Guía de procedementos e servizos

ED523A

Concurso Eduemprende Idea dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidas con fondos públicos.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Concurso Eduemprende Idea 2025 - Prazo pechado: 11/02/2025 00:00 - 16/05/2025 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Convocar o concurso Eduemprende Idea 2025 co fin de promover a realización de proxectos empresariais por parte do alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

Alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Formación Profesional

Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo

Servizo de Orientación e Innovación Profesional

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996521

Email: eduemprende@edu.xunta.es

Dirección Xeral de Formación Profesional

Prazo de presentación: PECHADO

11/02/2025 00:00 - 16/05/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e ata o 16 de maio de 2025.

1. Estar matriculado durante o curso 2024/25 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

2. A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dúas persoas e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única co poder suficiente para cumprir coas obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación.

3. As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarias, de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Dado o nivel educativo en que se atopan as persoas candidatas e a posibilidade de utilizar os recursos de que dispón o centro de ensino a que pertencen, queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, polo que a única vía de presentación da solicitude da axuda será a electrónica.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II: ficha de persoas participantes (unha por cada participante).

b) Proxecto empresarial, cunha extensión máxima de 20 páxinas en formato DIN A4, letra Arial en tamaño 12 puntos, con texto xustificado e entreliñado de 1,5 liñas. O proxecto poderá incluír material gráfico e deberá estar redactado en galego.

c) Vídeo de presentación do proxecto (Elevator Pitch), cunha duración máxima de 2 minutos. No caso de non poder achegar o vídeo polo tamaño do arquivo, poderá achegarse un documento no cal se recolla un enderezo web onde poder ver ou descargar o vídeo.

2. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa participante.

c) DNI/NIE da persoa representante da persoa solicitante, só no caso de actuar por medio de representante.

d) DNI/NIE da persoa representante da persoa participante, só no caso de actuar por medio de representante.

e) Certificado de que a persoa solicitante e a persoa participante están ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de que a persoa solicitante e a persoa participante están ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

g) Certificado de que a persoa solicitante e a persoa participante están ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Administración tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou na ficha de persoas participantes (anexo II), segundo o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se convoca o concurso Eduemprende Idea 2025 dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos (DOG nº 27 do 10 de febreiro de 2025).

    • Extracto da Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se convoca o concurso Eduemprende Idea 2025 dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos (DOG nº 27 do 10 de febreiro de 2025).

Outros procedementos relacionados

ED317A

Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial

Aberto todo o ano

ED317B

Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral

Aberto todo o ano

ED330B

Participación no fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

Prazo aberto: 16/05/2025 00:00 - 20/06/2025 23:59

ED333B

Programa retorna talento FP.

Prazo aberto: 28/03/2025 00:00 - 25/06/2025 23:59