Guía de procedementos e servizos

CT300A

Subvencións para actuacións de promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 10/02/2022 00:00 - 09/03/2022 23:59

Presidencia da Xunta de Galicia

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto fomentar a estabilidade e consolidación das asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e aqueloutras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, como entidades imprescindibles no fomento da peregrinación xacobea, na acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago e na promoción da cultura xacobea (código do procedemento CT300A), con dúas liñas de actuación:

Liña 1: proxectos relacionados coa acollida aos peregrinos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia: nesta liña subvencionaranse accións de dotación de servizos, accesibilidade, novas tecnoloxías e sustentabilidade ambiental, formación e programas de hospitaleiros voluntarios e accións de mellora de albergues.

Liña 2: proxectos relacionados co estudo e documentación do fito xacobeo, coa difusión da cultura xacobea e publicacións relativas á difusión da cultura xacobea.

 Poderán solicitar as axudas as asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e outras entidades que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, legalmente constituídas, e que teñan como obxecto principal o desenvolvemento de accións relacionadas co Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea.

2. Non se permitirá a presentación de solicitudes conxuntas por varias entidades.

3. Cada entidade poderá presentar un máximo de dúas solicitudes, unha solicitude por cada unha das liñas establecidas no artigo 1 desta resolución.

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Axencia Turismo de Galicia

Dirección de Competitividade

Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial

A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3

15897  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996264/ 881996265

Email: cultura.xacobea@xacobeo.org

http://www.caminodesantiago.gal

Axencia Turismo de Galicia

Prazo de presentación: PECHADO

10/02/2022 00:00 - 09/03/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

1. Para poder obter axuda, os proxectos presentados deberán reunir os seguintes requisitos:

a) O proxecto debe estar completo, de xeito que a documentación que se achegue xustifique e explique suficientemente a súa formulación.

b) Deberá fundamentar a súa necesidade social ou insuficiencia de cobertura, no caso da existencia de programas públicos ou privados desenvoltos coa mesma finalidade.

c) O proxecto deber ser viable, tanto en termos de execución económica como social.

d) Deberá contar cunha capacidade técnica, organizativa e de xestión axeitada para levar a cabo o proxecto que se vai realizar.

e) Valorarase a implantación dun sistema de control e avaliación das actividades propias da entidade, mediante o establecemento de indicadores que permitan medir o grao de cumprimento dos obxectivos.

2. Só se admitirán como gastos subvencionables os efectivamente realizados e pagados con anterioridade ao remate do prazo de xustificación, isto é, do 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de outubro de 2022, e que indubidablemente sexan custos vinculados ao desenvolvemento do proxecto presentado.

3. Non serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Andainas, comidas e aloxamento que, non formando parte do proxecto presentado ao abeiro destas bases, teñan como participantes os socios das asociacións ou entidades.

b) Asistencia dos socios da asociación ou entidade a simposios, reunións, feiras ou congresos que teñan como finalidade a mera asistencia aos eventos.

c) Aquelas que teñan como finalidade o financiamento dos gastos correntes da asociación, alugueres de locais, subministracións, etc.

d) O imposto sobre o valor engadido e os impostos de natureza similar.

e) Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da axuda.

Forma de presentación de solicitudes e das declaracións responsables.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar as solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións poden estar situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Axencia Turismo de Galicia ata que remate o procedemento.

4. As persoas ou entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:

a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.

b) Se se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha axuda de minimis.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

e) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 18 das bases reguladoras.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura de válida constitución da asociación ou entidade co seu obxecto social.

b) Poder de representación da persoa representante.

c) Memoria descritiva do proxecto que se presenta, xunto co anexo III debidamente cumprimentado.

d) Presentación da relación de gastos orzados no proxecto presentado. Non se admitirán os gastos que non figuren nesta relación. Os orzamentos deberan presentar o desagregamento da base impoñible e o IVE de cada partida do orzamento.

e) No caso de asociacións ou entidades estranxeiras, documentación equivalente que acredite a condición de asociación conforme a lexislación do seu país.

f) No caso de asociacións ou entidades estranxeiras, documento equivalente ao NIF da entidade solicitante.

g) No caso de asociacións ou entidades estranxeiras, documento equivalente ao DNI da persoa representante.

h) No caso de asociacións ou entidades estranxeiras, deberán presentar un certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia (artigo 10.4 do Decreto 11/2009) acompañado da súa tradución legal para o galego ou o español.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, salvo nos casos de imposibilidade, de conformidade co disposto no artigo 5.4 destas bases.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 20 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 27 do 9 de febreiro de 2022).

    • Extracto da Resolución do 20 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 27 do 9 de febreiro de 2022).

    • Resolución do 21 de xullo de 2022 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 20 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 148 do 4 de agosto de 2022).

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128A

Inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128B

Cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT141A

Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos Camiños de Santiago.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 16/05/2025 00:00 - 16/06/2025 23:59