Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
EM926G
Reencontros con Galicia
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
A concesión de axudas correspondentes ao programa Reencontros con Galicia para o ano 2025, que ten por finalidade facilitarlle ás persoas maiores galegas residentes en América, mediante un período de estadía nunha residencia dependente da Xunta de Galicia e posteriormente coas súas familias, o contacto coa realidade galega actual e o encontro cos seus familiares.
Persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan en América.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais
Basquiños, 2
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545882
Email: accion.social.emigracion@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
28/05/2025 00:00 - 27/06/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Se é preciso, poderase prolongar uns días o prazo de permanencia deste procedemento na sede electrónica da Xunta de Galicia, exclusivamente para os efectos de que as delegacións e demais entidades autorizadas, en exercicio da autorización outorgada polas persoas solicitantes para facelo, poidan introducir os datos das solicitudes recibidas en prazo.
1. Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser unha persoa emigrante galega.
b) Posuír a nacionalidade española.
c) Residir en América de maneira continuada, como mínimo, durante os dez (10) últimos anos naturais (2015-2025).
d) Ter 65 anos o 6 de outubro de 2025.
e) Non ter participado nos últimos cinco (5) anos naturais en programas de viaxes a Galicia organizados pola Secretaría Xeral da Emigración, isto é, desde 2020 en diante.
f) Acreditar que se vale por si mesma para realizar as actividades básicas da vida diaria, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia, estar en boas condicións físicas para realizar unha viaxe de longa duración e para realizar actividades lúdicas e saídas culturais en autocar polo contorno.
g) Os solicitantes que opten a unha das prazas financiadas ao cen por cento pola Secretaría Xeral da Emigración terán que acreditar que carecen de ingresos suficientes. Considéranse como tales os que superen a contía resultante de multiplicar por dous (2) o importe da base de cálculo da prestación por razón de necesidade que o Goberno español determine para o ano 2025 para cada país ou, no caso de que convivan con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía determinada pola suma dese límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.
O resto das persoas solicitantes deben optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento conforme o especificado no anexo I desta convocatoria e aboar, no prazo de dez días contados a partir da publicación da resolución de adxudicación das axudas, a cantidade de 600 € á empresa adxudicataria do servizo dos desprazamentos internacionais.
h) No suposto de que decidan prolongar a súa estadía en Galicia durante quince días, presentar unha declaración responsable asinada por algún familiar maior de idade ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade, segundo o modelo do anexo V.
2. As persoas solicitantes que queiran vir acompañadas poderán facelo polo cónxuxe ou persoa a elas unida por unha relación de afectividade análoga coa cal leven convivindo, polo menos, durante o último ano completo, ou por un/unha fillo/a ou irmán/a.
En todo caso, todas as persoas que acompañen as persoas solicitantes que resulten beneficiarias da axuda acreditarán o cumprimento dos requisitos das alíneas e) e f) deste artigo e compartirán o seu cuarto.
3. As persoas solicitantes con 85 anos o 6 de outubro de 2025, salvo en supostos excepcionais que serán obxecto de valoración pola Secretaría Xeral da Emigración, deben vir acompañadas por outra persoa da súa familia: ben o cónxuxe ou persoa coa cal conviva desde un mínimo dun ano e con quen manteña unha relación de afectividade análoga, ou ben outra persoa de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade, que teña entre 30 e 70 anos o 6 de outubro de 2025 e asuma por escrito o compromiso de facerse cargo dela desde o inicio da viaxe ata o regreso ao seu país de residencia.
Estas persoas acompañantes, ben que non teñen que cumprir todos os requisitos para seren beneficiarios, ocuparán parte das 200 prazas convocadas e terán a consideración de participantes para todos os efectos. A súa consideración de participantes serao na mesma modalidade do artigo 2.2 que lle corresponda á persoa que acompañan, de xeito que se ao beneficiario a que acompañan lle corresponde a axuda na modalidade de financiamento compartido, tamén lle corresponderá ao seu acompañante esta modalidade.
Solicitudes
1. Cada persoa participante só poderá presentar unha solicitude debidamente cuberta. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás oficinas das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e das entidades que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia:
• No Brasil:
– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.
• En Cuba:
– Federación de Sociedades Galegas na Habana.
• En Venezuela:
– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.
A utilización desta vía requirirá que a persoa solicitante autorice a persoa encargada da correspondente entidade para que presente a súa documentación na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen prexuízo da súa obriga de cubrir e asinar a solicitude segundo o anexo II.
No caso de acudir a algunha das ditas entidades, é recomendable que as solicitudes se presenten cunha antelación suficiente respecto ao último día do prazo de presentación das solicitudes.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude (anexo II) a seguinte documentación da persoa solicitante:
a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade, mediante o pasaporte español ou outro documento en que consten os seus datos persoais de identificación e a nacionalidade española.
b) Documentación acreditativa do lugar e da data de nacemento, para o caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.
c) Unha fotografía recente tamaño carné.
d) Certificado do Rexistro de Matrícula Consular como residente no país de América que corresponda, no cal conste a data de inscrición ou outro documento acreditativo da súa residencia en América de xeito continuado, polo menos, durante os últimos dez (10) anos.
e) Informe médico conforme o modelo que figura como anexo III.
f) No caso dos que opten as axudas do cen por cento, os xustificantes acreditativos de todo tipo de ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que percibisen a persoa solicitante e os demais membros da súa unidade económica familiar nos meses de xaneiro, febreiro e marzo do ano en curso, que resulten suficientes para acreditar que non superan o límite establecido no artigo 3.1.g) desta resolución.
Para eses efectos, considerarase unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
g) Libro de familia, se procede. Na súa falta, presentarase a documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.
h) Documento en que conste se a persoa solicitante é beneficiaria da prestación por razón de necesidade do Estado español no ano 2025. De non presentalo, entenderase que desiste da aplicación do criterio de selección sinalado no artigo 11.1 desta resolución.
i) Declaración da persoa acompañante segundo o modelo do anexo IV, se for o caso.
j) No caso de optar a regresar quince (15) días despois do remate da actividade, declaración ou consentimento informado, segundo o modelo do anexo V, asinado polo familiar de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade. Este anexo poderá ser presentado directamente pola persoa asinante en Galicia, para a súa incorporación ao expediente de solicitude do familiar solicitante.
2. Para o caso de que a persoa solicitante desexe vir acompañada da persoa unida a ela por matrimonio ou relación de afectividade análoga á conxugal, dun/dunha fillo/a, irmán/a e/ou doutro familiar nos supostos dos solicitantes con 85 anos o 6 de outubro de 2025, esta deberá presentar o anexo IV debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da identidade: pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.
b) Informe médico, segundo o modelo incluído no anexo III.
c) Unha fotografía recente tamaño carné.
d) Documentación acreditativa da súa residencia, lugar e data de nacemento.
e) Documentación que probe a relación de parentesco coa persoa solicitante e, de ser o caso, a convivencia con ela desde un ano polo menos, mediante a inscrición no rexistro correspondente, manifestación expresa por acta de notoriedade ou calquera outro medio admisible en dereito.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI da persoa solicitante, de ser o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, para o caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 15 de maio de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o programa de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia, dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan en América, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 100 do 27 de maio de 2025).
-
Extracto da Resolución do 15 de maio de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o programa de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia, dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan en América, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 100 do 27 de maio de 2025).
-