Guía de procedementos e servizos

ED517B

Inscrición no proceso de avaliación e acreditación das competencias profesionais.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 13/01/2020 00:00 - 07/02/2020 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

O obxecto desta orde é realizar a convocatoria e establecer o procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación (código de procedemento ED517B), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, mediante a acreditación de unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa será a encargada da organización e do desenvolvemento do proceso de acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral e por vías non formais de formación, a través da Subdirección Xeral de Formación Profesional.

Convocatoria do procedemento

1. As unidades de competencia e o número de prazas obxecto desta convocatoria, así como a súa relación cos títulos de formación profesional e cos certificados de profesionalidade, son as recollidas no anexo I desta orde.

2. A convocatoria será publicada integramente no Diario Oficial de Galicia, e un extracto no BOE.

Os traballadores e as traballadoras en activo ou en situación de desemprego sen acreditación oficial da súa competencia profesional.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Formación Profesional

Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546566

Fax: 981546542

Dirección Xeral de Formación Profesional
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

13/01/2020 00:00 - 07/02/2020 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será desde o 13 de xaneiro ao 7 de febreiro de 2020, ambos os dous incluídos.

1. Para acceder a este procedemento, os candidatos e as candidatas deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Posuír a nacionalidade española; atoparse incluído como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito da aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE; ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.

b) Ter feitos 18 anos, no momento de realizar a inscrición, para as unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel 1, e 20 anos para as unidades de competencia de nivel 2 e 3.

c) Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.

c.1) No caso de experiencia laboral, xustificaranse polo menos tres (3) anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria, para unidades de competencia de niveis 2 e 3; para unidades de competencia de nivel 1 xustificarán, cando menos, 2 anos cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total.

c.2) No caso de formación, xustificaranse polo menos 200 horas para unidades de competencia de nivel 1 ou 300 horas para as unidades de competencia dos niveis 2 e 3, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que se pretendan acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.

d) As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales solicita a súa inscrición. Tampouco poderán posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/s unidade/s de competencia que solicita, nin as súas equivalentes ou a acreditación parcial das unidades de competencia que solicita. Ademais, non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicita. Para todo isto presentarán declaración responsable que farán constar na solicitude.

2. As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa indicados na alínea anterior e que non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presenten a xustificación, mediante algunha proba admitida en dereito, da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación. A comisión de coordinación recollida no artigo 5 da presente orde será a encargada de estudar estes casos, e emitirá un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva como solicitante na correspondente sede.

  • Asesoramento do candidato/a para participación no procedemento para o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación ( 30.42.01)
  • Avaliación da unidade de competencia (por cada unidade de competencia para a que se solicite a avaliación) ( 30.42.02)

Pode realizar o pago destas taxas na Oficina Virtual Tributaria.

1. Solicitudes.

A solicitude de participación no procedemento deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e requirirá cubrir previamente os datos na aplicación informática que se atopa no enderezo www.edu.xunta.es/acreditacion, desde onde deberá xerarse o formulario normalizado.

Os datos relacionados coa documentación xustificativa do historial profesional e/ou formativo alegados e dos requisitos de participación no procedemento, segundo o establecido nos artigos 6 e 7 desta orde, cargaranse na dita aplicación informática.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pon á disposición das persoas solicitantes os medios técnicos e humanos suficientes no sentido do que establece o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, como xustificación da obrigatoriedade de presentar as solicitudes exclusivamente por medios electrónicos. Os solicitantes que o necesiten serán asistidos en calquera centro educativo con formación profesional.

As persoas que non posúan DNI, NIE ou certificado electrónico aceptado pola sede electrónica da Xunta de Galicia deberán xerar e imprimir a solicitude desde a aplicación informática e presentala, xunto coa documentación establecida no artigo 8.2, na secretaría do centro integrado de formación profesional (CIFP) onde se vaia desenvolver o procedemento, segundo o recollido no anexo II desta orde. Só para estes casos, de enviarse por correo, o envío da solicitude deberá ser certificado, co selo de Correos no encabezamento da primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación. Deberase xuntar copia da documentación que se precise, que será cotexada cos orixinais na secretaría do centro onde se presenten.

2. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Para todos os solicitantes.

– Currículo no formato Europass. Poderase xerar desde a aplicación cos datos incorporados nas pestanas de formación, experiencia e historial profesional e formativo.

– Copia dos certificados que acrediten a formación alegada, en que consten os contidos e as horas de formación, e o organismo que a acredita.

b) Solicitantes que reúnan os requisitos pola vía da experiencia laboral.

b.1) Solicitantes que adquiran as competencias como traballadores/as asalariados/as.

– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña, ou da mutualidade laboral en que se teña afiliación, onde consten a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación (informe de vida laboral).

– Copia dos contratos de traballo.

– Certificado da empresa en que se adquiriu a experiencia laboral, en que se reflicta especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, a actividade desenvolvida e o intervalo de tempo en que se realizou a devandita actividade, segundo o modelo de anexo V.

b.2) Solicitantes que adquiran as competencias como traballadores/as autónomos ou por conta propia.

– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña dos períodos de alta na Seguridade Social no réxime especial correspondente.

– Descrición da actividade desenvolvida e do intervalo de tempo en que se realizou, adaptada ao modelo de anexo V.

b.3) Solicitantes que adquiran as competencias como traballadores/as voluntarios/as ou bolseiros/as.

– Certificación da organización onde consten as actividades e as funcións realizadas, e o número total de horas, adaptada ao modelo de anexo V.

c) Solicitantes que non poidan xustificar a súa experiencia acolléndose ao artigo 6.2.

– Calquera outra documentación de carácter laboral e/ou formativo que sirva como proba potencial da competencia que se pretenda demostrar e permita contrastar os requisitos.

d) Solicitantes que non posúen DNI ou NIE.

– Permiso de traballo, no caso de persoas estranxeiras, só no caso de opoñerse expresamente á consulta de residencia ou de non presentar o documento acreditativo.

– Certificado do rexistro de cidadán ou cidadá comunitario/a ou tarxeta familiar de cidadán da Unión Europea ou, de ser o caso, copia do pasaporte en vigor (no caso de cidadáns comunitarios que non estean incluídos na situación anterior).

e) Solicitantes con discapacidade.

– Certificado acreditativo da discapacidade, se non foi emitido pola Xunta, no caso de solicitar algunha adaptación ou a exención de taxas.

f) Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente para o caso dos/das solicitantes que participasen en convocatorias anteriores dentro dos últimos cinco anos, e pasasen á fase de asesoramento e/ou de avaliación ou quedaron como reservas por non dispor de prazas vacantes, de participaren na presente convocatoria e na mesma sede non terán que presentar a documentación xa achegada. Tamén poderán acollerse na aplicación informática á opción de recuperar os datos cargados para actualizalos, ou cargar unha solicitude de novo.

g) A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas solicitantes presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende, a través da súa carga na aplicación informática e posterior presentación electrónica, agás nos casos de persoas que non posúan DNI, NIE ou certificado electrónico a que se fai referencia no artigo 8.1. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

h) De non presentar a solicitude e documentación consonte o establecido anteriormente, as solicitudes serán excluídas do proceso de admisión.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. Deberase achegar necesariamente a tradución oficial de todos os documentos que non estean redactados nas linguas galega ou castelá.

5. A falsidade nos datos achegados ou declarados suporá a exclusión do procedemento.

6. Cada participante presentará unha única solicitude. Poderá elixir unha ou varias unidades de competencia das que se convocan, sempre que estean incluídas nun mesmo ciclo formativo e se desenvolvan nunha mesma sede.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluidos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) No caso de persoas estranxeiras, certificado de residencia en España.

b) Discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia.

c) Situación actual de desemprego.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente do formulario da solicitude, anexo III, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento que non sexan obxecto do establecido nesta orde deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Taxas

Para ter dereito a participar nas fases de asesoramento e avaliación, a persoa candidata admitida ao procedemento terá que formalizar o pagamento das taxas correspondentes previamente á realización de cada unha das fases.

1. Pagamento da taxa da fase de asesoramento.

– O candidato admitido para a realización da fase de asesoramento deberá aboar unha única taxa de 20,73 euros (ou a vixente no momento).

– O pagamento da taxa deberase realizar de forma telemática ou a través do impreso de autoliquidación en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, consignando os seguintes datos:

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: código 07.

Delegación de servizos centrais: código 13.

Servizo de secretaría xeral: código 01.

Taxa denominación: asesoramento do/da candidato/a para participar no procedemento para o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación: código 304201.

O xustificante do pagamento deberáselle entregar ao asesor na primeira reunión de asesoramento que se realice. A non presentación deste no tempo e forma procedentes suporá a exclusión do aspirante.

2. Pagamento da taxa de avaliación.

A persoa candidata admitida para a realización da fase de avaliación deberá aboar unha taxa de 10,37 euros por cada unha das unidades de competencia en que solicite a súa avaliación (ou a vixente no momento).

– O pagamento da taxa de avaliación, igual que a de asesoramento, deberase realizar de forma telemática ou a través do impreso de autoliquidación en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, consignando os seguintes datos:

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: código 07.

Delegación de servizos centrais: código 13.

Servizo de secretaría xeral: código 01.

Taxa denominación: avaliación da unidade de competencia (por cada unidade de competencia para a cal se solicite a avaliación: código 304202.

O xustificante do pagamento da taxa de avaliación entregaráselle á comisión de avaliación cando a persoa candidata sexa citada para realizar esta fase. A non presentación deste no tempo e forma procedentes suporá a exclusión do aspirante.

3. Exencións do pagamento.

– De acordo co artigo 23, punto 10, da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento de taxas as persoas que no momento de iniciárense as sesións de asesoramento e avaliación, figuren como desempregadas, así como aquelas persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– Xustificación.

As persoas exentas do pagamento das taxas deberán presentar, no momento do asesoramento e/ou da avaliación, a documentación que acredite este dereito:

– No caso do/da traballador/a desempregado/a, a certificación relativa á condición de demandante de emprego expedida polos servizos públicos de emprego, só no caso de opoñerse expresamente a súa consulta.

– No caso de discapacidade, certificado acreditativo do grao de discapacidade de non ter que ser emitido pola Xunta ou no caso de opoñerse expresamente á súa consulta.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 29 de novembro de 2019 pola que se convoca o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais (DOG nº 236 do 12 de decembro de 2019).

    • Resolución do 19 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se nomean os asesores e as asesoras que actuarán no proceso de acreditación de competencias convocado pola Orde do 29 de novembro de 2019. (DOG nº 101 do 27 de maio de 2020).

  • Ámbito Estatal
    • Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral (BOE nº 205 do 25 de agosto de 2009).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED515A

Solicitude de validación de módulos de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño

Aberto todo o ano

ED515B

Solicitude de exención do módulo de formación práctica en empresa, estudio ou taller (FPEET) pola correspondencia coa práctica laboral

Aberto todo o ano

ED517E

Convocatoria de probas libres de títulos extinguidos establecidos ao abeiro da Lei Orgánica 1/1990, do 3 de outubro grao medio

Aberto todo o ano

TR301K

Accións formativas para o emprego dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas.

Prazo aberto: 16/07/2025 00:00 - 01/12/2025 23:59