Guía de procedementos e servizos

IF319A

Adhesión ás axudas para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo aberto: 02/05/2025 00:00 - 31/08/2026 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Selección de entidades colaboradoras que participarán na xestión para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas.

Persoas físicas e xurídicas.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Mobilidade

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995958

Email: ebici@xunta.gal

https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/ebici

Dirección Xeral de Mobilidade

Prazo de presentación: ABERTO

02/05/2025 00:00 - 31/08/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde e finalizará aos dous meses da entrada en vigor da presente orde para as solicitudes formuladas a través do procedemento simplificado, e o 31 de agosto de 2026 para as que se presenten a través do procedemento ordinario.

1. Para os efectos desta orde, poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún establecemento comercial ou, no seu caso, sanitario, aberto ao público na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

Así, poderán ser entidades colaboradoras todos aqueles establecementos comerciais ou, se é o caso, sanitarios, abertos ao público na Comunidade Autónoma de Galicia que se dediquen de forma total ou parcial á venda de bicicletas con pedaleo asistido e/ou bicicletas de man eléctricas ou híbridas e, particularmente, aqueles cuxa actividade se enmarque nunha ou varias das epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado por el Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro:

– Epígrafe 615.1: comercio polo maior de vehículos, motocicletas, bicicletas e os seus accesorios.

– Epígrafe 619.2: comercio por xunto de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.

– Epígrafe 652.1: comercio polo miúdo de medicamentos, aparatos de ortopedia, produtos sanitarios e de hixiene persoal.

– Epígrafe 653.2: comercio polo miúdo de material e aparellos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico accionados por outro tipo de enerxía distinta da eléctrica, así como de mobles de cociña.

– Epígrafe 654.1: comercio polo miúdo de vehículos terrestres.

– Epígrafe 659.3: comercio polo miúdo de aparatos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.

– Epígrafe 659.6: venda polo miúdo de artigos de xoguetes, artigos de deporte, pezas deportivas, calzado e tocado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.

– Epígrafe 661.1: comercio en grandes almacéns, que ofrecen unha variedade ampla e, en xeral, profunda, de varias gamas de produtos.

– Epígrafe 661.2: comercio en hipermercados, establecementos que ofrecen principalmente en autoservizo unha ampla variedade de produtos alimenticios e non alimenticios de gran venda.

– Epígrafe 661.3: comercio en almacéns populares, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen en seccións múltiples e venden en autoservizo ou en preselección unha variedade relativamente ampla e pouco profunda de bens de consumo, cunha gama de prezos baixa e un servizo reducido.

– Epígrafe 661.9: outro comercio mixto ou integrado en grandes superficies, entendendo por tal o realizado de forma especializada en establecementos cunha superficie útil para a exposición e venda ao público igual ou superior ao 2.500 m² de produtos, tales como os relacionados coa bricolaxe e o equipamento do fogar, mobiliario para o fogar e a oficina, artigos electrónicos e electrodomésticos, artigos para o automóbil, artigos para o deporte ou outros.

– Epígrafe 662.1: comercio polo miúdo de toda clase de artigos en economatos e cooperativas de consumo.

– Epígrafe 662.2: comercio polo miúdo de toda clase de artigos, en establecementos distintos dos especificados no grupo 661 e na epígrafe 662.1.

As entidades interesadas poderán solicitar a alta como entidade colaboradora respecto da xestión de subvencións a bicicletas eléctricas, a bicicletas de man, ou a ambas.

2. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora, aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispoñer dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e a Dirección Xeral de Mobilidade.

As características técnicas exixibles tamén poderán consultarse na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://ebici.xunta.gal).

4. As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta.

Forma e lugar para presentar as solicitudes de adhesión.

1. As solicitudes de adhesión (código de procedemento IF319A) serán presentadas pola entidade colaboradora obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou, directamente, no URL: https://ebici.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada emenda.

2. No formulario, que figura como anexo I desta orde, o solicitante declarará responsable e expresamente o seguinte:

a) Que coñece o contido das bases e do convenio e que cumpre cos requisitos establecidos neles.

b) Que ten o enderezo social ou algún establecemento comercial aberto ao público na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 8.3 da orde.

d) Que consente na utilización de medios electrónicos na comunicación entre a entidade colaboradora e a Dirección Xeral de Mobilidade.

e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Estar exenta do pagamento do imposto de actividades económicas, de acordo co artigo 82 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, así como de non darse de baixa no citado imposto. E en caso contrario, achegará a documentación correspondente ao pagamento do imposto.

i) Estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

k) Que se compromete a:

1º. Comunicar calquera variación que poida acontecer nos datos recolleitos nos documentos achegados.

2º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda e pagamento, incorporando os datos á aplicación informática habilitada.

3º. Vender no marco da iniciativa só os produtos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.

4º. Aplicar os descontos correspondentes á subvención na factura da actuación de modo que a persoa beneficiaria non chegue a realizar o desembolso.

5º. Facilitarlle á Dirección Xeral de Mobilidade canta información e documentación precise para verificar.

6º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do programa.

l) Que a persoa física ou entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obrigación de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

3. A adhesión das entidades colaboradoras poderá realizarse a través dun procedemento de adhesión simplificada ou polo de adhesión ordinaria.

4. Para a tramitación destes procedementos poderanse consultar automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado sobre cumprimento de obrigacións tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigacións tributarias coa AEAT.

h) Certificación de alta no imposto de actividades económicas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderánselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados dixitalmente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou, directamente, no URL: https://ebici.xunta.gal

Prazo de resolución:

10 días hábiles desde a presentación da solicitude

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 21 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades de 2025 e 2026 (códigos de procedemento IF319A e IF319B) (DOG nº 82 do 30 de abril de 2025).

    • Extracto da Orde do 21 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades de 2025 e 2026 (códigos de procedemento IF319A e IF319B) (DOG nº 82 do 30 de abril de 2025).

Outros procedementos relacionados

IF204A

Autorización para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade, así como os cambios de uso, na zona de dominio público viario e/ou nas zonas de protección das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto accesos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF205C

Consulta previa de viabilidade dunha autorización.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF205D

Autorización de novo acceso, cambio de uso ou reordenación dun acceso existente na rede de titularidade da Comunidade Autonóma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF207B

Reversión de expropiación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano