Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED012A
Participación no concurso xeral de traslados dos corpos de persoal docente non universitario dependente da Consellería competente en materia de educación.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Convocar o concurso xeral de traslados dos corpos docentes non universitarios.
Modalidade de participación voluntaria
1. Poderá participar con carácter voluntario neste concurso de traslados:
a) O persoal funcionario que está en situación de servizo activo con destino definitivo en centros dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, sempre que, de conformidade co establecido na disposición adicional sexta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e no artigo 12.1 do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, transcorresen ao final deste curso académico, polo menos, dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.
b) O persoal funcionario que se encontre en situación de servizos especiais declarada desde centros actualmente dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, sempre que transcorresen ao final deste curso académico, polo menos, dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.
c) O persoal funcionario que estea en situación de excedencia voluntaria concedida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
Se se trata do suposto de excedencia voluntaria por interese particular recollida no artigo 173 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, só poderán participar se ao finalizar o curso escolar en que se realicen as convocatorias transcorrese un ano desde que pasan a esta situación e dous anos desde que obtiveron o destino definitivo en que lles foi concedida, se for o caso, a excedencia.
d) O persoal funcionario que se encontre en situación de suspensión declarada desde centros actualmente dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, sempre que ao finalizar este curso escolar transcorrese o tempo de duración da sanción disciplinaria de suspensión.
2. Para os efectos previstos no punto 1, entenderase como data de finalización do curso o 31 de agosto de 2026.
3. As persoas participantes que desexen exercer un dereito preferente para a obtención de destino deberán aterse ao que se determina nas bases décimo quinta, décimo sexta, décimo sétima e décimo oitava desta convocatoria.
Modalidade de participación forzosa
1. Está obrigado a optar ás prazas anunciadas nesta convocatoria, dirixindo a súa solicitude á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional nos termos indicados na base vixésima, o persoal funcionario que se encontre nalgunha das situacións que se indican a seguir:
a) Persoal funcionario que, procedente da situación de excedencia ou suspensión de funcións, reingresase con destino provisional no ámbito de xestión da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional con anterioridade á data de publicación desta convocatoria.
No suposto de que non participe neste concurso ou non solicite suficiente número de prazas vacantes, adxudicaráselle de oficio destino definitivo en prazas que poida ocupar de acordo coas especialidades de que sexa titular ou, teña recoñecidas no caso do corpo de mestres, en centros situados na comunidade autónoma.
De non se lle adxudicar destino definitivo, permanecerá na situación de destino provisional.
b) O persoal funcionario que se encontre na situación de excedencia forzosa ou suspensión de funcións con perda do posto de destino e que, cumprida a sanción, non obtivese un reingreso provisional, e que fose declarado nestas situacións desde un centro dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
O persoal funcionario incluído no parágrafo anterior, no suposto de non participar neste concurso ou se, participando, non solicitase suficiente número de centros dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en que corresponde impartir ensinanzas do seu corpo, cando non obteña destino definitivo, quedará na situación de excedencia voluntaria prevista no artigo 173 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do empregado público de Galicia.
c) O persoal funcionario que, estando adscrito a prazas no exterior, deba reincorporarse ao ámbito territorial de xestión da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no curso 2025/26 ou que, despois de reincorporarse en cursos anteriores, non obtivese un destino definitivo.
O profesorado que desexe exercer o dereito preferente á localidade previsto no artigo 17.1.e) do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, deberá solicitar, de conformidade co establecido na base décimo oitava desta convocatoria, todas as prazas a que poida optar en virtude das especialidades de que sexa titular ou teña recoñecidas, correspondentes aos centros da localidade en que tivo o seu último destino definitivo. No caso de que non obteña destino, quedará adscrito provisionalmente á devandita localidade.
d) O persoal funcionario que perdese o seu destino definitivo en cumprimento de sentenza ou resolución de recurso, ou por atoparse en situación de desprazado por falta de horario ou suprimido do posto que desempeñaba con carácter definitivo.
O profesorado que no curso académico 2025/26 está desprazado do seu centro de destino definitivo por falta de horario participará no concurso cos mesmos dereitos que o profesorado suprimido, sen prexuízo da prioridade establecida no artigo 17 do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro.
A situación de desprazado por falta de horario acreditarase mediante certificación da dirección do centro educativo co visto e prace da inspección educativa, agás que xa figurase nos anexos da Resolución do 1 de agosto de 2025 (DOG núm. 160, do 22 de agosto), da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se adxudica destino provisional para o curso académico 2025/26 ao profesorado que non ten horario no seu centro.
Este profesorado poderá exercer o dereito preferente a centro, a localidade e a zona educativa na forma que se indica nas bases décimo sexta e décimo oitava.
O persoal docente do corpo de mestres que exerza este dereito preferente farao con carácter forzoso á localidade en que estaba situado o seu centro de destino, no caso de que exista outro ou outros centros na localidade; pola contra, participará á localidade en que se teña recoñecido o dereito preferente como consecuencia da escolarización do alumnado. Pode participar con carácter voluntario a unha ou máis localidades da zona do seu ámbito, podendo, neste suposto, priorizar na epígrafe de peticións estas localidades sobre as que acredita o dereito.
O persoal docente en situación de suprimido ou desprazado por falta de horario que cumpra co deber de participar no concurso de traslados e que exerza o dereito preferente á localidade ou zona educativa en que se encontraba o seu centro non será destinado de oficio.
Así mesmo, este persoal docente que non exerza o dereito preferente, sempre que cumpra co deber de participar no concurso de traslados, non será destinado de oficio mentres non se cumpran as seis convocatorias previstas no Decreto 140/2006, do 31 de agosto.
e) O persoal funcionario que, con perda da praza docente que desempeñaba con carácter definitivo, pasase a prestar servizos en postos non docentes da administración pública, mantendo a súa situación de servizo activo no corpo docente, sempre que cesase nos devanditos postos e obtivese un destino provisional en centros dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
f) O profesorado con destino provisional que durante o curso 2025/26 estea a prestar servizos en centros dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional sempre que accedese ao corpo por convocatoria de procedemento selectivo realizada pola Comunidade Autónoma de Galicia. Este persoal funcionario está obrigado a solicitar prazas da especialidade ou especialidades de que sexa titular ou teña recoñecidas de acordo coas bases desta convocatoria.
Ao profesorado incluído neste punto que non concurse ou que, facéndoo, non solicite suficiente número de prazas vacantes adxudicaráselle de oficio destino definitivo en postos a que poida optar polas especialidades de que sexa titular ou teña recoñecidas en centros situados na comunidade autónoma.
No caso de non obter destino definitivo será destinado provisionalmente pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, polo procedemento que se estableza.
g) O persoal funcionario en prácticas que superou o procedemento selectivo pola quenda libre ou reserva de persoas con discapacidade convocado pola Orde do 14 de febreiro de 2025 (DOG núm. 32, do 17 de febreiro).
Ao profesorado que, debendo participar por este punto, non presente solicitude ou que, participando, non solicite suficiente número de centros, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional adxudicaralle de oficio destino definitivo en prazas que poida ocupar segundo as especialidades de que sexa titular ou, se é o caso, destino provisional.
2. As persoas participantes no concurso pola letra g) do número anterior farano con cero puntos, e na orde en que figuren nese nomeamento como persoal funcionario en prácticas.
Non obstante, o persoal funcionario en prácticas, que participe nos concursos de traslados que se convoquen durante o segundo ano en que sexa nomeado como persoal funcionario en prácticas, cando única e exclusivamente o primeiro ano en prácticas gozase de permiso por nacemento para a nai biolóxica ou de permiso por adopción, por garda con fins de adopción ou acollemento, tanto temporal como permanente, ou permiso do proxenitor diferente da nai biolóxica por nacemento, garda con fins de adopción, acollemento ou adopción por un fillo ou filla, que lle impedise superar a fase de prácticas, a adxudicación dos destinos farase atendendo aos baremos de méritos que se establecen nos anexos desta orde.
A toma de posesión do destino que puidese corresponderlle estará supeditada á superación da fase de prácticas e ao nomeamento como persoal funcionario de carreira.
3. Queda exceptuado da obrigatoriedade de concursar:
O profesorado desprazado do centro cando nel teña destino definitivo un profesor ou profesora da mesma especialidade nado/a antes do 31 de agosto de 1962. Se existe máis dun profesor desprazado, non estará obrigado a concursar o que teña maior dereito, conforme os criterios establecidos no Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
Subdirección Xeral de Recursos Humanos
Servizo de Profesorado de Ed. Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial
Edificio administrativo San Caetano s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545494
Email: persoal.secundaria@edu.xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
Subdirección Xeral de Recursos Humanos
Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria
Edificio administrativo San Caetano s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544483
Email: persoal.primaria@edu.xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
10/11/2025 00:00 - 28/11/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes do concurso de traslados, mediante o procedemento normalizado ED012A, será desde o día 10 de novembro ao 28 de novembro de 2025, ambos os dous incluídos. Finalizado este prazo non se admitirá ningunha nova solicitude nin a modificación das presentadas e os seus termos terán carácter vinculante para as persoas solicitantes. Así mesmo, tampouco se admitirá ningunha documentación complementaria alegada mediante o procedemento ED011A, de conformidade co establecido no punto 2 da base vixésima, unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes do concurso de traslados.
Requisitos específicos para determinadas prazas
1. Requisitos para cubrir determinadas prazas dos centros plurilingües.
Para acceder ás prazas dos centros plurilingües, o profesorado das especialidades correspondentes deberá acreditar, como mínimo, o nivel B2 do Marco común europeo da lingua correspondente, acreditado cunha das titulacións que se publican como anexo da Orde do 18 de febreiro de 2011, modificada pola Orde do 21 de xuño de 2016, pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (DOG do 26 de abril de 2011 e do 7 de xullo de 2016). Será válido, así mesmo, o certificado de nivel intermedio expedido polas escolas oficiais de idiomas, equivalente ao nivel B2 do Marco común europeo de referencia das linguas, expedido conforme o plan de estudos aprobado polo Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro.
2. Requisito de acreditación de coñecemento da lingua galega.
Nas especialidades de Educación Infantil, Primaria, Ciencias Sociais –Xeografía e Historia– do corpo de mestres, nas de Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía e en todas as especialidades do corpo de profesores de ensino secundario referentes á formación profesional específica, en todas as especialidades do corpo de profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional e en todas as especialidades do corpo de catedráticos de música e artes escénicas, será requisito imprescindible posuír o certificado de lingua galega (Celga 4), ou superar o curso de perfeccionamento de lingua galega, ou ter a validación correspondente ou telo superado a través de proba libre ou ter o nivel avanzado de galego da escola oficial de idiomas das ensinanzas reguladas polo Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, ou o nivel intermedio B2 das ensinanzas reguladas polo Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro. Para estes únicos efectos, entenderase que reúnen este requisito os que superasen, no ano en que accederon á fase de prácticas, a proba de coñecementos de lingua galega no procedemento selectivo de acceso ao corpo de mestres, profesores de ensino secundario, profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores de música e artes escénicas, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, ou no acceso a calquera dos corpos de catedráticos.
Data en que se deben reunir os requisitos de participación e de méritos
Todos os requisitos de participación, sen prexuízo do establecido na base décimo terceira, así como os méritos alegados, teñen que reunirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e serán acreditados na forma que se establece nesta convocatoria.
Non serán tidos en conta aqueles méritos alegados que non fosen debidamente xustificados no prazo de presentación de solicitudes establecido na base vixésimo segunda, así como aqueles que non se presenten por medios electrónicos e de acordo co establecido na Orde do 2 de xuño de 2021 (ED011A). Sen prexuízo do anterior, cando a documentación achegada non reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria, requirirase por medios electrónicos a persoa interesada para que achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición ou non se terá en conta o mérito alegado correspondente
Forma de participación
1. As solicitudes (anexo I) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento ED012A).
As solicitudes tamén poderán cubrirse na páxina web https://www.edu.xunta.gal/cxt e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a corrección.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Na solicitude consignarase o código do corpo e da especialidade que figuran nas bases desta convocatoria. Cando se concurse por máis dunha especialidade, o persoal concursante presentará unha única solicitude e, no suposto de participar no concurso de traslados por máis dun corpo, presentarase unha solicitude por cada corpo polo que se participa. No caso de presentar máis dunha solicitude do mesmo tipo, soamente se admitirá a última presentada na sede electrónica da Xunta de Galicia neste procedemento normalizado.
2. Documentación complementaria.
Non será necesaria a presentación de documentación complementaria xunto coa solicitude de participación no concurso de traslados. Con todo, o persoal concursante deberá proceder do modo que se indica a seguir:
2.1. Persoal concursante con expediente actualizado.
De conformidade co establecido no artigo 4.3 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A), todos os datos, tanto de identificación como académicos e profesionais, que figuren no expediente empregaranse na tramitación e valoración de requisitos e méritos nos correspondentes procesos, entre outros, de provisión de postos de traballo, de xeito que non é necesaria a súa xustificación.
O persoal concursante poderá verificar todos os méritos que constan no seu expediente mediante a lapela que permite o acceso ao expediente persoal desde a solicitude de participación no concurso xeral de traslados. Así mesmo, na solicitude de participación do concurso, poderá comprobar aqueles méritos que se consideran para os efectos de baremo desta convocatoria, así como a puntuación total e por apartados, epígrafes e subepígrafes, de ser o caso, que se lle outorga.
Para estes efectos, a baremación da epígrafe 4.1 do anexo XVIII desta convocatoria, para o corpo de inspectores de educación, e das epígrafes 6.1 e 6.3 do anexo XVII, para os restantes corpos, é a outorgada pola Comisión de Avaliación para o persoal que participou no concurso de traslados convocado pola Orde do 8 de novembro de 2010 (DOG do 16 de novembro) ou nas convocatorias seguintes. No suposto de estar de acordo coa puntuación outorgada, deberá marcar a opción de «Acóllome ao baremo do último concurso en que participei», na solicitude de actualización do expediente, e non será necesario neste caso presentar esta solicitude de actualización. No caso de posuír nestas epígrafes novos méritos perfeccionados con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da última convocatoria pola que participou ou se, con carácter excepcional, o persoal interesado discrepa da puntuación outorgada nelas, deberá proceder segundo o establecido na subepígrafe 2.2 desta base para o persoal concursante sen expediente actualizado.
De estar conforme coa puntuación outorgada, o persoal concursante unicamente deberá presentar a solicitude de participación no concurso xeral de traslados de acordo co establecido no punto primeiro desta base.
2.2. Concursante con expediente sen actualizar.
No prazo de presentación de solicitudes establecido na base vixésimo segunda desta orde, o persoal docente que participe no concurso de traslados e non teña o seu expediente actualizado, ademais de presentar a solicitude de participación no concurso por medios electrónicos (código de procedemento ED012A), deberá presentar a solicitude de actualización e/ou modificación do expediente, xunto coa documentación xustificativa, de acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A).
Para optar a prazas dos centros plurilingües, deberá constar o título ou certificado acreditativo da competencia lingüística do idioma correspondente no expediente do persoal concursante.
2.2.1. Alegacións aos méritos recollidos nas epígrafes 4.1 do anexo XVIII e 6.1 e 6.3 do anexo XVII.
A baremación destas epígrafes é a outorgada pola Comisión de Avaliación para o persoal que participou no concurso de traslados convocado pola Orde do 8 de novembro de 2010 (DOG do 16 de novembro) ou nas convocatorias seguintes.
No suposto de posuír nestas epígrafes novos méritos perfeccionados con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da última convocatoria pola que participaron, deberán marcar a opción «Acóllome ao baremo pero desexo alegar publicacións posteriores ao último concurso en que participei», na lapela correspondente da solicitude de actualización do expediente e, ademais de presentar a solicitude de participación no concurso por medios electrónicos (código de procedemento ED012A), deberá presentar, tamén por medios electrónicos, a solicitude de actualización e/ou modificación do expediente xunto coa documentación xustificativa, de acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A).
Se, con carácter excepcional, o persoal interesado discrepa da puntuación outorgada nestas epígrafes, deberá marcar, na lapela correspondente da solicitude de actualización do expediente, a opción «Non me acollo ao baremo e quero volver alegar todo» e, ademais de presentar a solicitude de participación no concurso por medios electrónicos (código de procedemento ED012A), deberá presentar, tamén por medios electrónicos, a solicitude de actualización e/ou modificación do expediente xunto coa documentación xustificativa, de acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A). Neste suposto concreto, no procedemento con código ED011A, deberá achegar, xunto coa solicitude, toda a documentación para a cal solicita baremación relativa a estas epígrafes.
No tocante á presentación dos arquivos electrónicos relativos á devandita documentación xustificativa, deberá aterse aos requirimentos técnicos soportados pola sede electrónica da Xunta de Galicia, que poden consultarse na lapela de presentación: «Presentar documentación de gran tamaño: consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos», que figura na guía de procedementos e servizos correspondente ao procedemento con código ED011A.
2.3. Incorporación das novas alegacións ao expediente persoal.
A Comisión baremadora a que se fai referencia no apartado segundo da base vixésimo sexta será a competente para a verificación da documentación presentada no procedemento con código ED011A e posterior incorporación ao expediente do persoal docente, sen prexuízo do establecido no artigo 6.1 da Orde do 2 de xuño de 2021 no relativo ás competencias de recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación do profesorado.
A nova baremación resultante dos méritos alegados reflectirase no baremo do concurso de traslados cando as novas alegacións sexan validadas, de ser o caso, por esta comisión e poderá ser consultada polo persoal concursante na lapela do baremo existente na solicitude de participación do concurso.
3. Comprobación de datos.
3.1. Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI/NIE da persoa solicitante ou representante.
3.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. O persoal participante forzoso que nunca obtivo o seu primeiro destino definitivo poderá acollerse a non ter puntuación no concurso, marcando esta opción na lapela de baremación. Neste caso, participará no concurso unicamente coa puntuación que corresponda polas subepígrafes 1.1.2 e 1.2.1 do baremo que se publica como anexo XVII desta orde.
5. Aínda cando se concorra a prazas de diferentes especialidades, soamente poderá obterse un único destino.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Seis meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 23 de outubro de 2025 pola que se convoca concurso de traslados entre o persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, profesores técnicos de formación profesional, para extinguir, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación (DOG nº 216 do 07 de novembro de 2025).
-
Resolución do 10 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados entre o persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación (DOG nº 75 do 23 de abril de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Actualización e/ou modificación do expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte ensinanzas non universitarias en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Aberto todo o ano
Procedementos selectivos de acceso, ingreso e de adquisición de novas especialidades dos corpos docentes non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Prazo pechado: 24/02/2026 00:00 - 16/03/2026 23:59
Comisión de servizos do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte docencia en centros dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral.
Prazo pechado: 15/07/2026 00:00 - 21/07/2026 23:59
Comisión de servizos do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros dependentes da consellería de educación, universidade e formación profesional en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde.
Prazo pechado: 13/07/2026 00:00 - 14/07/2026 23:59