Guía de procedementos e servizos

IG406M

Axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipo (Programa Maquinaria 4.0)

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 12/05/2020 00:00 - 05/06/2020 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

1. Estas axudas teñen como obxecto apoiar o desenvolvemento, estandarización e comercialización de maquinaria e bens de equipo nos ámbitos definidos polos axentes industriais de Galicia que presentaron propostas á consulta convocada polo Igape mediante Resolución do 4 de setembro de 2019 (DOG núm. 183, do 26.9.2019 e DOG núm. 216, do 13.11.2019).

O resultado desta consulta, a resolución de selección dos proxectos e a súa especificación pódese atopar no enderezo:

http://www.igape.es/gl/ser-mais-competitivo/maquinaria-4-0

2. Os proxectos apoiados deberán estar encamiñados á obtención dun produto que satisfaga algunha destas propostas seleccionadas, e estarán compostos de actividades da seguinte natureza:

a) Mellora da capacidade produtiva mediante o investimento material e/ou inmaterial, que só será subvencionable para beneficiarios que sexan pemes.

b) Desenvolvemento experimental, segundo a definición establecida no apartado 86 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño) (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014): a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados. Pode incluír tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación, sempre e cando non vaia destinada a usos comerciais.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados. Pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando as ditas modificacións poidan representar melloras deles.

c) Innovación en materia de organización, na definición do apartado 96 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014: a aplicación dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa. Non se inclúen os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos, e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

d) Innovación en materia de procesos, na definición do apartado 97 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014: a aplicación dun método de produción ou subministración novo ou significativamente mellorado (incluídos os cambios significativos en canto a técnicas, equipos ou programas informáticos). Non se inclúen os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos, e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

e) Estandarización e creación de catálogos de produto, que comprende actividades nas que se fixen as características que compoñerán unha gama concreta de produtos; elaboración de opcións e ampliacións modulares dos mesmos; especificación homoxénea mediante textos, planos, esquemas e similares; homologación de produtos segundo normativas de calidade, sectoriais ou comerciais; elaboración de catálogos en calquera medio; xeración de modelos e especificacións formais electrónicos interoperables e outras similares relacionadas co proxecto de desenvolvemento presentado.

f) Comercialización do produto xerado, que comprende actividades de elaboración de propostas de valor; capacitación do equipo comercial; definición de novos mercados; prospección e exploración do mercado; accións de difusión nos medios máis axeitados para o produto; contacto e seguimento de oportunidades comerciais; elaboración de acordos de distribución e outras similares relacionadas co proxecto de desenvolvemento presentado.

g) Plans de mantemento e formación de distribuidores, que comprende actividades de elaboración dos plans de mantemento axeitados para os produtos desenvolvidos; homologación dos mesmos; selección e capacitación dos distribuidores; deseño e posta en marcha de programas de distribución e outras similares relacionadas co proxecto de desenvolvemento presentado.

3. Os proxectos obxecto de apoio deben cumprir as seguintes condicións:

a) Ser técnica e economicamente viables.

b) Todas as actividades deben desenvolverse en centros de traballo en Galicia.

c) Ter efecto incentivador: de acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se ten presentado antes do comezo do proxecto. Prodúcese un efecto incentivador cando as axudas cambian o comportamento dunha empresa de tal maneira que esta emprenda actividades complementarias que non realizaría, ou que, sen as axudas, realizaría dunha maneira limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade nos que a empresa incorrería de todos os xeitos, nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica. A data de inicio do proxecto presentado non debe entenderse unicamente como unha data a partir da cal se poden imputar gastos, senón realmente como a data de comezo das actividades do proxecto.

1. Poderán ser beneficiarias individuais destas axudas as empresas do sector ou ámbito de negocio da fabricación de maquinaria ou bens de equipo, que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.

2. Poderán ser beneficiarias colectivas destas axudas as agrupacións de dúas ou máis empresas nas que polo menos unha delas sexa do sector ou ámbito de negocio da fabricación de maquinaria ou bens de equipo, e as outras pertenzan a sectores da industria ou servizos directamente relacionados co desenvolvemento do produto para o que se solicita a axuda. Todas as integrantes da agrupación deben ser sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos cun centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto. Neste caso, os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán todos eles a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en adiante o líder), único interlocutor coa administración durante a vixencia da axuda.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá contemplar como mínimo o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF, e nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do representante da mesma ante a Administración para os efectos de interlocutor coa mesma.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta descrito no cuestionario de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada empresa participante.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Autorización ao Igape para recadar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude, que se cubrirá no Anexo IV das bases reguladoras.

g) Sinatura de todos os integrantes.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

San Lázaro. Complexo Administrativo.

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

08/02/2020 00:00 - 07/04/2020 23:59

12/05/2020 00:00 - 05/06/2020 23:59

Continúa o prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do 6 de maio de 2020.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas cuxo proxecto fora elixido no procedemento previo de consulta non poderán optar ao desenvolvemento deste proxecto.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014. As empresas solicitantes deberán cubrir no formulario electrónico de solicitude unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme á normativa comunitaria.

d) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante ou o líder da agrupación deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

e) Como se cualifica segundo os criterios da definición de peme establecidos pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014: pequena empresa, mediana empresa ou gran empresa.

f) Que non iniciou o proxecto nin existe acordo irrevogable para realizalo.

g) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con esta axuda.

h) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, durante un período de catro anos desde o fin do prazo de execución da axuda.

i) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos segundo o establecido no artigo 5 das bases reguladoras.

j) Se é o caso, que ten implantado un plan de igualdade.

k) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivo.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá ao solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) No caso de proxectos individuais:

1º. Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

2º. Acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

3º. As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.6 destas bases reguladoras.

4º. Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6.2 destas bases, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude. Esta memoria deberá respectar o formato que propón a oficina virtual do Igape.

b) No caso de proxectos colectivos:

1º. Documento contractual que regule o funcionamento interno da agrupación segundo o establecido no artigo 4.2 das bases.

2º. Para cada empresa integrante da agrupación:

i) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

ii) Acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

iii) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado as empresas participantes, de acordo co establecido no artigo 5.6 destas bases reguladoras.

iv) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6.2 destas bases, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude. Esta memoria deberá respectar o formato que propón a oficina virtual do Igape.

v) Anexo IV de declaracións e comprobación de datos.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) No caso de proxectos individuais:

DNI/NIE da persoa solicitante.

DNI/NIE da persoa representante.

NIF da entidade solicitante.

NIF da entidade representante.

Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 7.4 destas bases.

Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

Consulta de concesións pola regra de minimis.

b) No caso de proxectos colectivos, para cada unha das empresas integrantes da agrupación:

DNI/NIE da persoa integrante da agrupación.

NIF da entidade integrante da agrupación.

DNI/NIE da persoa representante.

Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 7.4 destas bases.

Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou, se é o caso, no anexo de declaracións e comprobación de datos das empresas integrantes da agrupación (anexo IV), e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 17 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipamento (programa Maquinaria 4.0) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG406M) (DOG nº 26 do 7 de febreiro de 2020).

    • Extracto da Resolución do 17 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipamento (programa Maquinaria 4.0) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG406M) (DOG nº 26 do 7 de febreiro de 2020).

    • Corrección de erros. Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).

    • Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 90 do 11 de maio de 2020).

    • Resolución do 11 de xaneiro de 2021 pola que se dá publicidade da resolución de concesión das axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipamento (programa Maquinaria 4.0).(DOG núm. 12 do 20 de xaneiro de 2021).

    • Resolución do 1 de outubro de 2021 pola que se amplían os prazos máximos de execución dos proxectos e de presentación da solicitude de cobramento establecidos na Resolución do 17 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipamento (programa Maquinaria 4.0) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 196 do 11 de outubro de 2021).

    • Resolución do 19 de outubro de 2021 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestres de 2020 (DOG nº 210 do 2 de novembro de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IF204A

Autorización para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade, así como os cambios de uso, na zona de dominio público viario e/ou nas zonas de protección das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto accesos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF205C

Consulta previa de viabilidade dunha autorización.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF205D

Autorización de novo acceso, cambio de uso ou reordenación dun acceso existente na rede de titularidade da Comunidade Autonóma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF207B

Reversión de expropiación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano