Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IF401A
Axudas para a contratación de persoal asalariado (segunda persoa contratada) e para o pago das pólizas de seguros no sector do Taxi.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
A concesión de axudas ás persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para o pago da póliza do seguro do vehículo e á contratación dunha segunda persoa condutora.
Liña 1: axudas para a contratación da póliza de seguro do vehículo.
Liña 2: contratación dunha segunda persoa condutora.
a) Para a liña 1, poderán ser obxecto de subvención as persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N domiciliadas en Galicia e que estean vixentes e activas na data de presentación da solicitude e na data da resolución de concesión da axuda.
b) Para a liña 2, poderá ser obxecto de subvención a contratación dunha segunda persoa condutora, a xornada completa e con dedicación exclusiva, realizadas dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas, polas persoas titulares de autorizacións VT-N domiciliadas en Galicia e que estean vixentes e activas na data da presentación da solicitude e na data da resolución de concesión da axuda.
Para os efectos das letras anteriores, un título habilítante non se considerará activo se figura en suspensión.
Só se subvencionará a contratación dunha segunda persoa condutora por titular de autorización, aínda que o solicitante da axuda poida ser titular de varias autorizacións. A contratación deberá realizarse de conformidade co disposto no artigo 20 e seguintes da Lei 4/2013, do 30 de maio, e nos artigos 36 e seguintes do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio.
Os interesados poderán solicitar a liña 1 por cada unha das autorizacións das que sexan titulares. Porén, para a liña 2 so poderán presentar unha solicitude, aínda que sexan titulares de varias autorizacións.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Mobilidade
Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte
Servizo de Autorizacións, Informes e Apoio Xurídico
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544377/ 881 995076
Email: axudas.mobilidade@xunta.gal
https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/transporte-de-viaxeiros/axudas-e-subvencions
Prazo de presentación: ABERTO
05/06/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar a partir do sétimo día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2025, de acordo coas seguintes previsións:
Se o crédito dispoñible para a liña 2 se esgotase antes desa data, anunciarase esta circunstancia a través da páxina web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na epígrafe de Mobilidade, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En tal caso, as solicitudes que se reciban despois do esgotamento do crédito quedarán en reserva e poderán, se é o caso, ser subvencionadas ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia por parte das persoas beneficiarias ou ben cun incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas.
1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes.
2. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:
a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.
b) Deberán estar vixentes e activas no momento da presentación da solicitude.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.
3. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable, a cal se atopa no cadro de declaracións no anexo de solicitude, e refírese aos seguintes aspectos:
a) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.
b) Axudas de minimis recibidas durante o período dos tres anos previos suxeitas ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).
c) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.
d) Autenticidade dos datos facilitados.
e) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.
f) Non estar incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude e posta á disposición da Administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requira.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Para as solicitudes da liña 1:
1º. Xustificante do pagamento da prima do seguro; nel debe quedar constancia do pagamento realizado, dos suxeitos participantes na transacción e a conta de orixe e destino dos fondos.
2º. Certificado de titularidade da conta bancaria desde a cal se realizou o dito pagamento ou pagamentos que acredite que a persoa solicitante é titular dela. Non será necesario presentar este certificado no caso de que a dita conta coincida coa conta designada no documento de solicitude (anexo I), para o aboamento da axuda.
3º. No caso de actuar por medio de representante, debe achegar a documentación acreditativa da representación.
b) Para as solicitudes de axudas da liña 2:
1º. Xustificante do pagamento da prima do seguro, realizada con posterioridade á contratación da segunda persoa condutora e nos mesmos termos que no punto a).1º.
2º. Contrato de seguro cunha vixencia mínima de 6 meses.
3º. Autorización VT-N en que apareza engadida a segunda persoa condutora.
4º. No caso de actuar por medio de representante, debe achegarse a documentación acreditativa da representación.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/axuda/necesita-axuda/axuda-tecnica/requisitos).
Comprobación de datos
1. Para tramitar as dúas liñas deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.
c) NIF da entidade representante, de ser o caso.
d) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
i) Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. Se a persoa contratada autorizou a consulta dos seus datos, segundo o modelo do anexo II (autorización para a comprobación de datos da segunda persoa condutora contratada), o órgano xestor consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos:
a) DNI/NIE da persoa traballadora contratada.
b) Informe da vida laboral dos últimos 12 meses da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.
c) Contrato laboral da persoa traballadora polo que se solicita a subvención.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
4. Excepcionalmente, no suposto de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
5. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón dos documentos asinados pola persoa contratada en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo II. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola cal se solicita subvención se opoña á comprobación de datos, farao constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentará os documentos que o acrediten.
6. Para o efecto da acreditación da titularidade dos títulos habilítante, a súa vixencia e situación activa da actividade, ou calquera outro aspecto relacionado con estes, observaranse os datos que consten oficialmente no Rexistro de Títulos Habilitantes que regula a Lei 4/2013, do 30 de maio.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación desta solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 15 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a contratación de persoal asalariado (segunda persoa condutora) e para o pagamento das pólizas de seguros no sector dos taxis e se convocan para o exercicio 2025 (DOG nº 100 do 27 de maio de 2025).
-
Extracto da Orde do 15 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a contratación de persoal asalariado (segunda persoa condutora) e para o pagamento das pólizas de seguros no sector dos taxis e se convocan para o exercicio 2025 (DOG nº 100 do 27 de maio de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade, así como os cambios de uso, na zona de dominio público viario e/ou nas zonas de protección das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto accesos.
Aberto todo o ano
Autorización de novo acceso, cambio de uso ou reordenación dun acceso existente na rede de titularidade da Comunidade Autonóma de Galicia.
Aberto todo o ano
Certificación para matriculación e expedición de permiso de circulación ou cambio de titularidade.
Aberto todo o ano
Autorización de transporte e de actividades auxiliares e complementarias.
Aberto todo o ano