Guía de procedementos e servizos

CT302B

Subvencions para o fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con motivo do Xacobeo 21

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 09/07/2020 00:00 - 10/08/2020 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, e dentro das súas competencias, ten por obxecto establecer as bases reguladoras das subvencións destinadas a cofinanciar programacións culturais realizadas por entidades locais co motivo do Xacobeo 21, para contribuír á promoción das artes escénicas e musicais, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT302B).

2. Estas axudas teñen como finalidade o fomento das artes escénicas e musicais de carácter profesional, en particular de teatro, música, danza, novo circo e maxia, nos concellos de Galicia; será subvencionable unha porcentaxe das contratacións que integrarán as programacións e que se desenvolverán nas datas comprendidas entre o 15 de xullo e o 15 de outubro de 2020.

3. As programacións incluídas nesta convocatoria deberán incluír, como mínimo, dúas contratacións de teatro, danza, música, novo circo ou maxia, que deberán ter un orzamento superior a 5.000 euros nos concellos de menos de 20.000 habitantes e de 8.000 euros nos concellos de máis de 20.000 habitantes.

Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable correspondan aos cachés das compañías/grupos que configuran a programación.

2. O gasto considerarase realizado, con carácter xeral, cando se contabilice o recoñecemento da obriga por parte do órgano competente da entidade local, con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado nestas bases.

As entidades locais beneficiarias deberán acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de 60 días naturais contados a partir da data de ingreso do aboamento da subvención na conta bancaria da entidade local beneficiaria, de conformidade co establecido no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades de subvencións ás entidades locais galegas.

3. No obstante, no suposto de realizarse pagamentos anticipados como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas, considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na presente convocatoria.

4. Non serán gastos subvencionables:

– Os gastos derivados de calquera tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non recuperable.

– Os gastos de xuros debedores en contas bancarias, xuros, recargas e sancións administrativas e penais, e os gastos dos procedementos xudiciais.

5. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Axencia Galega das Industrias Culturais por propia iniciativa ou por pedimento de calquera das entidades solicitantes.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que realicen unha programación cultural que contribúa á promoción de espectáculos de artes escénicas e musicais producidos por empresas con sede, domicilio social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir coas seguintes obrigas e quedarán suxeitas ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en concreto, estarán obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo e realizar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención, xustificando nos prazos e na forma establecidos o cumprimento dos requisitos, así como o cumprimento da finalidade da subvención e a realización do proxecto que fundamentou a concesión da subvención, destinando os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executando a totalidade das actuacións que fundamentan a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións autorizadas.

2. E, en particular, deberán cumprir coas seguintes obrigas:

a) Realizar a programación nos prazos establecidos nesta convocatoria, a través da páxina de xestión www.galescena.gal.

As programacións deberá recoller un mínimo de dúas actuacións e deberán incluír, polo menos, dúas das cinco disciplinas ofertadas (teatro, circo, danza, música e maxia).

b) Contratar espectáculos de teatro, danza, novo circo, maxia e/ou concertos de música de calquera modalidade, producidos e distribuídos por empresas dedicadas profesionalmente ás artes escénicas ou musicais con sede, domicilio social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, quedando excluídas as asociacións culturais.

c) Formalizar a contratación destas actividades mediante un contrato de actuación artística de conformidade coa lexislación contractual aplicable e vixente.

d) Aboar ás compañías ou grupos participantes na programación o 100 % do caché ou/e importe estipulado no contrato.

e) Asumir os gastos derivados da organización puntual de cada actividade, da coordinación e xestión do ciclo de actuacións, así como dos gastos de difusión gráfica e oral, e o pagamento dos dereitos de autor á entidade xestora destes.

f) Remitir a información sobre públicos e recadación da billeteira en formato electrónico a través da páxina da Agadic: www.galescena.gal nun prazo non superior aos 5 días hábiles seguintes á celebración de cada actuación.

g) Comunicar á dirección da Agadic, con antelación suficiente, calquera modificación da programación en particular, no referente ás alteracións unilaterais do calendario de actuacións, dos horarios de celebración ou dos espazos en que se desenvolve a programación.

h) Utilizar en todo o material de difusión que realice a imaxe corporativa do Xacobeo 2021 e a da Xunta de Galicia, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, marcas que deben ser descargadas do web da Xunta de Galicia:

https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal e https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/xacobeo-2021 respectivamente, así como aqueles logotipos que estean en vigor no momento da concesión da subvención.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Cidade da Cultura. Monte Gaiás

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Prazo de presentación: PECHADO

09/07/2020 00:00 - 10/08/2020 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

As entidades ao abeiro desta orde, sen prexuízo do cumprimento da totalidade da normativa aplicable, deberán reunir os seguintes requisitos:

– Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as entidades en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso, as entidades solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido nesta convocatoria (anexo I).

– Para poder ser beneficiarios destas subvencións, os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión das últimas contas xerais de cada exercicio orzamentario ao Consello de Contas de Galicia.

– Ademais, deberán cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co disposto nos artigos 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica, considerándose como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar a solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (http://sede.xunta.gal/chave365).

3. Estas bases, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Ademais da solicitude (anexo I) publicada xunto coa presente convocatoria, as persoas interesadas nesta subvención presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

1.1. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.2 Acreditación do cumprimento do deber de remisión das contas xerais do exercicio 2018 ao Consello de Contas.

1.3. Certificación emitida e asinada electronicamente polo secretario ou secretaria da entidade local solicitante, na cal se faga constar o acordo do concello polo cal se solicita a subvención, así como o compromiso de financiar o importe ou parte non subvencionable obxecto da actividade ata o importe total de execución.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento destas axudas consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar ao día no cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no cumprimento de obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no cumprimento de obrigas coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 25 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con motivo do Xacobeo 21: Cultura no Camiño +, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT302B) (DOG nº 135 do 8 de xullo de 2020)

    • Extracto da Resolución do 25 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con motivo do Xacobeo 21: Cultura no Camiño +, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT302B) (DOG nº 135 do 8 de xullo de 2020)

    • Resolución do 5 de xaneiro de 2021 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2020.(DOG núm. 12 do 20 de xaneiro de 2021).

Outros procedementos relacionados

CT302A

Adhesión á marca "Fest Galicia" e a realización de contratos de patrocinio con entidades privadas para a realización de festivais de música profesionais.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 13/05/2025 00:00 - 02/06/2025 23:59

CT300A

Axudas ás Asociación de Amigos do Camiño de Santiago e outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e súa peregrinación

Tramitar en liña

Prazo pechado: 15/08/2024 00:00 - 16/09/2024 23:59

CT301A

Subvencións do programa Cultura no Camiño.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 29/02/2020 00:00 - 30/03/2020 23:59

CT302D

Subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 21/05/2024 00:00 - 20/06/2024 23:59