Guía de procedementos e servizos

IF311A

Axudas para a instalación de anteparos en vehículos dedicados ás actividades de taxi e de alugamento con condutor.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 12/06/2020 00:00 - 31/07/2020 23:59

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte habilitantes para o exercicio das actividades de transporte público interurbano en vehículos de turismo, documentadas en autorizacións da serie VT-N, ou de autorizacións administrativas habilitantes para o exercicio da actividade de alugamento de vehículos con condutor, documentadas en autorizacións da serie VTC, en ambos os casos domiciliadas en Galicia, para a adquisición e instalación de anteparos para os vehículos adscritos ás indicadas actividades.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2020 (código de procedemento IF311A). En concreto, poderán ser obxecto de subvención os anteparos adquiridos e instalados entre o 1 de marzo de 2020 e o 31 de xullo de 2020 pola totalidade de titulares de autorizacións administrativas habilitantes para o desenvolvemento da actividade de transporte interurbano en taxi ou de alugamento de vehículos con condutor, domiciliadas en Galicia.

3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas titulares de autorizacións de transporte habilitantes para o exercicio das actividades de transporte público interurbano en vehículos de turismo, documentadas en autorizacións da serie VT-N, ou de autorizacións administrativas habilitantes para o exercicio da actividade de alugamento de vehículos con condutor, documentadas en autorizacións da serie VTC, en ambos os casos domiciliadas en Galicia e expedidas polos servizos de mobilidade competentes.

Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde obríganse a manter instalado o anteparo no vehículo adscrito á correspondente autorización de transportes en canto permanezan as recomendacións sanitarias referentes á protección fronte ao COVID-19, así como a aplicar coa máxima dilixencia as recomendacións para a prevención e saúde laboral ante o coronavirus no sector do taxi, elaboradas polo Issga e dispoñibles na web da Dirección Xeral de Mobilidade.

De xeito singular, comprométense a aplicar con rigor as recomendacións de limpeza e desinfección do interior do vehículo e do propio anteparo.

2. Adicionalmente, as persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

c) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Obriga de incorporar nun lugar visible do anteparo, mediante o seu serigrafiado ou a incorporación dun adhesivo, unha referencia expresa a que a dotación foi subvencionada pola Xunta de Galicia, mediante a incorporación da lenda «Actuación para a mellora da eficiencia sanitaria no transporte público fronte ao COVID-19, promovida pola Xunta de Galicia». Esta información debe levar o logotipo oficial da Xunta de Galicia previsto no Manual de identidade corporativa (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual).

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Mobilidade

Edificio Administrativo de San Caetano

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981995053/ 881995077

Email: tmg@xunta.gal

www.civ.xunta.gal

Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte

Prazo de presentación: PECHADO

12/06/2020 00:00 - 31/07/2020 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de xullo de 2020.

Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:

a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) Deberán estar vixentes no momento de aprobación da presente convocatoria de axudas e no de presentación da solicitude.

c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante.

1. Ao abeiro do disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a solicitude e tramitación deste procedemento farase por medios exclusivamente electrónicos, ao constituíren as persoas destinatarias un colectivo profesional concreto e seren titulares de autorizacións administrativas para prestar o servizo público de taxi e de vehículo con condutor.

En consecuencia, para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo I a esta orde, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF311A. No caso de que unha mesma persoa sexa titular de dúas ou máis autorizacións habilitantes para as actividades de transporte previstas nesta orde, deberá formular solicitudes independentes para cada unha delas respecto das que solicite a axuda.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

A solicitude irá acompañada, ademais, da documentación a que se fai referencia no artigo 6 desta orde que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) De estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos do artigo 50.a) da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

b) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

c) Axudas de minimis recibidas durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ou a outros regulamentos de minimis (artigo 6.1 do Regulamento de minimis).

d) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.

e) Autenticidade dos datos facilitados.

f) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.

g) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude, e posta á disposición da Administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requiran.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da factura do anteparo adquirido, en que deberá figurar diferenciada a base impoñible do correspondente IVE.

b) Xustificante que acredite o pagamento do anteparo. Para estes efectos, o pagamento só se poderá acreditar por algún dos seguintes medios:

– Mediante xustificante do pagamento por transferencia bancaria.

– Mediante xustificante do pagamento con tarxeta de crédito ou débito.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente xunto coa solicitude. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que finalmente foi realizada a emenda.

3. No suposto excepcional de que se realizase, de xeito válido, a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior, xustificando debidamente aquela imposibilidade. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/requirimentos-tecnicos).

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE en vigor da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE en vigor da persoa representante, de ser o caso.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Igualmente, consultaranse os datos públicos do Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte, tales como autorizacións en vigor e as persoas titulares destas.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da Xunta de Galicia da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 2 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á instalación de anteparos nos vehículos dedicados ás actividades de taxi e de alugamento con condutor, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento IF311A) (DOG nº 113 do 11 de xuño de 2020).

    • Extracto da Orde do 2 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á instalación de anteparos nos vehículos dedicados ás actividades de taxi e de alugamento con condutor, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento IF311A) (DOG nº 113 do 11 de xuño de 2020).

Outros procedementos relacionados

IF204A

Autorización para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade, así como os cambios de uso, na zona de dominio público viario e/ou nas zonas de protección das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto accesos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF205C

Consulta previa de viabilidade dunha autorización.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF205D

Autorización de novo acceso, cambio de uso ou reordenación dun acceso existente na rede de titularidade da Comunidade Autonóma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF207B

Reversión de expropiación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano