Guía de procedementos e servizos

IG408H

Axudas para atracción de empresas a Galicia, susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 22/01/2024 08:00 - 30/09/2024 14:00

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

A concesión de axudas para o financiamento de proxectos de investimento empresarial das seguintes modalidades:

I.1. Proxectos de investimento empresarial cun investimento subvencionable entre 800.000 € e 10.000.000 €.

I.2. Proxectos de investimento superior a 100.000 €, cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo de carácter indefinido a tempo completo.

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981815151

Email: informa@igape.es

www.igape.gal

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

22/01/2024 08:00 - 30/09/2024 14:00

O prazo de presentación das solicitudes da axuda comezará ás 8.00 horas do día hábil seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG e finalizará ás 14.00 horas do 30 de setembro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.

1. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas que propoñan un proxecto para unha actividade pertencente a un sector excluído segundo o disposto no artigo 5.2. das presentes bases.

b) As empresas que sexan as súas prestadoras ou similares servizos ou as súas subministradoras ou similares equipamentos para os cales solicitan a axuda.

c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

d) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

e) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007 ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

f) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia será acreditada polas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, de conformidade co previsto no artigo 26 do regulamento desta lei.

Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no

Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

3. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2, do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Só poderá presentarse unha única solicitude en toda a convocatoria, e deberase escoller entre a modalidade de axudas sobre investimento xerais ou axudas sobre os custos salariais do emprego asociado ao investimento.

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que non está suxeita a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

c) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

d) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

e) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda. Con esta declaración xuntarase unha memoria financeira do proxecto e un plan de negocio a 5 anos, que se cubrirán no formulario electrónico de solicitude.

O Igape realizará as comprobacións necesarias para verificar que as entidades beneficiarias dispoñen dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento dos investimentos e garantir a súa sostibilidade financeira.

f) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a esta declaración de peme, ou na documentación que for requirida para acreditala, dará lugar a perda do dereito á cobranza e, de ser o caso, ao reintegro da subvención percibida, constitúeo unha infracción moi grave, tal e como establece o artigo 56.a) da Lei 9/2007, polo que se poderán impor as seguintes sancións:

1º. Multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

2º. Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción exceda os 30.000 euros e concorra algunha das circunstancias previstas nas letras b) e c) do número 1 do artigo 58 da Lei 9/2007, os infractores poderán ser sancionados, ademais:

i. Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da Administración ou doutros entes públicos.

ii. Coa prohibición durante un prazo de ata cinco anos para subscribir contratos coa Administración ou doutros entes públicos.

iii. Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as cales se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

g) Que non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

h) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

i) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

j) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 5 ou 3 anos, segundo o establecido no artigo 18.1.a) das bases reguladoras.

k) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

l) Que cumpre os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

m) Que o proxecto financiado non inclúe actividades que ocasionen un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles mediante a implantación dun sistema de clasificación (ou «taxonomía») das actividades económicas ambientais sostibles.

n) Que se compromete a garantir a protección fronte ao cambio climático das infraestruturas cuxa vida útil sexa como mínimo de cinco anos, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) nº 2021/1060. Para iso deberá ter en conta as orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2017 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE do 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva para o efecto a autoridade de xestión dos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027.

o) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato errado ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran na seguinte relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá, necesariamente, anexar un documento en que se deixe constancia de que todas as persoas asinantes autorizan a un/unha delas para presentar a solicitude. Este documento deberao asinar electronicamente por cada un/unha das autorizantes.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do/da presentador/a, e transferido este ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación relacionada no punto 1.C) e a específica dos puntos 2.a.i) ou 2.b.i), segundo a modalidade de proxecto, do anexo I, cadro de especificacións.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa presentación.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas achega a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Imposto de actividades económicas (IAE).

e) Consulta de información do imposto de actividades económicas ampliado.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) Informes da vida laboral necesarios para a comprobación do mantemento e da creación do emprego.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

l) Consulta da documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o punto 2.a) da letra C) das especificacións xerais para ambas as modalidades do anexo I das bases.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo a través do enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 27 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a atracción de empresas a Galicia, susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 14 do 19 de xaneiro de 2024).

    • Extracto da Resolución do 27 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a atracción de empresas a Galicia, susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 14 do 19 de xaneiro de 2024).

    • Corrección de erros. Resolución do 27 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a atracción de empresas a Galicia, susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 28 do 8 de febreiro de 2024).

    • Resolución do 21 de maio de 2025 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o primeiro e segundo trimestre de 2024 (DOG nº 102 do 30 de maio de 2025).

    • Resolución do 4 de xuño de 2025 pola que se dá publicidade das persoas beneficiarias das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestre de 2024 (DOG nº 113 do 16 de xuño de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano