Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED481B
Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Concesión de axudas á etapa de formación posdoutoral nas univesidades do SUG.
Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades públicas do Sistema universitario de Galicia (SUG), os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957649
Email: sxu@edu.xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
20/02/2024 00:00 - 19/03/2024 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutora ou doutor que cumpran na data límite de presentación de solicitudes as condicións que se indican a continuación:
a) Que a data de finalización dos estudos conducentes á obtención do título de licenciatura, grao ou equivalente que lle deu acceso ao doutoramento sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2013.
b) Estar en posesión do grao de doutora ou doutor e que este fose obtido en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2019. Entenderase como data de obtención do título de doutora ou doutor a data de lectura e aprobación da tese de doutoramento.
A data de obtención do título de doutora ou doutor poderá ser anterior ao 1 de xaneiro de 2019, pero deberá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2017, no caso das persoas tituladas que acrediten fidedignamente algún dos seguintes supostos:
1. Que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de tres anos entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2018.
2. Que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.
3. Que interrompesen a súa formación por causa dunha enfermidade grave ou que se dedicasen á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.
No caso das persoas candidatas que estean en posesión de máis dun título de doutoramento, os requisitos expresados referiranse ao primeiro dos doutoramentos obtidos.
c) Non ter sido seleccionada para algún dos seguintes programas:
– Programas posdoutorais da Xunta de Galicia.
– Axudas nunha convocatoria estatal das actuacións Juan de la Cierva-formación ou Juan de la Cierva-incorporación.
– Axudas e/ou contratos posdoutorais que recollan estadías en centros de investigación no estranxeiro de dous ou máis anos de duración, computado de xeito individual nun só período de dous ou máis anos de duración ou conxuntamente se as axudas e/ou contratos prevén o seu desenvolvemento en períodos fraccionados.
– Axudas ou contratos posdoutorais no estranxeiro que prevexan unha duración igual ou superior a dous anos, computado de xeito individual nun só período de dous ou máis anos de duración ou conxuntamente se a axuda e/ou o contrato prevé o seu desenvolvemento en períodos fraccionados.
No anexo III indicado no artigo 7 destas bases deberán declararse todas as axudas, contratos e/ou estadías de carácter posdoutoral que a persoa candidata obtivese con anterioridade á presentación da solicitude de participación nestas axudas.
d) Ademais, as solicitudes que presenten persoas candidatas que opten á condición de bolseiras Fulbright deben cumprir os seguintes requisitos:
– A duración da estadía nos EUA será dun mínimo de 20 meses e un máximo de 24 meses de maneira continuada, tendo en conta as normas indicadas no artigo 5.1.b.5 desta orde.
– Ter nacionalidade española.
– Nivel de idioma inglés –falado e escrito– adecuado para completar o proxecto de investigación nos EUA. As persoas candidatas que estean en posesión dun certificado que demostre o seu nivel de inglés deberán achegalo e a Comisión Fulbright comprobará esta circunstancia na entrevista que se indica no artigo 12.6. No caso de que unha persoa candidata non demostre un nivel de inglés suficiente na entrevista, non poderá obter a condición de bolseira Fulbright, aínda que seguirá gozando da axuda de formación posdoutoral.
– Non ter participado e completado unha estadía de investigación posdoutoral nos EUA cun visado J-1 na categoría de Research Scholar/Professor durante os 24 meses previos á data de incorporación ao seu centro de destino.
– Non estar gozando na actualidade dun programa de investigación posdoutoral nos EUA cun visado J-1 por un período superior a seis meses.
– Non ser residente, cidadán ou ter dereito á cidadanía dos Estados Unidos.
Para viaxar aos Estados Unidos, as persoas beneficiarias Fulbright deberán estar en posesión dun visado especial J-1 de acordo coa normativa estadounidense, e os familiares acompañantes, dun visado J-2 ligado ao visado da persoa beneficiaria. A persoa beneficiaria e/ou os familiares acompañantes, unha vez completado o período da estadía financiada, comprometeranse a non fixar a súa residencia permanente nos Estados Unidos ata que transcorran dous anos. En caso contrario, deberase contar coa oportuna autorización dos dous países.
Forma e lugar de presentación de solicitudes.
1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de maneira individualizada para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados ED481B para as universidades do SUG (anexo II) e IN606B para as demais entidades (anexo II bis), dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha única entidade beneficiaria e sempre e cando cumpra os requisitos exixidos.
5. De se presentar máis dunha solicitude da mesma entidade para unha mesma persoa candidata, terase en conta a última solicitude presentada e considerarase que se desiste das outras.
Documentación complementaria.
1. As entidades interesadas deberán achegar con cada solicitude a seguinte documentación:
a) Documento asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o anexo III, no cal se fagan constar os seguintes aspectos:
– Que acepta ser presentada como candidata ás axudas, indicando que se presenta por unha única entidade solicitante no ámbito desta convocatoria, e no cal se fagan constar a rama de coñecemento e a área temática ás cales se adscribe, así como a declaración opcional do compromiso de utilizar a lingua galega na memoria final da actividade.
– Que non foi seleccionada nos programas posdoutorais da Xunta de Galicia, nunha convocatoria estatal das actuacións Juan de la Cierva-formación ou Juan de la Cierva-incorporación.
– Que non desfrutou con anterioridade de ningunha axuda e/ou contrato posdoutoral que recolla estadías en centros de investigación no estranxeiro de dous ou máis anos de duración, computado de xeito individual nun só período de dous ou máis anos de duración ou conxuntamente se a axuda e/ou contrato prevé o seu desenvolvemento en períodos fraccionados.
– Que non desfrutou con anterioridade de ningunha axuda e/ou contrato posdoutoral no estranxeiro que prevexa unha duración igual ou superior a dous anos, computado de xeito individual nun só período de dous ou máis anos de duración ou conxuntamente se a axuda e/ou contrato prevé o seu desenvolvemento en períodos fraccionados.
– Que o plan de estadías que se propón non se desenvolve no país de nacemento, no de nacionalidade, naquel en que obtivo o título de licenciatura, grao ou equivalente, ou o de doutora ou doutor que lle deu acceso ao programa, ou nun país en que desenvolvese actividade investigadora posdoutoral durante máis de tres meses.
O arquivo denominarase anexo III.
b) Documento asinado pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente en que acepta a persoa candidata a ser destinataria da axuda no seo do equipo de traballo. O arquivo denominarase anexo IV.
c) Documento asinado pola persoa directora do departamento, unidade de traballo ou equivalente, en que manifesta a súa conformidade para a integración no seu departamento, unidade de traballo ou equivalente da persoa candidata a ser destinataria da axuda. O arquivo denominarase anexo V.
d) Declaración da entidade solicitante na cal se faga constar en que universidade e con que data obtivo a persoa candidata o grao de doutora ou doutor, así como a titulación que lle deu acceso ao dito grao e a data de finalización destes estudos. O arquivo denominarase Declaración doutoramento.
No caso de que o título de doutora ou doutor se obtivese no estranxeiro, deberá estar homologado ou ser equivalente segundo o establecido no Real decreto 889/2022, do 18 de outubro, polo que se establecen as condicións e os procedementos de homologación, de declaración de equivalencia e de validación de ensinanzas universitarias de sistemas educativos estranxeiros e polo que se regula o procedemento para establecer a correspondencia ao nivel do Marco español de cualificacións para a educación superior dos títulos universitarios oficiais pertencentes a ordenacións académicas anteriores. Para os efectos sinalados neste punto, terase en conta a data de defensa da tese, non a data da homologación ou equivalencia.
Nestes casos, debe achegarse copia da homologación ou equivalencia.
e) No ámbito da SUG, declaración responsable da entidade solicitante na cal se faga constar se a persoa candidata desenvolverá a súa investigación nun departamento, unidade de traballo ou equivalente en que existan necesidades docentes e/ou investigadoras estratéxicas, na fronteira da ciencia, vinculado con tecnoloxías disruptivas ou de alto impacto.
No caso de que non se entregue este documento, entenderase que non desenvolve a súa investigación nestas áreas.
No caso de que non exista concordancia exacta coa listaxe presentada ao abeiro do número 2 deste artigo e co departamento, unidade de traballo ou equivalente en que se integrará, indicado no anexo II bis, será requirido/a para que emende a discrepancia e, de persistir a discordancia, entenderase que non desenvolve a súa investigación nestas áreas.
O arquivo denominarase Declaración estratexia.
f) Curriculum vitae (CV) da persoa candidata a ser destinataria da axuda nun modelo normalizado, preferentemente no modelo da páxina web https://cvn.fecyt.es/. O arquivo denominarase Currículo (CV).
Para os efectos do proceso de avaliación, só se terá en conta a información contida no CV na data de peche do prazo de presentación de solicitudes. Non será posible a actualización posterior da información contida nel. No caso de que se solicite aclaración ou emenda, a información que se achegue deberá referirse, como máximo, á data de peche do prazo de presentación de solicitudes.
g) Un arquivo pdf precedido dun índice no que, en relación co CV citado no punto anterior, se acheguen os documentos dos méritos que se desexen alegar, así como as ligazóns ás publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos ou calquera outra cuestión que se considere oportuna. Para os efectos do proceso de avaliación, soamente se valorará aquela información indicada no CV que teña correspondencia cos documentos ou ligazóns achegados neste arquivo. O arquivo denominarase Méritos.
h) Plan de traballo das actividades que se propoñen realizar durante a vixencia do programa. O plan de traballo terá unha extensión de 1.200-2.000 palabras e estará asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación. O arquivo denominarase Plan traballo.
O plan de traballo deberá estar redactado en galego ou castelán. Se o documento orixinal está redactado noutro idioma distinto, deberá xuntarse unha tradución oficial deste.
i) Plan de estadía detallado, do cal haberá un modelo dispoñible na internet nos enderezos http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal, en que se indiquen os períodos de estadía previstos, a súa duración e os centros de destino escollidos, así como unha xustificación da importancia e relevancia internacional dos centros e grupos de destino para o traballo que se vai desenvolver. Este plan terá que estar asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e a persoa directora do grupo que figura na solicitude. Para cada un dos centros de destino engadirase unha carta de aceptación da estadía, asinada obrigatoriamente polo director ou directora do centro ou figura equivalente con atribucións na área directiva de Recursos Humanos. O arquivo denominarase Plan estadía.
j) Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos no artigo 2.2.b) desta orde sobre a data de obtención do título de doutora ou doutor, se é o caso, incluído o certificado de discapacidade da persoa candidata se non está expedido pola Xunta de Galicia. O arquivo denominarase Excepcionalidade.
k) Documentación que acredite os permisos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación, e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso no período comprendido entre os cinco (5) anos anteriores á data de lectura da tese e a data de peche de presentación de solicitudes, se é o caso, para a aplicación do factor de corrección que se indica no artigo 11.3. O arquivo denominarase Permisos.
l) No caso de que a persoa candidata pertenza ou se vaia integrar nalgún grupo, agrupación, equipo ou centro dos indicados no artigo 12.2 desta convocatoria, certificado da entidade solicitante coa conformidade da investigadora ou investigador principal ou da directora ou director do centro ou agrupación, en que se faga constar esta circunstancia e a convocatoria na cal obtivo o financiamento. O arquivo denominarase Integración.
m) Ademais, para as persoas candidatas que opten á condición de bolseiras Fulbright, declaración responsable segundo o modelo que figura como anexo VI a esta orde. Estas persoas poderán achegar o certificado de coñecemento do idioma inglés de acordo co artigo 2.2.d). O arquivo denominarase anexo VI.
2. No ámbito do SUG, cada entidade solicitante deberá entregar unha única listaxe na cal se inclúa un máximo de dez departamentos, unidades de traballo ou equivalentes con necesidades docentes consideradas estratéxicas, na fronteira da ciencia, vinculado con tecnoloxías disruptivas ou de alto impacto, e un máximo de dez departamentos, unidades de traballo ou equivalentes con necesidades investigadoras consideradas estratéxicas, na fronteira da ciencia, vinculado con tecnoloxías disruptivas ou de alto impacto.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados por medios electrónicos a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
4. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Así mesmo, será necesaria a sinatura electrónica con certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados dos documentos que deban asinar os representantes das entidades solicitantes e as persoas candidatas propostas.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades solicitantes e as persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten e das declaracións responsables. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación destes dous procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda.
c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria da entidade solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social da entidade solicitante.
e) Certificado de estar ao día no pagamento á Axencia Tributaria de Galicia.
f) Informe de vida laboral da persoa candidata.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
– Certificado de discapacidade da persoa candidata, expedido pola Administración autonómica.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio, ou no cadro correspondente do anexo III, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Obrigatoriamente faranse a través do procedemento ED481B ou IN606B e por cada expediente.
- Fase de Solicitude
- Solicitude (Anexo II)
- Aceptación no grupo de investigación ou equivalente (Anexo IV)
- Declaración da persoa candidata para optar á condición de bolseira fullbright (Anexo VI)
- Aceptación no departamento, unidade de traballo ou equivalente (Anexo V)
- Declaración da persoa candidata para ser destinataria da axuda (Anexo III)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 27 de decembro de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (códigos de procedemento ED481B e IN606B) (DOG nº 35 do 19 de febreiro de 2024).
-
Extracto da Orde do 27 de decembro de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (códigos de procedemento ED481B e IN606B) (DOG nº 35 do 19 de febreiro de 2024).
-
Corrección de erros. Orde do 27 de decembro de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedementos ED481B e IN606B) (DOG nº 44 do 1 de marzo de 2024).
-
Resolución do 19 de xuño de 2024, conxunta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e da Axencia Galega de Innovación, pola que se adxudican as axudas da Orde do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (códigos de procedemento ED481B e IN606B) (DOG nº 124 do 27 de xuño de 2024).
-
Resolución do 22 de novembro de 2024 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 19 de xuño de 2024, conxunta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e da Axencia Galega de Innovación, pola que se adxudican as axudas da Orde do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (códigos de procedemento ED481B e IN606B) (DOG nº 230 do 28 de novembro de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Aprobación de centros e institutos de investigación do sistema universitario de Galicia
Aberto todo o ano
Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do SUG-redes.
Prazo pechado: 20/06/2017 00:00 - 19/07/2017 23:59
Axudas para a atracción de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do SUG.
Prazo pechado: 20/05/2020 00:00 - 01/06/2020 23:59
Axudas para a retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do SUG.
Prazo pechado: 20/05/2020 00:00 - 01/06/2020 23:59