Guía de procedementos e servizos

ED311G

Premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 11/09/2025 00:00 - 10/10/2025 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

Establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou brillantemente os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores conducentes a unha titulación superior de ensinanzas artísticas no curso 2024/25, nos centros dependentes da Xunta de Galicia 

Alumnado de ensinanzas artísticas superiores.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Formación Profesional

Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas

Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546585

Email: sereap@edu.xunta.gal

www.edu.xunta.gal

Dirección Xeral de Formación Profesional
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

11/09/2025 00:00 - 10/10/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

a) Que teña finalizados, no curso académico 2024/25, os estudos conducentes á titulación de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores pola que opta ao premio nun centro de ensinanzas artísticas superiores de titularidade da Xunta de Galicia, e cuxa data de presentación e defensa do traballo fin de estudos (TFE) estea comprendida entre o día 1 de setembro de 2024 e o día 31 de agosto de 2025.

b) Que teña unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5000 sen arredondamento.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, xa que as persoas solicitantes teñen capacidade suficiente e acceso a estes medios, a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda, que deberán observar en todo momento as persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas con esta convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico sereap@edu.xunta.gal

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

 Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, a menos que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

c) Título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores.

d) Certificado do centro correspondente no cal deberá figurar a nota media do expediente académico con aproximación a catro decimais sen arredondamento, e o total dos créditos superados, incluíndo os recoñecidos. Así mesmo, deberá constar o curso académico en que superou o traballo fin de estudos (TFE) e a data en que se realizou o depósito para a expedición do título correspondente.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 26 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores no curso 2024/25 en centros públicos de Galicia (DOG nº 174 do 10 de setembro de 2025).

    • Extracto da Orde do 26 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores no curso 2024/25 en centros públicos de Galicia (DOG nº 174 do 10 de setembro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED202A

Axudas económicas para a formación en empresa

Prazo aberto: 14/10/2025 00:00 - 14/11/2025 23:59

ED317A

Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial

Aberto todo o ano

ED317B

Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral

Aberto todo o ano

ED434A

Homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.