correspondente.
b. Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.
b) Documentación técnica:
i. Memoria técnica do proxecto segundo o modelo «Memoria técnica PAE» dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal), ou modelo «Memoria técnica PAE_ILU» para proxectos de mellora de iluminación. No caso de actuacións integrais de edificios, deberá xuntarse coa memoria o certificado de eficiencia enerxética antes e despois da actuación.
ii. Documento denominado «Ficha de consumos PAE» segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal) en que se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuel óleo, gasóleo…) do período anual tomado como referencia (2023 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto. Non será preciso a presentación desta ficha no caso de proxectos de iluminación. No caso de proxectos de mellora dun edificio, poderá tomarse como referencia de consumo inicial o certificado de cualificación enerxética.
iii. Fotografías da instalación actual. Incluirase, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipamentos sobre os cales se actúa. As fotografías deberán vir identificadas coa estancia en que se encontran.
iv. Plano de situación das instalacións no establecemento coa distribución dos equipamentos.
v. Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan os datos da produtividade do equipo e do seu consumo e o rendemento enerxético.
vi. No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables, achegarase oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que implique menor eficiencia enerxética e que podería realizarse de forma crible sen subvención (investimento de referencia).
vii. No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar unha declaración responsable asinada por un técnico cualificado (especificarase no documento o nome completo, o DNI e a cualificación do técnico asinante) en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento «Memoria técnica PAE_ILU»), o seu uso e se declare que tras os estudos lumínicos realizados se constata o cumprimento da norma UNE-EN 12464 (iluminación, iluminación nos lugares de traballo), e o establecido na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo, se é o caso.
viii. Ademais, nas instalacións de iluminación que estean incluídas total ou parcialmente no ámbito de aplicación do documento HE3 do Código técnico da edificación, achegarse xustificación asinada por un técnico competente de que cumpre coas exixencias establecidas nel. Nos casos en que a instalación non estea incluída total ou parcialmente no ámbito de aplicación do HE3, xuntarase escrito xustificativo dos motivos.
ix. Ademais, nos casos en que proceda, tamén se debe achegara «Memoria técnica adicional para actuacións de renovación de edificios» segundo o modelo «Memoria técnica adicional edificios PAE» dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).
x. Calquera outra documentación adicional que o/a interesado/a considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada debe indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realice a emenda.
As persoas interesadas responsablilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán, requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10 MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.
Comprobación de datos.
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.
d) DNI/NIE da persoa solicitante.
e) NIF da entidade solicitante.
f) NIF da entidade representante.
g) DNI/NIE da persoa representante.
h) Certificado de alta no censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.
i) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
j) Concesión de subvencións e axudas.
k) Concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Tramites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 28 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (DOG nº 136 do 15 de xullo de 2024).
-
Extracto da Resolución do 28 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (DOG nº 136 do 15 de xullo de 2024).
-
Resolución do 26 de febreiro de 2025 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 28 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (DOG nº 43 do 4 de marzo de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.
Aberto todo o ano
Novacións de débedas
Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00