Guía de procedementos e servizos

IF403A

Axudas para a adquisición de vehículos adaptados que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 13/05/2026 09:00 - 15/06/2026 20:00

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Sobre o procedemento

Establecer as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de axudas económicas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou persoas con discapacidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

1.Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, sempre que reúnan os seguintes requisitos na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia:

a) Estar legalmente constituídas, como mínimo, con dous anos de antelación á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de política social nas áreas de discapacidade ou no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego, segundo corresponda.

b) Carecer de ánimo de lucro, é dicir, que non reparte beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destinará a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto e de conformidade co disposto nos seus estatutos e nos puntos 2º, 5º, 6º e 10º do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Que o domicilio social radique en Galicia.

2. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades e asociacións de ámbito local ou provincial, así como as federacións, confederacións, agrupacións, entidades e asociacións de ámbito autonómico.

3. Para os efectos desta orde, non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía das entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións dependentes deles, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e sindicais e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

4. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias aquelas entidades ou persoas que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Mobilidade

Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte

Servizo de Autorizacións, Informes e Apoio Xurídico

Edificio administrativo San Caetano S/N

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995076

Email: axudas.mobilidade@xunta.gal

https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/transporte-de-viaxeiros/axudas-e-subvencions

Dirección Xeral de Mobilidade
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

13/05/2026 09:00 - 15/06/2026 20:00

O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes. Comezará ás 9.00 horas do sétimo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 20.00 horas do mesmo día do mes seguinte.

 Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable, a cal se atopa no cadro de declaracións no anexo de solicitude, referente aos seguintes aspectos:

a) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

b) Axudas de minimis recibidas durante o período dos tres anos previos suxeitas ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).

c) Que todos os datos contidos na solicitude son certos, que os documentos anexados coa solicitude coinciden cos orixinais e que poñerá á disposición da Administración os ditos orixinais, no caso de que se lle requiran.

d) Que cumpre os requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases e que asume as obrigas e compromisos que nelas se establecen.

e) Que se compromete a facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como a permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas e que realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.

f) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso.

b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da persoa solicitante ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

c) Tres orzamentos ou facturas pro forma de diferentes provedores, salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención, caso en que presentará a factura de compra. As facturas pro forma, orzamentos ou facturas deberán incluír os seguintes datos:

– Data de emisión.

– Identificación do provedor: razón social, NIF, enderezo.

– Identificación do comprador: razón social, NIF, enderezo.

– Descrición do vehículo: marca, modelo e demais características.

– Base impoñible.

– IVE.

– Importe total.

– Tipo de adaptacións que se van realizar no vehículo.

– Número de bastidor do vehículo, soamente no caso de que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

d) Para os efectos de acreditar a correspondente categoría de clasificación do vehículo, presentarase algún dos seguintes documentos, con carácter alternativo:

– Copia do distintivo oficial da Dirección Xeral de Tráfico onde figure a clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética, tendo en conta o impacto ambiental.

– Certificación expedida por un concesionario oficial acreditativa da clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética, tendo en conta o impacto ambiental.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT para a solicitude de axudas e subvencións.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia para percibir axudas ou subvencións.

g) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante ou persoa representante para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 20 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a adquisición de vehículos adaptados que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o exercicio 2026 (DOG nº 81 do 04 de Maio de 2026).

    • Extracto da Orde do 20 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a adquisición de vehículos adaptados que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o exercicio 2026 (DOG nº 81 do 04 de Maio de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN214C

Premios do Comercio Galego

Tramitar en liña

Prazo aberto: 14/05/2026 00:00 - 15/06/2026 23:59

MT811B

Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás asociacións inscritas no rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía

Tramitar en liña

Prazo aberto: 04/12/2025 00:00 - 11/09/2026 23:59

PR308A

Inscricións no Rexistro de Asociacións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR310A

Declaración de utilidade pública de asociacións e presentación de contas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano