Guía de procedementos e servizos

IF312A

Probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo aberto: 22/04/2025 00:00 - 15/07/2025 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Convócanse, para o ano 2025, as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución.

Persoas aspirantes a xestor de transporte.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Mobilidade

Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte

Servizo de Ordenación do Transporte Regular de Viaxeiros

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995053/ 981544375

Email: formacion.transportes@xunta.es

https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/formacion/xestor-transporte/exame

Dirección Xeral de Mobilidade

Prazo de presentación: ABERTO

27/11/2024 00:00 - 24/01/2025 23:59

25/01/2025 00:00 - 21/04/2025 23:59

22/04/2025 00:00 - 15/07/2025 23:59

16/07/2025 00:00 - 24/10/2025 23:59

No ano 2025, as persoas interesadas dispoñerán de ata catro chamamentos para a realización do correspondente exame. Os exercicios terán lugar nos períodos abarcados entre:

- Primeiro período: entre o 24 de febreiro e o 4 de abril de 2025, para aqueles aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día da apertura do prazo para presentar a solicitude, que será a partir do seguinte ao de publicación desta resolución, e o 24 de xaneiro de 2025.

- Segundo período: entre o 26 de maio e o 4 de xullo de 2025, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o 25 de xaneiro e o de 21 de abril de 2025.

- Terceiro período: entre o 1 de setembro e o 4 de outubro de 2025, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día 22 de abril e o 15 de xullo de 2025.

Cuarto período: entre o 17 de novembro e o 19 de decembro de 2025, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día 16 de xullo e o 24 de outubro de 2025.

As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para acceder ás probas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas. As persoas aspirantes que estean interesadas en presentarse a ambas as modalidades deberán presentar unha solicitude por cada modalidade e deberán aboar as taxas correspondentes de acordo co establecido no punto 10 desta resolución.

En aplicación do disposto no artigo 8, números 1 e 2, do Regulamento (CE) 1071/2009, e de acordo co que establece o número 4 do anexo II do Real decreto 1211/1990, para poder participar nas probas de xestor de transporte, a persoa aspirante deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos de formación no momento de presentar a solicitude:

– Título de bacharel ou equivalente.

– Título de técnico, acreditativo de superar as ensinanzas dunha formación profesional de grao medio, sexa cal for a profesión a que se atope referido.

– Título de técnico superior, acreditativo de ter superado as ensinanzas dunha formación profesional de grao superior, sexa cal for a profesión a que se atope referido.

– Calquera título acreditativo de superar unhas ensinanzas universitarias de grao ou posgrao.

b) Ter residencia habitual en Galicia.

Para tal efecto, entenderase por residencia habitual en Galicia cando conste o seu domicilio en Galicia no momento de presentar a solicitude e, cando menos, durante 185 días naturais no último ano, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás probas.

Só se admitirá que o domicilio non conste en Galicia, para os efectos da realización do exame, cando a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.

  • Inscrición nas probas para a obtención e/ou renovación da competencia profesional para a actividade de transporte ( 31.01.20)

Pode realizar o pago destas taxas na sede electrónica como un dos pasos da tramitación en liña.

Solicitudes para inscrición nas probas.

1. De acordo co que establece o artigo 56 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, o artigo 51, puntos 1 e 2, do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, e o disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, co código IF312A (anexo I).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de inscrición nas probas, procedemento IF312A, a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do pagamento das taxas administrativas devindicadas pola tramitación da solicitude, agás que sexa aplicable algunha exención legal (código da taxa 31 01 20).

O dito xustificante xérase automaticamente ao realizar o pagamento a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

b) Documentación xustificativa de padecer unha discapacidade no caso de que o órgano que recoñece a discapacidade non dependa da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento IF312A consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI/NIE da persoa solicitante.

• DNI/NIE da persoa representante.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada marque na solicitude o recadro correspondente para sinalar as circunstancias que lle sexan de aplicación:

• Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia.

• Inscrición como demandante de emprego.

• Prestacións ou subsidios por desemprego que se perciban.

• Títulos oficiais non universitarios.

• Títulos oficiais universitarios.

• Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 13 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan, para o ano 2025, as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada (códigos de procedemento IF312A e IF312B) (DOG nº 228 do 26 de novembro de 2024).

Outros procedementos relacionados

IF204A

Autorización para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade, así como os cambios de uso, na zona de dominio público viario e/ou nas zonas de protección das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto accesos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF205C

Consulta previa de viabilidade dunha autorización.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF205D

Autorización de novo acceso, cambio de uso ou reordenación dun acceso existente na rede de titularidade da Comunidade Autonóma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF207B

Reversión de expropiación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano