Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED421A
Axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do sistema universitario de Galicia.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula no curso académico 2019/20 de persoas desempregadas con titulación universitaria matriculadas nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia.
Contía da axuda.
1. A contía da axuda cubrirá o importe das materias matriculadas por primeira vez, ata un máximo de 60 créditos, do máster universitario oficial segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 73/2019, do 4 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2019/20 (DOG núm. 131, do 11 de xullo).
Para os incluídos no punto 1.2 do anexo do decreto a contía máxima asignada será de 835,8 euros para os da epígrafe A) e de 591 euros para os da epígrafe B).
Para os incluídos no punto 1.3 do anexo do decreto a contía máxima asignada será de 1.881,6 euros para os da epígrafe A) e de 1.296,6 euros para os da epígrafe B).
2. A axuda só alcanzará para a realización dun único máster universitario.
3. Quedan excluídas do importe da axuda as exencións e bonificacións do pagamento das taxas ás que tiver dereito a persoa beneficiaria.
4. A repartición da axuda efectuarase en función dos criterios da avaliación previstos no artigo 12 desta orde ata esgotar a asignación orzamentaria ou o seu incremento, se for o caso.
Persoas desempregadas con titulación universitaria matriculadas nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia.
Obrigas das persoas beneficiarias.
A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:
a) Informar o órgano que concede a axuda da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.
b) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei /2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.
d) Seguir durante o curso académico os estudos en que se atope matriculada e non anular a matrícula.
e) Concorrer a exame e superar, como mínimo, 30 créditos dos matriculados en convocatoria ordinaria e extraordinaria.
f) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades antes do 15 de agosto de 2020, unha vez rematado o curso, unha certificación ou extracto do expediente académico dos estudos cursados.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Universidades
Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544430
Fax: 981545422
Prazo de presentación: PECHADO
12/09/2019 00:00 - 21/10/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 21 de outubro de 2019.
Poderán solicitar estas axudas as persoas tituladas universitarias que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar en situación de desemprego na data de presentación da solicitude.
b) Ter rematados os estudos universitarios que dan acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2017.
c) Estar matriculado no curso académico 2019/20 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia, dun mínimo de 60 créditos, excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados.
d) Non estar incluídas nos casos de exención total de matrícula previstos no artigo 12 do Decreto 73/2019, do 4 de xullo (DOG núm. 131, do 11 de xullo), polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2019/20.
e) Non ter gozado desta axuda en convocatorias anteriores.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ao teren as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizar as solicitudes.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Unha vez completada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.
As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es
Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento:
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa representación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
Comprobación de datos.
Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
1. DNI ou NIE da persoa solicitante.
2. DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.
3. Vida laboral dos últimos 12 meses.
4. Título universitario oficial español que dá acceso ao máster.
5. Certificado da universidade correspondente en que deberá figurar o máster universitario oficial en que está matriculada a persoa solicitante, os créditos matriculados no curso académico 2019/20, excluídos os recoñecidos, validados e adaptados, e o importe dos créditos aboados polo/a alumno/a.
6. Un informe de períodos de inscrición como demandante de emprego expedido pola correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, que determinará o número de días de inscrición ininterrompida ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
7. Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
8. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
9. Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberanos realizar electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Inicio
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 2 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2019/20 (DOG nº 172 do 11 de setembro de 2019).
-
Extracto da Orde do 2 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2019/20 (DOG nº 172 do 11 de setembro de 2019).
-
Orde do 11 de decembro de 2019 pola que se fai pública a resolución da orde de convocatoria das axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2019/20 (DOG nº 243 do 23 de decembro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Formación práctica de alumnos en centros asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde.
Aberto todo o ano
Inscrición, depósito documental e certificación da sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego do Protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Prazo pechado: 01/02/2023 00:00 - 03/03/2024 23:59
Bolsas de formación para proxectos de investigación no centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades.
Prazo pechado: 06/06/2018 00:00 - 05/07/2018 23:59
Premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado universitario.
Prazo pechado: 29/01/2025 00:00 - 28/02/2025 23:59