Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG408K
Programa Ticket Innova
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Incentivar o uso de servizos para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación polas pequenas e medianas empresas (pemes), en especial, polas pertencentes a sectores tradicionais non intensivos en innovación.
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas galegas (en diante, pemes) ou cun centro de traballo en Galicia.
2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, e con forma xurídica de sociedade mercantil.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Complexo Administrativo San Lázaro, s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: PECHADO
10/02/2025 09:00 - 30/09/2025 14:00
Segundo a RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba os novos prazos de presentación de solicitudes das bases reguladoras de determinadas axudas do Igape publicadas no Diario Oficial de Galicia número 7, do 13 de xaneiro de 2025, e número 8, do 14 de xaneiro de 2025 o novo prazo de solicitudes é o seguinte:
Data de inicio: 10.2.2025 ás 9.00 h.
Data de fin: 30.9.2025 ás 14.00 h, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos para os cales solicitan a axuda.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Presentación das solicitudes
1. Unha mesma entidade só poderá presentar unha solicitude en toda a convocatoria, e deberá escoller para iso, un servizo entre os seis correspondentes aos seis tíckets para a innovación descritos nesta convocatoria.
De presentarse máis dunha, arquivaranse automaticamente as rexistradas despois da primeira, agás desistencia expresa das outras por parte da persoa solicitante.
2. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.
No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á persoa solicitante:
a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como o deber de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.
d) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as cales se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.
e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables durante un período de catro anos desde a súa presentación.
f) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. Enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
g) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.
h) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada nos tres anos previos á concesión da axuda.
i) Declaración de non encontrarse nas circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei de subvencións de Galicia.
j) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obriga de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obriga de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (Real decreto 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido de Lei de sociedades de capital.
3. No caso de subvencións de ata 29.990 €, no formulario incluirase a xustificación dos gastos realizados (facturados e pagados) mediante a modalidade de conta xustificativa simplificada, regulada no artigo 51.1 do Decreto 11/2009.
A conta xustificativa simplificada incluirá:
1º. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.
2º. Unha relación clasificada dos gastos, con identificación do acredor e do documento, o seu importe con e sen IVE, a data de emisión e a data de pagamento.
De acordo co establecido no artigo 31 da lei 30/2008, xeral de subvencións, os gastos para os cales se solicite axuda deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
3º. O detalle doutros ingresos ou subvencións que teñan financiado os custos subvencionados, con indicación do seu importe e procedencia.
Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, os orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.
4. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
5. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento deberá estar asinado electronicamente por cada un dos autorizantes.
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.
As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual).
As solicitudes presentadas non poderán modificarse.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
No caso de sociedades rexistradas no Rexistro Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.
b) Declaración do imposto de sociedades do último exercicio pechado.
c) As contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o cal se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de deber de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría.
Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, anexará as contas anuais consolidadas. Anexaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da persoa solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.
d) Declaración da condición de peme, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude, con datos das contas anuais do último exercicio pechado na data da solicitude.
e) En relación coa declaración doutras axudas para o mesmo proxecto e doutras axudas de minimis recibidas durante os tres anos previos, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións de concesión.
f) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:
1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.
2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor a que se refire o número anterior, Informe de procedementos acordados elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
g) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidas electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Consulta da documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo a letra a) do artigo 8.1 das bases.
e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
f) Consulta de concesións pola regra de minimis.
g) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.
h) Imposto de actividades económicas (IAE).
i) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.
j) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
k) Certificado de estar ao día do pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo a través do enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 17 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade de innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova para o ano 2025, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 7 do 13 de xaneiro de 2025).
-
Extracto da Resolución do 17 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade de innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia, a través da aplicación de servizos de innovación, programa Tícket Innova para o ano 2025, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 7 do 13 de xaneiro de 2025).
-
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba os novos prazos de presentación de solicitudes das bases reguladoras de determinadas axudas do Igape publicadas no Diario Oficial de Galicia número 7, do 13 de xaneiro de 2025, e número 8, do 14 de xaneiro de 2025 (DOG nº 23 do 4 de febreiro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano