Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IF313A
Axudas para desenvolver áreas de estacionamento seguras e protexidas (AESP) na Comunidade Autónoma de Galicia
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
A concesión de subvencións para desenvolver áreas de estacionamento seguras e protexidas para vehículos de transporte de mercadorías (AESP) na Comunidade Autónoma de Galicia.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas, incluídas as persoas autónomas, que estean activas no momento da presentación da solicitude, sen prexuízo de que cumpran os demais requisitos que estableza esta orde.
2. Considéranse empresas as entidades que na data de presentación da solicitude cumpran o establecido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014: considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Mobilidade
Edificio administrativo de San Caetano s/n
15704 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981 544 361
Email: sxit.civ@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
30/12/2025 00:00 - 29/01/2026 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Son subvencionables as actuacións para desenvolver AESP para vehículos de transporte de mercadorías.
2. Requisitos das AESP:
1) Estar situadas na Comunidade Autónoma de Galicia a unha distancia non superior a dez quilómetros dunha autovía, autoestrada ou estrada de titularidade nacional ou autonómica da rede estruturante ou complementaria. A distancia medirase desde a AESP ata o inicio do ramal de conexión máis próximo na estrada correspondente.
2) Obter unha certificación de polo menos nivel bronce de acordo co Regulamento delegado (UE) 2022/1012 da Comisión, polo que se completa o Regulamento (CE) nº 561/2006 do Parlamento Europeo e do Consello no relativo ao establecemento de normas que detallan o nivel de servizo e a seguridade das zonas de estacionamento seguras e protexidas, así como aos procedementos para a súa certificación.
3) O perímetro da AESP deberá ter un peche dun mínimo de 1,80 m de altura que só permita entradas e saídas a través de puntos definidos. Entre o peche e a zona de estacionamento haberá unha zona libre dun metro. As prazas de aparcamento deben ter unhas dimensións mínimas de 3,30 metros de ancho por 16,50 metros de longo.
4) Reservar unha porcentaxe mínima de prazas de aparcamento de rotación do 20 %. Entenderanse por prazas de rotación aquelas que non están suxeitas a contratos de duración superior a 24 horas.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderase empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. No anexo I debera, indicarse a seguinte información sobre as AESP:
1) A localización das AESP, con indicación das coordenadas.
2) A localización do ramal de conexión máis próximo na estrada correspondente e, con indicación das coordenadas, o nome da estrada, o treito, o punto quilométrico e a marxe dereita ou esquerda.
3) A distancia desde a AESP ata o inicio do ramal de conexión máis próximo (máximo dez).
4) A localización dos servizos adicionais, con indicación das coordenadas (gasolineira, cafetaría e/ou restaurante e hotel).
5) A distancia desde estes servizos á AESP.
6) O nivel da certificación que se pretende acadar de acordo co Regulamento delegado (UE) 2022/1012 da Comisión, polo que se completa o Regulamento (CE) nº 561/2006 do Parlamento Europeo e do Consello.
7) A descrición do peche (mínimo de 1,80 m e un metro de separación).
8) A dimensión das prazas previstas (mínimo de 3,30×16,50).
9) O número de prazas previsto.
10) O número de prazas destinadas a rotación (mínimo do 20 %).
11) Data de finalización prevista da AESP. Esta data será a que se tome como referencia para determinar o prazo máximo de xustificación.
12) Custo previsto da AESP, cunha desagregación dos investimentos máis importantes.
13) Descrición do réxime de explotación futuro e prezos que se propoñen por hora e día.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
1.1. Memoria da actuación para desenvolver a AESP, que deberá conter, como mínimo, os seguintes puntos:
1) Descrición e documentación gráfica (localización, planos e fotografías) da AESP: o número, a distribución das prazas, as dedicadas a rotación e como se van diferenciar do resto, dos carrís de acceso ás prazas, etc.
2) Descrición e documentación gráfica (localización, planos e fotografías) do ramal de conexión máis próximo.
3) Descrición e documentación gráfica (localización, planos e fotografías) dos servizos adicionais.
4) Descrición doutras actuacións que se van realizar na AESP para obter o nivel de certificación proposto (iluminación, sistema de videovixilancia, etc.).
5) Descrición das actuacións para instalar as conexións eléctricas para vehículos refrixerados, no caso de que estean previstas.
6) Acreditación da titularidade dos terreos, de ser o caso.
7) Análise dos permisos e autorizacións necesarios para desenvolver o proxecto e acreditación daqueles con que xa conta, de ser o caso.
8) Tres ofertas de diferentes provedores ou xustificación da oferta elixida cando esta non sexa a máis vantaxosa.
O contido da memoria debe ser o suficientemente detallado para que se poidan comprobar os datos a que se refire o anexo I e os requisitos e criterios de valoración desta orde.
1.2. Documentación acreditativa da representación, no caso de actuar a través de representante.
1.3. Documentación acreditativa da constitución da persoa solicitante.
1.4. Certificado asinado pola dirección de execución sobre a porcentaxe de execución do proxecto (só para aquelas actuacións xa iniciadas).
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse por medios electrónicos.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable de procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo dos documentos e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificado de alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante (IAE).
f) Alta na Seguridade Social en data concreta.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia para percibir axudas ou subvencións das administracións públicas.
i) Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT para subvencións e axudas.
j) Concesións doutras subvencións e axudas.
k) Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado.
l) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados de xeito electrónico accedendo a Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 11 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria para a concesión de subvencións, mediante tramitación anticipada e en réxime de concorrencia competitiva, para desenvolver áreas de estacionamento seguras e protexidas para vehículos de transporte de mercadorías (AESP) na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 250 do 29 de decembro de 2025).
-
Extracto da Orde do 11 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria para a concesión de subvencións, mediante tramitación anticipada e en réxime de concorrencia competitiva, para desenvolver áreas de estacionamento seguras e protexidas para vehículos de transporte de mercadorías (AESP) na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 250 do 29 de decembro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade, así como os cambios de uso, na zona de dominio público viario e/ou nas zonas de protección das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto accesos.
Aberto todo o ano
Consulta previa de viabilidade dunha autorización.
Aberto todo o ano
Autorización de novo acceso, cambio de uso ou reordenación dun acceso existente na rede de titularidade da Comunidade Autonóma de Galicia.
Aberto todo o ano
Reversión de expropiación.
Aberto todo o ano