Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG423A
Axudas do programa sinerxia da internacionalización.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
1. As presentes bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para favorecer o incremento da internacionalización das empresas galegas non pemes, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización.
2. O obxectivo principal deste programa é conseguir a internacionalización real de empresas galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.
3. As actuacións que engloban están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.
Actuacións, gastos subvencionables.
1. Serán subvencionables a participación de empresas galegas que superen o límite establecido para seren pemes no seguinte tipo de actuacións:
a) Misións empresariais directas ao estranxeiro (incluíndo encontros empresariais ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro).
b) Participación en feiras ou noutros eventos expositivos que se celebren no estranxeiro, así como aqueles outros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou simposios que, aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan indudablemente a promoción da empresa a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro.
E que sexan convocadas polas cámaras de comercio declaradas entidades colaboradoras no marco das axudas do Plan Foexga 2019-2020.
2. Gasto subvencionable:
O importe facturado en concepto de cota polas entidades colaboradoras para a participación do solicitante nas accións organizadas no marco do Plan para o fomento das exportacións galegas 2019-2020, sendo esta cota a resultante da convocatoria de cada actuación e de importe non superior ao resultante para as pemes participantes en accións do Plan Foexga 2019-2020.
A cota deberá ser certificada para cada convocatoria pola entidade colaboradora organizadora da actuación.
3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día da presentación da solicitude de axuda e a data de fin de execución segundo o establecido na convocatoria destas bases e na resolución de concesión. Tamén serán subvencionables os gastos efectuados con anterioridade á da presentación da solicitude de axuda correspondentes a: reserva das empresas de participacións nas accións.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que superen os límites establecidos para definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187).
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
d) As beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser consideradas empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que aparece na epígrafe 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia para ser beneficiaria da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
e) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e para as empresas do sector agrícola no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013) e o Regulamento (UE) 2019/316 da Comisión do 21 de febreiro de 2019 que o modifica (DOUE L 51 do 22 de febreiro de 2019).
f) Que estean ao día nos pagamentos adebedados ás cámaras de comercio, industria y navegación de que formen parte.
2. Mediante a presentación da solicitude de participación na acción, os beneficiarios aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora que será, así mesmo, a encargada de informar puntualmente o interesado sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas dela e das notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 16.2. O Igape porá á disposición deste programa unha aplicación no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es para os efectos de cubrir o cuestionario de solicitude de participación electronicamente.
Obrigas
Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as seguintes:
a) As descritas no artigo 6.5 letras a), b), c), e), f) e g), obrigas comúns ás entidades colaboradoras.
b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na resolución de convocatoria.
c) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que deban ser presentadas ante o Igape. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como establece o artigo 19 destas bases. A axuda aboarase a través da cámara unha vez finalizada a acción e cumpridas todas as obrigas.
d) Participar nas actuacións que fundamenten a concesión da subvención, así como colaborar e achegar a documentación á entidade colaboradora.
e) Comunicarlle á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un prazo de catro anos desde a presentación da documentación.
g) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.
h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Xerencia - Igape
Complexo Administrativo San Lázaro, s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 902300903/ 981541147
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: PECHADO
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará aos 5 días hábiles desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará no prazo dun mes desde o día seguinte a esa data, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia.
O prazo de execución de cada actuación iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematarase no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de finalización de cada actuación subvencionable (e como data límite final o 31 de outubro de 2020), prazo en que se deberá presentar a solicitude de cobramento.
1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:
Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, as entidades colaboradoras deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do proxecto para o que solicita a subvención e o orzamento de gastos a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberase xuntar como documento a este formulario electrónico a convocatoria para a selección das empresas segundo o modelo do anexo III.
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
As solicitudes de axuda presentaranse mediante formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de dez (10) días para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.
Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativio
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 19 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 145 do 1 de agosto de 2019).
-
Extracto da Resolución do 19 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 145 do 1 de agosto de 2019).
-
Resolución do 6 de agosto de 2020 pola que se modifica a Resolución do 19 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 165 do 17 de agosto de 2020).
-
Resolución do 21 de abril de 2021 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o primeiro e segundo trimestres de 2020 (DOG nº 82 do 3 de maio de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano