Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG408O
Axudas para mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, programa Empresa Cibersegura"
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Concesión de axudas destinadas a mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, mediante a adopción de medidas de ciberseguridade que lles permitan reforzar a protección dos seus activos críticos, reducir o risco de incidentes e mellorar a súa capacidade de prevención, detección e resposta ante ameazas no entorno dixital.
Poderán ser beneficiarias destas axudas os empresarios individuais e persoas xurídicas que teñan a condición de empresa, con independencia do seu tamaño.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Complexo Administrativo San Lázaro s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900 815 151
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: ABERTO
10/11/2025 09:00 - 10/12/2025 14:00
O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará a contar o sexto día hábil posterior ao da publicación da Resolución de homologación de entidades provedoras no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o citado prazo dun mes, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
1. As entidades solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter domicilio social ou un centro de traballo en Galicia no que se desenvolva a actuación subvencionada.
b) Atoparse validamente constituídas no momento de presentar a solicitude.
c) Estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que presten servizos de ciberseguridade de natureza análoga ao obxecto da axuda e que puidesen actuar como provedores homologados segundo o artigo 5 destas bases.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
3. Para seren admitidas, as solicitudes deberán presentar un gasto subvencionable igual ou superior a 18.000 €, conforme o establecido no artigo 7 destas bases. As solicitudes cun orzamento inferior serán inadmitidas por non cumprir os requisitos mínimos da convocatoria.
Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. Cada empresa só poderá ter unha solicitude activa dentro da convocatoria. Considérase solicitude activa a presentada dentro do prazo que non fose inadmitida, denegada nin desistida ou renunciada.
Se a empresa presenta renuncia, desiste ou a solicitude resulta inadmitida ou denegada mediante resolución expresa, a empresa poderá presentar unha nova solicitude sempre que o prazo de presentación permaneza aberto e exista crédito suficiente.
De presentarse máis dunha solicitude, arquivaranse automaticamente as rexistradas despois da primeira, agás que a persoa solicitante desista expresamente das anteriores.
2. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma de la Administración Xeral del Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, a escritura ou o documento xuridicamente válido de constitución, os estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, as modificacións posteriores destes, e a acreditación da representación coa que se actúa, no caso de non atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).
No caso de sociedades rexistradas no Rexistro Mercantil, o Igape poderá solicitar, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.
b) As tres ofertas de entidades provedoras homologadas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, cos requisitos indicados no artigo 6.5 das bases.
c) Acordo de prestación de servizos de ciberseguridade subscrito entre a empresa beneficiaria e a entidade provedora homologada, segundo o indicado no artigo 10 destas bases, conforme o modelo do anexo VI. Este acordo deberá presentarse xunto coa solicitude de axuda, e será requisito imprescindible para a concesión da subvención. O acordo recollerá as condicións da actuación prevista, o orzamento estimado e as obrigas asumidas polas partes, e incluirá a cesión do dereito ao cobramento á entidade homologada e a colaboración na xustificación técnica.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Consulta da documentación rexistral da entidade solicitante no Rexistro Mercantil, segundo as letras a) e b) do artigo 9.1 das bases.
f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Consulta de concesións pola regra de minimis.
h) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.
i) Imposto de actividades económicas (IAE).
j) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
k) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
l) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo a través do enderezo de internet https://spiga-sede.igape.es
Prazo de resolución:
Corenta días naturais desde a presentación da solicitude de axuda no Igape
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 30 de xullo de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, programa Empresa Cibersegura 2025, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 155 do 14 de agosto de 2025).
-
Extracto da Resolución do 30 de xullo de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, programa Empresa Cibersegura 2025, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 155 do 14 de agosto de 2025).
-
Resolución do 28 de outubro de 2025 pola que se dá publicidade da resolución de homologación das entidades provedoras para a prestación de servizos de ciberseguridade ás empresas galegas no marco do programa Empresa cibersegura 2025 (DOG nº 211 do 31 de outubro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano