Guía de procedementos e servizos

IG422A

Adhesión como entidade colaboradora ao convenio para a xestión das axudas FOEXGA, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria anos 2026 e 2027 - Prazo pechado: 19/01/2026 00:00 - 23/01/2026 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Seleccion de entidades colaboradoras que participarán na xestión das axudas FOEXGA, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.

Entidades colaboradoras.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900 815 151

Fax: 981 558 844

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

19/01/2026 00:00 - 23/01/2026 23:59

O prazo de adhesión das entidades colaboradoras será de 5 días hábiles computados a partir do día seguinte hábil ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia poderán actuar como entidades colaboradoras na xestión destas axudas, dado que son corporacións de dereito público que exercen funcións de colaboración coa Administración autonómica; para iso deberán acreditar a súa solvencia técnica e económica e presentar a correspondente solicitude dentro do prazo establecido na convocatoria, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

As entidades colaboradoras serán as encargadas de programar, organizar e executar as actuacións e actuar de enlace entre as persoas beneficiarias.

Para acreditar a solvencia técnica e económica, deberán dispoñer dos medios tecnolóxicos necesarios que aseguren o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión da selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como empregar medios electrónicos nas comunicacións co Igape.

Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas cámaras en que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, así como aquelas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, de medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, cando se trate de subvencións de importe superior a 30.000 euros e os solicitantes sexan exclusivamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da devandita lei.

De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio co Igape, no cal se establezan as condicións e obrigas que asumen, conforme o modelo recollido no anexo V destas bases. O dito convenio deberá conter, como mínimo, o previsto no artigo 13 da citada lei.

As entidades colaboradoras están eximidas da constitución de garantía prevista no artigo 13.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 72.2 do Decreto 11/2009.

O Igape publicará na súa páxina web (https://www.igape.gal/gl/pemes-e-autonomos/internacionalizacion) a relación actualizada en todo momento das entidades colaboradoras adheridas ao programa.

Presentación da solicitude de adhesión

As entidades colaboradoras interesadas deberán acceder obrigatoriamente á aplicación informática accesible desde a oficina virtual do Igape (https://spiga-sede.igape.es) ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, para cubrir a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo V).

Nesta aplicación deberán relacionarse as persoas da organización autorizadas pola entidade colaboradora para tramitar telematicamente e asinar electronicamente as solicitudes de axuda. Para realizar estas funcións, as persoas designadas deberán dispoñer dun certificado dixital X509v3 emitido por algunha das entidades certificadoras admitidas pola Consellería de Facenda e Administración Pública (consultable en https://spiga-sede.igape.es).

O usuario e contrasinal empregados para o acceso á oficina virtual do Igape serán, unha vez asinado o convenio, os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, cubrir as solicitudes de axuda, e comprobar a súa tramitación.

Unha vez xerada, a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica mediante o formulario normalizado (anexo I), tamén accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), conforme o disposto no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Documentación complementaria

As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, a escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, os estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, as modificacións posteriores, e a acreditación da representación con que se actúa, no caso de non atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).

b) Certificado de situación censual emitido pola AEAT, no caso de estar exento do imposto de actividades económicas (IAE).

c) Convenio de colaboración (anexo V) asinado dixitalmente pola entidade colaboradora.

d) Declaración de cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH, polas súas siglas en inglés), establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, segundo o anexo VI a estas bases.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar documentos que xa foron presentados anteriormente ante calquera Administración. Nestes casos, a persoa interesada deberá indicar cando e ante que órgano administrativo os presentou, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou doutros sistemas electrónicos habilitados, salvo que conste no procedemento a oposición expresa da propia persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas, para o que poderá requirir a exhibición da documentación ou da información orixinal.

Consulta de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE). 

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

h) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 12.2.a) das bases.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar tras a presentación da solicitude deberán realizarse unicamente por vía electrónica, a través da oficina virtual do Igape, dispoñible en https://spiga-sede.igape.es

Despois de presentar

Prazo de resolución:

10 días hábiles, contados desde a presentación da solicitude.

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas Foexga (Fomento das exportacións galegas), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IG422B), así como o procedemento de selección de entidades colaboradoras para a súa xestión (código de procedemento IG422A), e se procede á súa convocatoria para os anos 2026-2027, en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 10 do 16 de xaneiro de 2026).

    • Extracto da Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas Foexga (fomento das exportacións galegas), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IG422B), así como o procedemento de selección de entidades colaboradoras para a súa xestión (código de procedemento IG422A), e se procede á súa convocatoria para os anos 2026-2027, en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 10 do 16 de xaneiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano