Guía de procedementos e servizos

IN230A

Declaración de proxecto industrial estratéxico.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Aberto todo o ano

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Establecer o modelo normalizado de solicitude para a declaración de proxecto industrial estratéxico, ao abeiro dos artigos 78 e 78 bis do Texto refundido das disposicións legais da comunidade autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

Poderán presentar a solicitude as empresas promotoras de proxectos que cumpran co establecido nos artigos 78 e 78 bis do Texto refundido das disposicións legais da comunidade autónoma de Galicia en materia de política industrial, en virtude dos que poderán ser declarados, se é o caso, proxectos industriais estratéxicos, coa excepción dos proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, aquelas iniciativas empresariais que se considere que teñen tal carácter pola súa función no desenvolvemento, implantación ou execución da política industrial autonómica e a súa incidencia económica ou social ou que se estime de forma xustificada que teñen un interese e unha incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política e o tecido industriais galegos, e que pola súa magnitude ou características teñen unha incidencia territorial, económica e social que transcenda o ámbito municipal, de tal forma que se consideren portadoras dun interese supramunicipal cualificado.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

Subdirección Xeral de Proxectos

Servizo de Impulso de Proxectos

Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n

15707  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 881995967

Email: proxectos.industria@xunta.gal

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: Aberto todo o ano

O procedemento IN230A é un procedemento administrativo de prazo aberto e pódese instar o seu inicio desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

1. Os proxectos industriais que soliciten a declaración como estratéxicos ao abeiro do artigo 78 deberán cumprir dous dos tres seguintes requisitos:

a) Que supoñan un volume de investimento mínimo de vinte millóns de euros.

b) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de cen postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.

c) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos e estean aliñados cos obxectivos da Unión Europea ou que se integren no financiamento «Instrumento temporal de recuperación europea NextGenerationEU».

2. Os proxectos industriais que soliciten a declaración como estratéxicos ao abeiro do artigo 78 bis deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que supoñan unha creación de emprego mínima de 25 postos de traballo, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.

Para estes efectos, computaranse tamén os empregos indirectos xerados nas actividades auxiliares ao proxecto industrial, sempre que na solicitude prevista no artigo 79 quede debidamente xustificada a súa futura creación.

b) Que supoñan un investimento no proxecto industrial superior a dous millóns de euros, en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, de acordo co proxecto presentado na solicitude.

c) Que se acredite a titularidade do solo onde se vai implantar o proxecto ou o acordo coas persoas titulares deste, agás que o proxecto se vaia implantar en solo empresarial promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por empresas públicas participadas por este que teñan entre os seus obxectos a creación de solo empresarial, nas condicións establecidas pola normativa sectorial.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

A. Para todos os proxectos industriais (art. 78 e 78.bis):

a) O proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial, incluíndo a regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais e condicións de deseño e adaptación ao ambiente.

b) Unha memoria en que se xustifique:

1º. A forma en que a proposta, de ser realizada, dará lugar a unha expansión significativa do tecido industrial galego ou á consolidación deste.

2º. A viabilidade económico-financeira da actuación, que deberá conter, como mínimo: o detalle dos investimentos, o plan de negocio, unha previsión da conta de resultados e balances de situación durante, polo menos, os seguintes cinco exercicios, o estado dos fluxos de efectivo ou análise alternativa dos fluxos de caixa previstos durante o mesmo período e a análise de rendibilidade do proxecto.

c) A delimitación do ámbito territorial afectado e a análise da relación do contido do proxecto co planeamento urbanístico vixente, coas directrices de ordenación do territorio, mediante a correspondente análise de compatibilidade estratéxica, e con outros instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito obxecto da actuación.

d) A documentación gráfica a unha escala axeitada para a correcta lectura e difusión do seu contido.

e) Documento descritivo das posibles afeccións ambientais do proxecto.

B. Adicionalmente, só para os proxectos industriais do artigo 78.bis:

a) Memoria xustificativa do interese e incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política e o tecido industriais galegos (art. 78.bis.2).

b) No seu caso, documentación acreditativa da titularidade do solo onde se vai implantar o proxecto ou o acordo coas persoas titulares deste (art. 78.bis.3.c).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario da solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 27 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se establece o modelo normalizado de solicitude para a declaración de proxecto industrial estratéxico, ao abeiro do artigo 78 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial (DOG nº 27 do 8 de febreiro de 2023).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas

Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00