Guía de procedementos e servizos

CT300A

Axudas ás Asociación de Amigos do Camiño de Santiago

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 21/04/2026 00:00 - 20/05/2026 23:59

Presidencia da Xunta de Galicia

Sobre o procedemento

As entregas de diñeiro reguladas por estas bases teñen por obxecto fomentar a estabilidade e consolidación das asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e aqueloutras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, como entidades imprescindibles no fomento da peregrinación xacobea, na acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago e na promoción da cultura xacobea. 

1. Poderán solicitar as axudas as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, e outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade apromoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, legalmente constituídas, e que teñan como obxecto principal o desenvolvemento de accións relacionadas co Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias entidades nas que concorra algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incurso nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable das entidades solicitantes.

3.3. Non se permitirá a presentación de solicitudes conxuntas por varias entidades.

3.4. Cada entidade só poderá presentar un proxecto ao abeiro das bases desta convocatoria. 

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo

A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3

15897  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996264/ 881996265

Email: cultura.xacobeo@xunta.gal

http://www.caminodesantiago.gal

Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

21/04/2026 00:00 - 20/05/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

1. Para poder obter axuda, os proxectos presentados deberán reunir os seguintes requisitos:

a) O proxecto debe estar tecnicamente completo, de xeito que a documentación que se achegue xustifique e explique suficientemente a súa formulación.

b) Deberá fundamentar a súa necesidade social ou insuficiencia de cobertura, no caso da existencia de programas públicos ou privados desenvoltos coa mesma finalidade.

c) O proxecto deber ser viable, tanto en termos de execución económica como social.

d) Deberá contar cunha capacidade técnica, organizativa e de xestión axeitada para levar a cabo o proxecto a realizar.

e) Valorarase a implantación dun sistema de control e avaliación das actividades propias da entidade, mediante o establecemento de indicadores que permitan medir o grao de cumprimento dos obxectivos.

2. Proxectos obxecto das axudas:

a) Promoción do Camiño de Santiago nos territorios das distintas asociacións xacobeas. A través de proxectos que fomenten e divulguen o feito histórico e actual da peregrinación a Compostela e a cultura xacobea.

b) Fomento dos centros de interpretación e información do Camiño de Santiago e da cultura xacobea.

c) Fomento da acollida e a hospitalidade xacobea.

d) Organización de congresos, seminarios e conferencias.

e) Organización de exposicións.

f) Organización de concertos.

g) Edición de libros, revistas, guías, folletos e material divulgativo, en soporte en papel e/ou dixital.

h) Creación de novos contidos web sobre o Camiño de Santiago.

i) Dixitalización de fondos documentais, bibliográficos e cartográficos.

j) Peregrinacións escolares, solidarias e que fomenten a integración das persoas con algún tipo de discapacidade.

k) Organización de activades de promoción e difusión do Xacobeo 2027.

3. Non serán obxecto das axudas:

a) Andainas, comidas e aloxamento que, non formando parte do proxecto presentado ao abeiro destas bases, teñan como participantes aos membros das asociacións ou entidades.

b) Asistencia dos membros da asociación ou entidade a simposios, reunións, feiras ou congresos que teñan como finalidade a mera asistencia aos eventos.

c) Aquelas que teñan como finalidade o financiamento dos gastos correntes da asociación, aluguer de locais, subministracións, etc.

d) O imposto sobre o valor engadido e os impostos de natureza similar.

e) Os proxectos que supoñan un investimento para a entidade beneficiaria.

f) Non se admitirán proxectos análogos presentados por varias entidades por separado, ou que supoñan un fraccionamento parcial, tanto territorial como de execución.

g) Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da axuda e os gastos non subvencionables, de acordo co establecido no artigo 29 da Lei de Subvencións de Galicia. 

Solicitudes

- As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

- Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar as solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións poden estar situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo ata que remate o procedemento.

O defecto na solicitude seralles notificado aos/ás interesados/as e daráselles un prazo de dez días hábiles para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, logo de ditarse a correspondente resolución. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

 Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse á comisión de valoración encargada da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

 Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na que se indicarán as causas desta.

Documentación complementaria

 As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (Anexo I) a seguinte documentación:

a) Escritura de valida constitución da Asociación ou Entidade co seu obxecto social. Os solicitantes estranxeiros deberán achegar a documentación equivalente que acredite a condición de asociación conforme as exixencias da lexislación vixente no país do solicitante.

b) Poder de representación da persoa representante.

c) Memoria descritiva do proxecto presentado.

d) Presentación da relación de gastos previstos no proxecto presentado. Anexo IV. Os importes presentaranse en euros. Non se admitirán os gastos que non figuren nesta relación. Os orzamentos deberan presentar o desagrego da base impoñible e o IVE de cada partida do orzamento.

e) No caso de asociacións ou entidades estranxeiras, documento equivalente ao NIF da entidade solicitante.

f) No caso de asociacións ou entidades estranxeiras documento equivalente ao DNI ou NIE da persoa representante.

g) No caso de asociacións ou entidades estranxeiras deberán presentar un certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia (artigo 10º.4 do Decreto 11/2009) acompañado da súa tradución legal ao galego ou español.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou ditos documentos, que serán conseguidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Sociedade poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a documentación presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións poden estar situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo ata que remate o procedemento. 

 Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

 Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña a súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificado de cumprimento das obrigas tributarias ca AEAT.

e) Certificado de estar ao corrente de pago da Seguridade Social.

f) Certificado de cumprimento das obrigas tributarias ca facenda autonómica da Xunta de Galicia.

g) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

 No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

 Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

No caso de asociacións ou entidades estranxeiras a documentación relacionada nas liñas a) e b) do Artigo 8.1 substituirase pola presentación de documento equivalente.

No caso de asociacións ou entidades estranxeiras a documentación relacionada nas nas liñas c), d), e e) do Artigo 8.1 deberá substituírse por unha declaración responsable que certifique que se atopan ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias recollidas nestes apartados (Anexo VI).

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta Cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, salvo os casos de imposibilidade de conformidade co disposto no art. 6.3.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Anuncio do 10 de abril de 2026 sobre a convocatoria de achegas ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago e a outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación-2026 (DOG nº 72 do 20 de abril de 2026).

    • Resolución pola que se regulan as bases das achegas de diñeiro sen contraprestación da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, convocatoria para o ano 2026

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128A

Inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128B

Cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF500A

Autorización de ocupación de dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia con destino á realización de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano